Pontón incide en que a vaga de incendios é "un punto de inflexión" para mudar as "políticas forestais, ambientais e de desenvolvemento rural" da Xunta e pon sobre a mesa medidas que requiren dun "gran acordo de país" que "aposte por un medio rural vivo e produtivo, e que nos protexa fronte aos lumes"
"Esta vaga de lumes déixanos unha ferida aberta que afecta á nosa economía e ao noso medio natural, pero que tamén nos deixa rabia, dor e indignación ante unha catástrofe que podía terse evitado e a lección e a certeza de que non podemos seguir como estabamos", asegurou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras unha reunión este luns en Ourense, na que presentou o plan integral Da Cinza á Vida, cincuenta medidas deseñadas polo "goberno alternativo" do Bloque para evitar unha vaga de incendios como a vivida este agosto no país.
Para a formación nacionalista, os lumes rexistrados este verán "deben ser un punto de inflexión" para mudar as "políticas forestais, ambientais e de desenvolvemento rural" impulsadas polo PP desde a Xunta e, en definitiva, deixar atrás o "modelo fracasado do PP". "Trátase dunha iniciativa que pretende que teñamos un gran acordo de país", advertiu Ana Pontón, "que aposte por un medio rural vivo e produtivo, e que nos protexa fronte aos lumes".
Máis de medio cento de medidas concretas que teñen como obxectivo "prestar atención inmediata ás persoas afectadas, afrontar unha recuperación ambiental real, cambiar a política forestal e desenvolver un novo modelo de monte", así como "revitalizar o rural e poñer en marcha unha política de prevención dos lumes estrutural e eficaz".
Pontón avoga pola creación dun "fondo de recuperación económico, social e ambiental" por parte da Xunta e do Estado español, cunha "dotación mínima inicial de 200 millóns de euros"
No inmediato, Pontón avoga por crear "un plan de restauración hidrolóxico-forestal e de control da erosión" e un "fondo de recuperación económico, social e ambiental" por parte da Xunta e do Estado español, cunha "dotación mínima inicial de 200 millóns de euros", ampliable en función das necesidades que se detecten, explicou a líder nacionalista, e que vaia directamente ás zonas afectadas polo lume; sen "papeleo innecesario", cunha garantida "burocracia cero", incidiu.
Así mesmo, solicita "incrementar até os 200.000 euros as axudas destinadas a recuperar as vivendas queimadas" e propón artellar unha axuda directa e inmediata de 6.000 euros "para persoas autónomas, Pemes e economía social que permita sufragar gastos de difícil xustificación e necesidades perentorias".
Entre as medidas encamiñadas a acadar un novo modelo forestal e de desenvolvemento rural, Pontón lembrou que un monte produtivo nun rural onde vive xente "é un monte que ten menos posibilidades de arder". Neste sentido, o BNG aposta por que sexa obrigatoria a estrutura forestal en mosaico, alternado especies de distinta combustibilidade con devasas e pasteiros, "o que permitiría promover a biodiversidade" e funcionaría tamén como medida de seguridade, "xa que ordenar así o territorio facilita a súa protección e favorece os labores de extinción".
Desta maneira, quedarían atrás, apuntou Pontón, "esas grandes masas de monocultivo de especies pirófitas que sabemos que son un grave problema cada vez que se producen un incendio". De igual modo, defendeu a implantación dunha moratoria a novas plantacións de eucalipto, unha especie pirófita que considerou "unha auténtica temeridade" continuar expandindo no territorio galego; e fixou o camiño a seguir en "proxectos que incrementen os sistemas de pastoreo, a produción de madeiras de calidade para segundas transformacións e o aproveitamento doutros produtos do monte".
O BNG aposta por crear un plan verde de emprego dotado con 50 millóns de euros "para a contratación de traballadores e empresas locais que fagan labores de limpeza, xestión forestal"
O BNG inclúe neste plan a recuperación das Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) impulsadas no goberno bipartito de PSdeG e BNG entre os anos 2005 e 2009, que "contribuían a ordenar os espazos, crear zonas silvopastorís, devasas, faixas de protección e masas forestais ordenadas e discontinuas". "Permitiría acaba cunha parte do abandono do noso monte, que sexa produtivo e que ademais estea ben ordenado para evitar que os incendios sexan un problema para todos e todas", aseverou Pontón.
Ana Pontón tamén debullou as propostas para garantir unha protección efectiva das persoas, das súas vivendas e do territorio. Entre as que figuran duplicar os fondos destinados á prevención nos próximos dous anos e crear un plan verde de emprego dotado con 50 millóns de euros "para a contratación de traballadores e empresas locais que fagan labores de limpeza, xestión forestal, reforestación e proxectos de ordenación e xestión do territorio".
Por outra banda, a portavoz nacional do Bloque chamou a debater sobre o funcionamento das franxas de protección a casas e a núcleos de poboación. "É evidente que hai que incrementar estas faixas de protección a 100 metros e que a Xunta debe crear un fondo extraordinario que permita executar esta medida porque unha lección que nos deixa esta vaga de lumes é que hai que poñer medidas efectivas para protexer as persoas, as vivendas e o territorio", insistiu.