Pilar Fernández é unha muller residente en Abeledo, no Concello de Abadín. Está xubilada e ten unha discapacidade do 84% que a obriga a desprazarse en cadeira de rodas. En setembro do ano 2013 tivo noticia de que o Concello de Abadín ía asfaltar de novo a pista que pasa por diante da súa casa. Nese momento alertou o Goberno Local da necesidade de que cumprise coa Lei de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas para facilitar a entrada e a saída da vivenda. Porén, o Concello executou a obra sen ter en conta a súa condición, de xeito que a nova estrada ficou entre 12 e 14 centímetros por riba do nivel da porta, dificultando o acceso (ten que entrar na casa a través do garaxe, dando toda a volta á vivenda) e, ademais, xerando un risco de inundación do inmoble.
A nova estrada ficou entre 12 e 14 centímetros por riba do nivel da porta, dificultando o acceso á vivenda e incumprindo a Lei de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas
Nos meses seguintes Pilar denunciou o feito ante o alcalde da localidade e, ademais, presentou un escrito ante a Valedora do Pobo, asinado por un grupo de 55 persoas que alertaban de que a situación estaba "a complicar a súa vida diaria facendo que para ela sexa inalcanzable unha xusta e axeitada autonomía". "Ás dificultades propias de andar en cadeira de rodas súmaselle a de ter unha barreira arquitectónica á porta do seu propio fogar, sendo unha cuestión facilmente solucionable con un mínimo de xustiza e humana vontade", sinalaba o texto, que ía acompañado dun informe de accesibilidade encargado a un arquitecto lucense.
O documento técnico sinalaba que "hoxe en día o nivel do asfalto na fronte da casa supera nuns 15 centímetros o nivel da entrada" e que "fronte á vivenda a pendente para ascender ao camiño é superior ao 20%, porcentaxe totalmente inadmisible. A dificultade increméntase debido á existencia de moita grava miúda solta nos bordos da pista". O texto, que lembraba que a pendente máxima permitida pola lei é do 10%, alertaba de que "Pilar coa súa cadeira eléctrica atrévese a salvar esta barreira nos momentos nos que está acompañada polo importante risco de envorco que supón". O informe técnico facía unha proposta de solución, rebaixando uns 15 centímetros o nivel do asfalto e actuando sobre unha superficie de 70 metros cadrados, unhas obras que terían un custo de 5.600 euros.
A Valedora do Pobo recomendou que "con urxencia se realice a adaptación pendente, que resulta viable e razoable, e que ademais é consecuencia dunha actuación anterior nunha estrada municipal"
A Valedora do Pobo, Milagros Otero, púxose en contacto co alcalde de Abadín, que en setembro de 2016 se comprometeu a elaborar un informe técnico coas posibles solucións que se lle poderían dar a este problema, un informe que nunca se fixo realidade. Ante a falta de novas respostas por parte do Concello, a Valedora volveu requirir da Alcaldía o prometido informe. Así o fixo no ano 2017 e de novo a comezos do ano 2018, lembrándolle ao Concello de Abadín o seu "deber de colaborar no esclarecemento da situación" e ameazando coas "consecuencias legais" de "persistir con esta actitude". Finalmente, en xuño de 2018 a Valedora do Pobo iniciou o expediente de queixa ante o Concello de Abadín, ao que lle fixo chegar a recomendación de que "con urxencia se realice a adaptación pendente, que resulta viable e razoable, e que ademais é consecuencia dunha actuación anterior nunha estrada municipal".
"Faga o que faga e solicite o que solicite, a min xamais se me contesta", di Pilar Fernández en conversa con Praza.gal. "Non lle atopo explicación", engade, cando se lle pregunta se cre que nesta actitude por parte do Goberno municipal de Abadín ten que ver o feito de que hai uns anos formase parte da candidatura do BNG para as eleccións municipais ou o traballo que durante décadas desenvolveu no movemento asociativo.
"Faga o que faga e solicite o que solicite, a min xamais se me contesta"
Ante a falta de resposta por parte do Concello, mesmo ás demandas efectuadas pola Valedora do Pobo, Pilar Fernández e o grupo de persoas que a vén apoiando nestes últimos anos, tomaron a decisión de facer público o conflito. Así, crearon unha petición en Change.org que xa suma case dous mil apoios, levaron o tema aos medios de comunicación e mesmo o realizador Jorge Coira está a gravar un vídeo que relata o seu caso. Ademais, Pilar Fernández foi a encargada de redactar o manifesto que o pasado venres se leu nos actos do 8M en Vilalba, que incidía na necesidade de rachar as barreiras de todo tipo que sofren as mulleres con algún tipo de discapacidade.
Naquel manifesto, Pilar denunciaba o "maltrato institucional" que está a sufrir. "Pasei toda a vida traballando, e traballando moi duro, traballando e atendendo a casa. E xusto cando debería vivir a miña xubilación en paz e en harmonía, resulta que un organismo oficial non só non me arranxa os problemas, senón que mos crea", di en conversa telefónica con Praza.gal.
"As persoas que sufrimos algunha disfunción física temos que ter o mesmo dereito que as demais, pero iso moitas veces non se cumpre. Ninguén sabe o que é estar nunha cadeira de rodas ata que non se pon no noso pelexo", di.
"Irei eu para o cemiterio e estará a pista sen arreglar. Eu vexo que a xustiza non é xustiza, porque non é rápida. Que despois de anos e anos che dean a razón, iso non serve"
Pilar agradece, iso si, o apoio que está a recibir por parte dun gran grupo de persoas: "Se podo sacar algo positivo disto é o cariño que estou recibindo. Xa me gustaría que estes amigo non tivesen que estar facendo isto e que nos xustásemos, pero para celebrar outras cousas, pero é o que nos tocou. Din que os amigos teñen que estar para o bo e o malo, así que eles están agora para o malo".
"Que solución me queda? Acudir ao xulgado pola vía penal?", pregúntase finalmente, aínda que non se amosa optimista con respecto a esta solución: "Irei eu para o cemiterio e estará a pista sen arreglar. Eu vexo que a xustiza non é xustiza, porque non é rápida. Que despois de anos e anos che dean a razón, iso non serve", subliña.