Só catro incendios —os iniciados en Chandrexa de Queixa, Larouco, Oímbra e A Mezquita— queimaron en Galicia a mesma superficie que en 2006 arrasaron arredor de 2.000 fogos
Só desde que o 8 de agosto comezou o incendio de Chandrexa de Queixa a superficie queimada polo lume en Galicia supera as 94.000 hectáreas, segundo a cifra oficial da Xunta, moitas máis segundo as medicións por satélite. Xunto co ardido no resto de ano e á espera de novas medicións á alza de lumes aínda non extinguidos, o queimado ata agora en 2025 supera as 96.600 hectáreas, máis xa que todo o ano 2006. Daquela, hai case dúas décadas, a vaga de lume nos primeiros quince días de agosto calcinou, segundo a Xunta, unhas 77.000 hectáreas, o que unido ao queimado noutros meses deixou o balance final do exercicio nas 96.000 hectáreas afectadas.
Aquela vaga causou un enorme impacto en poucos días, como ocorreu este verán na provincia de Ourense. Morreron catro persoas por mor do lume, que se esparexeu, ao contrario que nesta ocasión, por boa parte de Galicia, afectando especialmente as provincias de Pontevedra e da Coruña.
Houbo moitos incendios, milleiros, que provocaron o caos en numerosas localidades, unha tipoloxía de lume que o diferencia das actuais vagas que, como a deste verán en Ourense, acumulan milleiros de hectáreas arrasadas en poucos fogos.
Así, mentres naquela vaga de 2006 foran arredor de 2.000 incendios os que calcinaron unhas 77.000 hectáreas segundo os datos da Xunta —o Estado eleváraas a máis de 86.000 e o CSIC a 92.000—, na actual iniciada o 8 de agosto e ata a actualidade son máis de 94.000 as ardidas en pouco máis de 30 incendios. A maioría da superficie arrasada, ademais, en catro enormes fogos que suman máis de 76.000 hectáreas: os iniciados en Chandrexa de Queixa, Larouco, Oímbra e A Mezquita.
Xa que logo, só catro incendios —algún deles resultante da unión con outros fogos— queimaron en Galicia a mesma superficie que en 2006 arrasaron arredor de 2.000 fogos.
Esa é unha das consecuencias dos novos tipos de incendios e das súas consecuencias, agudizadas polos efectos do cambio climático, o abandono rural e a elevada concentración de combustible vexetal en montes cada vez menos ordenados
A diferenza se temos en conta os datos anuais é aínda máis importante. En todo o ano 2006 houbo en Galicia uns 7.000 incendios forestais (6.996 segundo os datos da Consellería do Medio Rural) que calcinaron unhas 96.000 hectáreas. No que vai de 2025, e tendo en conta só os incendios e a superficie afectada que notifica a Xunta, ardeu practicamente a mesma superficie en menos de 70 incendios.
No caso de engadir a estes datos os máis de 440 incendios que Medio Rural asume que non notificou publicamente nos primeiros 20 días de agosto —por non superar as 20 hectáreas ou non afectar a espazos protexidos ou núcleos de poboación—, o desfase seguiría sendo importante. As mesmas hectáreas ardidas que en 2006 con 6.500 incendios menos.
Esa é unha das consecuencias dos novos tipos de incendios e das súas consecuencias, agudizadas polos efectos do cambio climático, o abandono rural e a elevada concentración de combustible vexetal en montes cada vez menos ordenados. A expansión virulenta e desaforada dun lume imposible de controlar, que se propaga moi rapidamente e que chega a afectar ducia de concellos e grandes extensión de terreo.
Ata 2022 ningún incendio superara as 10.000 hectáreas. Dous fixérono ese ano, converténdose nos máis grandes documentados na historia de Galicia
Como proba, de novo os datos. Ata 2022, ningún incendio superara as 10.000 hectáreas. Dous fixérono ese ano, converténdose nos máis grandes documentados na historia de Galicia. Neste 2025, catro fogos superaron xa as 10.000 hectáreas e situáronse no podio dos maiores desde que hai rexistros. Na vaga de 2006 o maior incendio tivo lugar en Cerdedo e quedou por baixo das 7.400 hectáreas.
"En eventos como o sucedido este ano en Galicia, a importante superficie ardida, o seu enorme tamaño, é unha consecuencia porque todos os incendios son pequenos nun inicio. A causa é o comportamento extremo dos fogos durante moito tempo, chegando ao límite da capacidade de extinción, facendo que calquera operativo se vexa superado pola velocidade e intensidade das lapas", explica Juan Picos, profesor e subdirector da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra e un dos maiores expertos no monte galego e no lume.
"A causa é o comportamento extremo dos fogos durante moito tempo, chegando ao límite da capacidade de extinción, facendo que calquera operativo se vexa superado pola velocidade e intensidade das lapas", explica Juan Picos
"Temos que ter en conta que o incendio esténdese como unha mancha de aceite; segundo pasa o tempo, a superficie vai aumentando exponencialmente, e con crises que duran dez ou once días, con esas condicións favorables para a súa propagación, a superficie ardida e a dificultade de control aumenta cada vez máis, cun maior perímetro que atender", engade.
Son moitos menos incendios pero moito peores: máis perigosos, virulentos, voraces, veloces e incontrolables en moitos casos. Fogos que avanzan sen control e que a partir do inicio nun foco acaban arrasando milleiros de hectáreas e afectando numerosos municipios. O orixinado en Larouco, xa o máis grande da historia no país, supera as 30.000 hectáreas e espallouse polos concellos de Petín, O Bolo, A Rúa, Quiroga, Vilarmartín de Valdeorras, O Barco, Rubiá e A Veiga.