O presidente di que na actual vaga houbo "marxe de mellora" pero asegura que co goberno de coalición de PSdeG e BNG, con 15.000 hectáreas queimadas menos, "houbo moitas cousas mal feitas"
O agora presidente da Xunta, Alfonso Rueda, era no verán de 2006 o número 2 do PPdeG na oposición ao goberno de coalición de PSdeG e BNG. Como tal, e logo de que nos incendios forestais da primeira quincena de agosto daquel verán ardesen 76.000 hectáreas, 96.000 en todo o ano, pediu a dimisión do daquela conselleiro de Medio Rural, o nacionalista Alfredo Suárez Canal.
Este ano, con 108.000 hectáreas queimadas na vaga deste mes de agosto, 111.000 no que vai de ano, 15.000 máis que en todo 2006 en moitos menos incendios, a súa visión das responsabilidades políticas é distinta e vén de ratificar no seu posto á actual conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns se valora cesar a súa conselleira tras arder máis hectáreas que cando en 2006 pedía o cesamento de Suárez Canal. A súa resposta foi negativa: "No 2006 podo asegurar que houbo moitas cousas mal feitas na miña opinión, vivín iso moi de cerca, é certo que desde a oposición", dixo o agora presidente, que engadiu que hai dúas décadas "o único criterio non foi as hectáreas queimadas, houbo moitas cousas que se puideron facer mellor".
"A actuación da conselleira foi a axeitada en liñas xerais", di Rueda, que volveu criticar o Goberno de España
Sobre a actuación do seu Goberno na vaga deste ano Rueda admitiu que "hai marxe de mellora". "Non todo se puido facer ben, que se intentou facer o mellor posible, por suposto", dixo, para rematar asegurando que "a actuación da conselleira foi a axeitada en liñas xerais".
Rueda tamén foi preguntado pola súa petición de motobombas ao Goberno de España cando el mesmo admitiu nalgún momento houbo motobombas da Xunta paradas por descanso do seu persoal. O presidente argumentou que nos incendios houbo operando 380 motobombas entre as da Xunta e as municipais e que ao Estado pediu 30 motobombas "cos seus correspondentes condutores", pero que "non mandaron nin a primeira, e non veu ningún condutor".