O Consello Nacional da formación fíxase como obxectivo aumentar alcaldías e representación municipal
O BNG celebrou este sábado un Consello Nacional no que seguiu concretando a súa folla de ruta para as eleccións municipais de maio do ano próximo. O obxectivo final, sinala a formación, é "conseguir máis alcaldías e ter máis representación en todos os concellos" e fíxase como paso intermedio ter elixidas as cabezas de lista nas sete cidades antes do vindeiro 25 de xullo.
Tras a reunión do Consello Nacional do BNG a súa portavoz, Ana Pontón, salientou a importancia de "traballar con planificación, anticipación e en contacto directo coa cidadanía". Para iso a formación celebrará un encontro nas grandes cidades, outro de gobernos e cogobernos municipais do BNG e un terceiro gran encontro nacional de carácter municipal.
Para conseguir os seus obxectivos electorais municipais Pontón asegurou contar co "mellor aval posible: o modelo municipal de calidade do BNG que transforma en positivo e mellora a vida das persoas", con elas no centro e "construíndo barrio, defendendo os servizos públicos dun PP que recorta e privatiza a costa da saúde, da igualdade e dunha vellez digna".
Na súa intervención Pontón volveu manifestarse en contra da "guerra ilegal de Trump" en Irán e dos efectos económicos que xa está a ter en Galicia, ante o que criticou a inacción da Xunta. Por iso, avanzou que o BNG levará ao Parlamento un "escudo social galego", unha serie de medidas para paliar o impacto económico do conflito.
Pontón reivindica o papel do BNG nas loitas contra Altri e a recuperación do Pazo de Meirás
Pontón tamén se gabou e reivindicou na súa intervención o papel do BNG nas loitas cidadás contra Altri e pola recuperación do Pazo de Meirás. Pontón dixo sentirse "tremendamente orgullosa" do pobo galego "e dun BNG que sempre está ao seu carón".
Ana Pónton rematou a súa intervención lembrando a Francisco García, ex-alcalde de Allariz finado hai unhas semanas. "Se estivese aquí, diría: adiante BNG!".