- Polo menos 27 persoas morreron polos incendios en Galicia nas tres últimas décadas
- A Xunta rectifica e eleva de 35.500 a 49.000 as hectáreas queimadas pola vaga de lumes
Este martes o Parlamento de Galicia acollerá unha sesión semellante á vivida o 5 de setembro de 2006. Naquela xornada, vinte días despois de quedar extinguida a peor vaga de incendios en dúas décadas, o presidente da Xunta comparecía no primeiro pleno do período ordinario de sesións para dar conta do sucedido. Enfronte tiña ao novo líder do PPdeG e da oposición, Alberto Núñez Feijóo, quen este 7 de novembro, vinte días despois da vaga de lume máis violenta dende a devandita de 2006, subirá como presidente á tribuna da Cámara para, no segundo pleno ordinario tras a crise incendiaria, abordar o suceso e a súa xestión nunha intervención na que se acumulan, como co mandatario socialista hai unha década, as solicitudes de comparecencia formuladas pola oposición e a do Goberno a petición propia.
Nun debate que chegará marcado polas advertencias do Executivo sobre non dar cabida a outra tese que non sexa a do "terrorismo incendiario", o presidente enfrontarase ás esixencias de explicacións de En Marea, PSdeG e BNG pola xestión da vaga na que, segundo a estimación rectificada pola propia Xunta, arderon case 50.000 hectáreas de monte en apenas dous días. Pero Feijóo tamén terá que comparecer, previsiblemente, ante uns grupos da esquerda que procurarán poñelo ante o espello das súas propias esixencias e reproches de 2006, cando deu en proclamar que "foron os cidadáns e o pobo os que venceron os criminais do lume e supliron a incompetencia do Goberno" de socialistas e nacionalistas.
Este 7 de novembro Feijóo protagoniza unha comparecencia semellante á do presidente Touriño no primeiro pleno tras a vaga de incendios de 2006
O presidente Touriño trazara os marcos daquela comparecencia como unha "transparente" rendición de contas tras "unha vaga de lumes de proporcións descoñecidas". Foran 1.651 incendios e "máis de 8.000 focos" que levaran por diante "77.000 hectáreas do noso monte". O país, dixera Touriño, sufrira a acción de "delincuentes que plantaron lume a esgalla" aproveitando o forte vento e as moi altas temperaturas, "condicións obxectivas e favorables" a unha "acción delituosa" na que os incendiarios actuaran "onde maior dano e maior alarma podían crear".
Pero aquela crise, advertira, tamén puxera "de manifesto, de xeito contundente e descarnado, o esgotamento dun modelo baseado case exclusivamente nas brigadas de extinción". "Sen negarlle certos logros no pasado", sinalara, aquel modelo "apenas servira para lixar a codia do problema, sen peneirar no miolo das causas estruturais" dos incendios, as cales debían ser abordadas cun "gran acordo nacional contra o lume" para inverter o "problema de fondo", o do "monte abandonado e o territorio desordenado" no que, anunciara, o Goberno e coalición ía comezar a intervir con instrumentos como o futuro Banco de Terras.
"O momento de falar de política"
O discurso de Touriño fora retrucado con dureza polo líder do PPdeG, que naqueles días xa impulsaba a plataforma SÓS contra o lume, a través da que convocou a gran manifestación contra a xestión dos incendios celebrada en Santiago apenas dúas semanas despois. Fronte aos chamados actuais a "non politizar" os incendios, quen daquela era voceiro único da oposición advertía a Touriño de que "unha vez controlado o lume, é o momento de falar de política", a comezar por esixir que o Goberno asumise "as súas graves responsabilidades". "Lle pido o que eu faría se estivese no seu lugar; teríamos que cesar ao conselleiro directamente responsable do maior desastre ecolóxico dos últimos dezaseis anos", reclamou, en referencia ao titular de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, a quen definiu como un conselleiro "calcinado".
Feijóo esixira destituír a Suárez Canal e acusara a Touriño de "utilizar os medios públicos e incluso os privados para dicir o que quería previo pago"
Mentres o monte ardía, reprochara Feijóo, o Goberno "estivo e está de vacacións" e por iso o PP se limitaba a "dicir o que di a xente da rúa", isto é, que "as brigadas denuncian que a descoordinación do servizo é total" e que "os veciños" das áreas afectadas aseguraban que o desastre sería menor "se viñesen a tempo" os medios da Xunta. O presidente Touriño, censuraba, estivera "ausente" e, no que cualificou como "feito sen precedentes", "utilizou todos os medios públicos e incluso os medios privados para dicir o que quería dicir previo pago". Agora, en 2017, toda a oposición acusa o Goberno do PP de "manipulación" e de excesiva demora na información da TVG no peor da crise, o domingo 15, e censura que o martes 17 a Xunta inserise como publicidade en diarios impresos a declaración sobre os incendios que o propio Feijóo pronunciara ante a prensa un día antes, insercións publicitarias que supuxeron un custo de 77.000 euros.
Unha foto "patética"
As críticas de Feijóo ao presidente, a quen acusara de "non xogar limpo nesta crise", foran retrucadas por Touriño apoiándose na "frivolidade" coa que, ao seu xuízo, actuara o líder da dereita. Feijóo, afirmou, xa quedara "retratado" literal e simbolicamente na "famosa fotografía" da "manguerita", en referencia á "patética" escena na que, durante a visita a unha zona afectada polo lume en Meis, Feijóo simulara apagar os restos dun incendio. "Se a alguén lle molestei, pido disculpas, non son soberbio", respondera o actual xefe do Goberno galego, quen non obstante tamén atacou a Touriño "pola súa foto en traxe e nun avión".
Touriño reprochara ao líder do PPdeG que "mentise" ao afirmar que arderan 100.000 hectáreas máis das reais e censurara a súa "frivolidade" con imaxes como da "manguerita"
Tampouco aceptara o socialista os reproches sobre a falta de "transparencia informativa" na Consellería de Medio Rural a respecto do dispositivo e das hectáreas queimadas. Dende 2005, lembrara, "a Consellería puxo na páxina web da Xunta a información real e diaria das hectáreas queimadas, cousa que non fixeran vostedes nos dezaseis anos precedentes". Mentres, lamentou, ao PP e ao propio Feijóo "non lles importou mentir" para "chegar a cualificar as hectáreas queimadas de 175.000". "Non lle pareceron suficientes as 77.000 hectáreas devastadas? Como fixeron o cálculo, nas corridas de touros entre vostede e o señor Rajoy?", cuestionara.
Aquel tenso debate culminara con Touriño a convidar, sen éxito, a que Feijóo se sumase á comisión de estudo sobre a vaga incendiaria como primeiro paso para "mudar" as "políticas equivocadas" que "nos conduciron a un modelo de país que non é precisamente idílico". O actual presidente, pola súa banda, reiterara que o socialista seguía a "mentir" e a trabucarse por non promover a destitución de Suárez Canal. "Non quero pensar que ten que pasar en Galicia para que algún conselleiro dimita. Non o quero pensar porque me dá medo", proclamara.