As medicións por satélite ofrecen cifras moi superiores de superficie ardida que os datos que divulga a Xunta, que xa só considera activos tres incendios, entre eles o do Macizo Central iniciado o 8 de agosto e o de Trevinca, que leva xa 4.400 hectáreas
Nos 18 días que van desde que o 8 de agosto comezou en Chandrexa de Queixa o gran incendio do Macizo Central ourensán xa van queimadas, segundo a contabilidade oficial da Xunta, unhas 92.000 hectáreas. A cifra, segundo as medicións por satélite, podería ser moi superior, pero incluso coas eivas de transparencia dos datos fornecidos polo Goberno galego, que omiten centos de incendios de pequeno tamaño, xa supón máis superficie queimada que na histórica vaga de 2006, cando na primeira quincena de agosto resultaran queimadas unhas 77.000 hectáreas.
De feito, as 92.000 hectáreas queimadas só nos últimos 18 días achéganse xa ás 96.000 que arderan en todo o ano 2006, o peor ano da historia recente sen remontarse ás crises case anuais de máis de cen mil hectáreas que se vivían na década dos anos 80 do século pasado.
Pero a crise actual parece que comezou a remitir finalmente durante esta pasada fin de semana, coa progresiva estabilización e control dos maiores incendios e a extinción dos de menor superficie. Unha evolución na que a meteoroloxía está a ter un papel importante, con novas baixadas de temperaturas e mesmo chuvias previstas ao longo dos próximos días, xa de xeito xeneralizado a partir do mércores, segundo coinciden MeteoGalicia e a Axencia Estatal de Meteoroloxía.
En 2006 arderan na primeira quincena de agosto 77.000 hectáreas e 96.000 en todo o ano
Segundo o parte oficial da Xunta da noite deste domingo, sen apenas variacións na mañá deste luns, son só tres os incendios que están activos: o do Macizo Central iniciado en Chandrexa de Queixa o 8 de agosto, que leva queimadas 19.000 hectáreas pero do que se informa dunha "evolución favorable, xa que están estabilizados os focos de Chandrexa); o de Carballeda de Valdeorras que afecta a Trevinca e que afecta xa a 4.400 hectáreas; e un novo incendio aparecido na tarde deste domingo en Avión e que na mañá deste luns chega a 70 hectáreas.
Están estabilizados os grandes incendios de Larouco, con 30.000 hectáreas; Oímbra e Xinzo de Limia, con 17.000 hectáreas; A Mezquita, con 10.000 hectáreas; Carballeda de Avia e Beade, con 4.000 hectáreas; e Vilardevós-Vilar de Cervos, con 900 hectáreas.
Os tres incendios activos suman 23.500 hectáreas, pero a Xunta fala de "evolución favorable" en Chandrexa e dá unha ducia de lumes por estabilizados ou controlados
E están controlados os grandes incendios de Maceda, con 3.500 hectáreas, e Vilardevós-Moialde, con 600 hectáreas, ademáis doutros varios incendios de menores dimensións. Isto é, na noite deste domingo, 18 días despois do comezo do lume en Chandrexa de Queixa, aínda estaban pendentes de extinguirse 15 incendios que suman xa preto de 90.000 hectáreas, e só os tres incendios activos suman 23.500 hectáreas.
Unha situación á que se chega logo dunha fin de semana na que mellorou a situación nas Rías Baixas, ao extinguirse o incendio que aparecera en Oia (61 hectáreas) e estabilizarse o de Vilaboa (70 hectáreas).
