A vaga de incendios que asola Galicia este verán, a peor do século e a de maior impacto que se lembra, reproduce as condicións e graves consecuencias que voces expertas levan advertindo anos.
Expertos e informes, tamén das administracións, levan anos advertindo de incendios incontrolables, máis perigosos e voraces con consecuencias agudizadas polo efecto do cambio climático
As características dun lume incontrolable, as áreas máis expostas, o perigo crecente nos núcleos de poboación, as consecuencias do despoboamento rural e dun monte descoidado ou o intenso influxo do cambio climático na voracidade das lapas son factores clave. Os mesmos sobre os que numerosos estudos e investigacións científicas chaman a atención desde hai tempo. Tamén ás administracións, que aproban cada pouco informes apoiados nestes expertos onde se advirte destes novos, perigosos, virulentos e inabarcables fogos, que son moitos menos pero moito máis grandes. Hai tempo que están aquí e cada vez son máis frecuentes. Volveron este verán. E estabamos máis que avisados.

Juan Picos, subdirector da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, coordinador do proxecto europeo Firepoctep e un dos maiores expertos no monte galego e nos incendios, teno claro. "Era esperado, claro", afirma quen leva anos participando en análises, comisións e estudos sobre a perigosidade dos novos fogos. "Supoñiamos que ía pasar, pero non podiamos saber cando e onde. A cuestión era se nos podiamos adiantar a eventos de tal magnitude e evitar os maiores prexuízos; tras os incendios de 2006 aprendeuse algo e foron poñéndose en marcha medidas axeitadas, ao igual que despois da vaga de 2017, pero imos moi amodo; seguimos chegando tarde", reflexiona.
"Era esperado, un escenario probable", di Juan Picos, que sinala como clave que as "condicións favorables" para a propagación dun lume virulento déronse "durante moito tempo"
Picos asegura que a destrutiva vaga de lume deste verán foille "sorprendente" porque lle pasou "ante os ollos" o que tantas veces imaxinou. Pero ao tempo aclara que non lle sorprende porque moitos expertos coincidían en que o ocorrido "era un escenario probable". Sobre as opcións para o futuro, insiste no tantas veces expresado: "Hai que intentar desactivar o máximo posible as consecuencias que vagas así poidan ter e minorar os momentos onde os dispositivos de extinción quedan fóra de capacidade de extinción", explica.
A clave da virulencia dos incendios que asolaron Galicia estas semanas está, segundo Picos, en que as "condicións favorables" para tal propagación —seca, baixa humidade, forte calor, vento...— mantivéronse "durante moito tempo". Como acontecera en Portugal hai anos.
Foron os graves incendios de 2017—os de xuño en Portugal que provocaron a catástrofe de Pedrógão Grande e os de outono que asolaron o país veciño e Galicia nunha fin de semana— os que serviron de advertencia para o que estaba por vir. A virulencia e graves consecuencias daqueles fogos, con centos de mortos e núcleos de poboación afectados e milleiros de hectáreas arrasadas, deron conta dun lume cada vez máis incontrolable e perigoso. Cunhas características das que agora, oito anos despois, volven advertir aqueles que se enfrontaron ás lapas en Ourense este verán.
Porque este tipo de incendios xa están asentados en Galicia, axudados polo impacto da crise climática. Como ocorreu na vaga de 2022, que ata este agosto provocara os dous maiores incendios rexistrados na historia, as extremas condicións de calor e seca e a elevada acumulación (polo abandono) de maleza que actúa como combustible vexetal e acelerador do lume foron as causas principais da desfeita. A que provocan fogos que nunca foran tan grandes: nunca se superaran as 10.000 hectáreas ata hai tres anos e neste verán xa houbo catro por riba desa superficie.
Os incendios actuais crean nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas, poden provocar tormentas de lume e inician focos secundarios a quilómetros do inicial
Como naquel 2022 relataba a veciñanza do Courel ou Valdeorras, que advertía de incendios que avanzaban polas montañas como "nunca" viran na vida, agora é a do Macizo Central ou a das mesmas zonas a que fala dun tipo de lume "voraz, virulento e moi rápido". E repiten a mesma frase: "Como nunca se vira". Os bombeiros que daquela advertían de lapas incontrolables agora falan das máis grandes afrontadas na súa carreira profesional.
Este é o lume que agora afronta o noroeste peninsular. Incendios que chegan a provocar nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas previstas, fan rolar os ventos e propagan de maneira caótica as lapas mesmo noutros fogos a ducias de quilómetros. Mesmo poden formar tormentas de lume —cada vez máis probables no país, como advirten investigacións científicas— ou saltar encoros, creando focos secundarios co traslado de charetas ata a dous quilómetros de distancia. Esta multiplicación de focos case simultánea fai que moitas veces se atribúan á man humana o que, en moitas ocasións, xa non é debido a ela.
A excepcionalidade deste tipo de incendios é tal que provoca que a virulencia e potencia das lapas poidan crear unha nube que evite catástrofes maiores a poucos quilómetros. Así ocorreu cos fogos de outubro de 2017 en Portugal, cando unha enorme nube de convección orixinada no norte luso amainou e fixo rolar os ventos que avivaban o lume en Galicia.
