Abadín elimina, tras denunciar a Fiscalía, a barreira que impedía a unha muller entrar na casa dende hai seis anos

Obras na casa de Pilar Abeledo, esta semana © SLG

O Concello de Abadín eliminará finalmente a barreira arquitectónica que dificultaba que Pilar Fernández (Pilar Abeledo) entrase e saíse da súa vivenda. A muller, xubilada e cunha discapacidade do 84% que a obriga a desprazarse en cadeira de rodas, levaba case sete anos demandando que o Concello cumprise a Lei de Accesibilidade de Galicia, modificando unha situación creada por unhas obras da propia entidade municipal.

A Fiscalía de Lugo abriu unha investigación para determinar se ao alcalde de Abadín, José María López Rancaño (PP), se lle podía imputar un delito de prevaricación por omisión

Pilar denunciou moitas veces o feito ante o alcalde da localidade e, ademais, presentou un escrito ante a Valedora do Pobo, que lle deu a razón. "Faga o que faga e solicite o que solicite, a min xamais se me contesta", dicía Pilar Fernández en conversa con Praza.gal, enumerando as numerosas peticións oficiais e non oficiais realizadas ante o Goberno local. O seu problema mesmo chegou ata o Parlamento galego, onde se aprobou por unanimidade unha iniciativa que lle reclamaba ao Goberno local de Abadín que procedese "á subsanación dos efectos negativos das obras realizadas que imposibilitan o acceso a súa vivenda".

Finalmente, foi a intervención da Fiscalía de Lugo a que conseguiu mover a posición do Concello, obrigándoo a atender a petición da afectada. O Ministerio Fiscal abriu unha investigación para determinar se ao alcalde de Abadín, José María López Rancaño (PP), se lle podía imputar un delito de prevaricación por omisión.

Pilar Abeledo, ante a súa vivenda ©

As obras comezaron esta semana e nuns días estarán rematadas

En efecto, o pasado 12 de novembro, o Fiscal Xefe Provincial, Roberto Brezmes Caramanzana, ratificou a denuncia interposta pola Fiscal Instrutora do Xulgado de Mondoñedo, Claudia González Fernández, abrindo dilixencias de investigación penal contra o alcalde de Abadín por ser os feitos denunciados presuntamente constitutivos dun “delito de prevaricación, segundo o artigo 404 do Código Penal na súa modalidade omisiva, posto que a inactividade despregada na xestión do presente asunto polo alcalde de Abadín resultaría ser un comportamento que se aparta da busca da satisfacción do interese público como finalidade primordial da actuación administrativa, e trataríase dun comportamento inxusto e arbitrario e, ademais, prolongado no tempo máis alá de calquera prazo razoable...”. 

O Xulgado nº 2 de Mondoñedo determinará se existe un delito de prevaricación por omisión por parte do rexedor

Ese mesmo día 12 de novembro, o Concello de Abadín contrataba a obra que se está a executar esta semana xunto á casa de Pilar Fernández. Prevese que nuns días a actuación estará rematada. Con todo, o Xulgado nº 2 de Mondoñedo determinará se existe un delito de prevaricación por omisión por parte do rexedor

O problema iniciouse en setembro de 1993 cunhas obras de asfaltado levadas a cabo polo Concello que fixeron que a nova estrada ficase entre 12 e 14 centímetros por riba do nivel da porta da súa vivenda, dificultando o acceso (ten que entrar na casa a través do garaxe, dando toda a volta á vivenda) e, ademais, xerando un risco de inundación do inmoble.

"Ninguén lle poderá devolver a Pilar os seis anos da súa vida nos que foi totalmente dependente para poder saír e entrar da súa propia casa, nin compensala pola rabia e a impotencia sufridas durante todo este tempo", di o SLG

Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), que nos últimos anos defendeu con firmeza a posición de Pilar Fernández, destácase que "por desgraza, ninguén lle poderá devolver a Pilar os seis anos da súa vida nos que foi totalmente dependente para poder saír e entrar da súa propia casa, nin compensala pola rabia e a impotencia sufridas durante todo este tempo, todo polo puro capricho e arbitrariedade dun alcalde que así o decidiu, e dun equipo de goberno que o apoiou nesa decisión". 

O sindicato conclúe que "a forza e a enteireza de Pilar na loita polos seus dereitos foi toda unha lección de dignidade e un exemplo para o SLG, que seguirá comprometido en defender e denunciar calquera outro caso semellante a este que se dea en calquera aldea, lugar ou parroquia da Galiza rural".

A obra rematada na casa de Pilar en Abadín, este 25 de xaneiro de 2020 CC-BY-NC-SA Praza Pública

"Eu vexo que a xustiza non é xustiza, porque non é rápida. Que despois de anos e anos che dean a razón, iso non serve"

Hai case un ano Pilar foi unha das protagonistas da Folga Feminista celebrada con motivo do 8 de marzo en Vilalba, coa lectura dun manifesto elaborado por ela, no que afirmaba a súa intención de “seguir loitando contra todo tipo de violencia e inxustiza, veña de onde veña". "Porque isto que me fan a min é un maltrato institucional contra o que seguirei loitando”, dicía.

"Pasei toda a vida traballando e xusto cando debería xubilarme en paz, o Concello créame os problemas", denunciaba Pilar Abeledo en conversa con Praza.gal, unha entrevista na que dicía "irei eu para o cemiterio e estará a pista sen arreglar. Eu vexo que a xustiza non é xustiza, porque non é rápida. Que despois de anos e anos che dean a razón, iso non serve".

"As persoas que sufrimos algunha disfunción física temos que ter o mesmo dereito que as demais, pero iso moitas veces non se cumpre. Ninguén sabe o que é estar nunha cadeira de rodas ata que non se pon no noso pelexo", concluía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.