Pilar Fernández (Pilar Abeledo) leva case seis anos reclamándolle ao Concello de Abadín unha solución á barreira arquitectónica que dificulta o acceso á súa vivenda, na parroquia de Abeledo. O obstáculo, de feito, foi creado por unhas obras de asfaltado realizadas polo propio Concello, pero dende entón o Goberno local fixo oídos xordos ás reclamacións da muller, xubilada e cunha discapacidade do 84% que a obriga a desprazarse en cadeira de rodas. Como ela mesma dicía nesta entrevista, "pasei toda a vida traballando e xusto cando debería xubilarme en paz, o Concello créame os problemas".
Burgo (PSdeG) criticou que o alcalde teña “provocado de maneira deliberada” unha “represalia” de cinco anos e medio contra unha veciña
De nada serviu o apoio dun gran grupo de persoas da localidade e de toda a provincia de Lugo, as campañas online, as protestas no 8 de marzo, os escritos presentados ao concello, un informe realizado por un arquitecto e mesmo a intervención da Valedora do Pobo, que recomendou que "con urxencia se realice a adaptación pendente, que resulta viable e razoable, e que ademais é consecuencia dunha actuación anterior nunha estrada municipal".
Agora é o propio Parlamento galego quen, por unanimidade, lle reclama ao Concello de Abadín que "proceda á subsanación dos efectos negativos das obras realizadas que imposibilitan o acceso a súa vivenda". A iniciativa foi presentada por partida dobre por En Marea e PSdeG-PSOE e finalmente transaccionada co PP, que votou a favor.
Vázquez Verao destacou a importancia de iniciativas coma esta para que "persoas coma Pilar poidan saír da súa casa e desenvolver a súa vida con certa dignidade”
Concepción Burgo (PSdeG-PSOE) destacou que de acordo coa Lei de Accesibilidade de Galicia, a actuación é responsabilidade do rexedor municipal e que a Consellería de Política Social ten así mesmo a obriga de facer cumprir coa dita Lei. Burgo criticou que o alcalde teña “provocado de maneira deliberada” unha “represalia” de cinco anos e medio contra unha veciña particular do seu Concello, e faino responsable dunha “responsabilidade moral moi importante”. Finalmente, a deputada socialista cualificou como “triste” que “teñamos que chegar ata aquí para que se reúna a Comisión Técnica de Accesibilidade o próximo día 11”, logo de un lustro de “calvario”.
Pola súa banda, a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao destacou a importancia de iniciativas coma esta para que "persoas coma Pilar poidan saír da súa casa e desenvolver a súa vida con certa dignidade”. Vázquez Verao apuntou que a actuación tería unicamente un custo de 5.600 euros.