Máis próximos ás casas, máis rápidos e máis erráticos
Aínda hai poucos anos, unha tese tamén da Universidade de Santiago (USC) afondaba nas características destes novos incendios resultado do cambio climático: máis frecuentes, rápidos e erráticos. Unha investigación que constatou o aumento significativo na velocidade de propagación do lume por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura. E o influxo desta situación na orixe deses procesos convectivos: pirocúmulos que aceleran os fogos de maneira impredicible e incontrolable.
Todas estas circunstancias tamén provocan que as lapas cheguen cada vez con máis frecuencia a casas e núcleos de poboación, provocando que os recursos teñan que centrarse en salvar vidas e inmobles, dificultando aínda máis os labores de extinción. Así o confirma unha investigación da Universidade de Santiago (USC) que corrobora que os incendios cada vez se inician máis próximos ás vivendas.
Ante a chegada desta tipoloxía de lume forestal, xa o informe técnico encargado pola Assembleia da República en Portugal sobre Pedrogão de 2017 concluíra que a política antiincendios debía ser modificada por mor do cambio climático. E a propia Xunta reclamou o mesmo pouco despois na comisión parlamentaria. que analizou a vaga de lume do mesmo ano en Galicia.
As análises encargadas polos parlamentos portugués e galego tras os incendios de 2017 coincidías na necesidade de mudar a política antiincendios por mor do cambio climático
"Hai que levar a cabo accións estruturais no territorio en condicións máis extremas", dicía o daquela director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto. Anos despois, e tras os graves incendios de 2022, o xa presidente da Xunta, Alfonso Rueda, alertaba do "carácter anómalo" do lume, mentres que o que era conselleiro do Medio Rural, José González, falaba de fogos cun "comportamento que nunca se vira" e que provoca que "queden fóra de capacidade de extinción", tal e como advertían tamén expertos que colaboraron nas análises impulsadas nos parlamentos galego e portugués.
Naquela altura, un informe do Eixo Atlántico advertía da perigosidade do novo "tipo de incendio que vén" e que afecta precisamente a área xeográfica que abrangue Galicia, as provincias lindeiras en Castilla y León e Asturias e a parte máis septentrional de Portugal. Xusto as áreas máis afectadas na vaga deste verán. Tamén esas zonas levan tempo sinaladas como as máis proclives a sufrir fogos virulentos e a que as características comúns que comparten os fagan máis perigosos e inabarcables: semellanzas climatolóxicas, na masa arbórea, na política forestal e no intenso despoboamento rural. Tempadas de seca e a redución drástica de humidade completan a bomba que adoita estoupar.
Galicia, o norte de Portugal e a o noroeste de Castilla y León levan tempo sendo sinaladas como as áreas máis proclives a sufrir os novos e perigosos incendios, como ocorreu neste verán
Non fai falta ir tan atrás para atopar análises que abordan con detalle as causas destas vagas de lume tan destrutivas. Aprobado o pasado maio no Consello da Xunta, o Pladiga inclúe unha parte dedicada a analizalas xunto co seu contexto político, social e económico. O traballo, dependente da Consellería do Medio Rural, apunta diversos factores por tras do "complexo" problema dos incendios, dende políticas forestais prexudiciais á estrutura da propiedade da terra no noso país. E, como antes outros documentos e estudos, nin sequera menciona a tese das "tramas" ou do suposto "terrorismo" que adoita resucitar nos argumentarios oficiais tras épocas máis virulentas como a deste ano. Mesmo Feijóo volveu tirar este verán dunha tese que nin policía, nin Fiscalía nin a propia administración autonómica apoian.
O Pladiga resalta que "as principais causas" do lume "en canto á superficie afectada" están "en gran parte determinadas por circunstancias estruturais tanto de dispersión da poboación, xestión forestal, orografía e socioloxía" como polo "abandono do poboamento rural". A comezar "polo réxime da propiedade da terra, con máis de dous terzos do solo forestal" en "montes de titularidade privada moi disgregado e heteroxéneo".
"Zona de guerra"
A este feito, indica o documento elaborado dende Medio Rural que recibiu o visto e prace do Goberno galego en pleno, "súmase a herdanza do resultado dunha política de (re)forestación non dotada en ocasións dunha conveniencia propia" en canto a "especies arbóreas, distancia e xestión". "Todo isto —agrega— acompañado por unha rexeneración do estrato vexetal moi abondosa e vigorosa" por mor da meteoroloxía e outras condicións do territorio galego, "convertendo este manto en combustible cun alto grao de ignición e propagación" que "favorece" situacións "complexas" como "reproducións" dos incendios, "multiplicidade de focos" ou "rápido avance das lapas".
Un escenario apocalíptico que non só aconteceu xa en Galicia ou no norte luso, senón que foi advertido por expertos e informes encargados polas administracións, que alertaron de que episodios deste tipo poderían facerse máis habituais nos vindeiros anos por mor do cambio climático. De 2017 a 2022 pasaron cinco anos. Entre 2022 e 2025, tan só tres.
Só nestes tres fatídicos anos arderon arredor de 210.000 hectáreas en Galicia, o equivalente a case a metade da provincia de Pontevedra. Aldeas enteiras foron arrasadas. En 2022, na Veiga de Cascallá, en Rubiá, a veciñanza definía como "un escenario de guerra" a devastación provocada polas lapas. En 2025, en San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, a reflexión era a mesma: "É unha zona de guerra". Un conflito contra as lapas, o abandono e os efectos do cambio climático. Batallas das que hai tempo que se leva avisando.