Milleiros de persoas protestan en Galicia pola xestión da Xunta nos incendios

Mobilización contra a xestión da Xunta na vaga de incendios en Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Milleiros de persoas manifestáronse este xoves nunhas trinta localidades galegas para denunciar a xestión da Xunta durante a vaga de incendios que asola Galicia, en especial a provincia de Ourense. 

Convocadas pola Plataforma por un Monte Galego con Futuro —que agrupa máis de 50 colectivos—, foron moitas as persoas que se achegaron a unhas concentracións nas que se denunciou que "a política forestal do PP por "queimar os nosos montes e as nosas casas" e onde, nalgúns casos, se pediu a dimisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

A ministra Yolanda Díaz cualifica de "barbaridade" que se deixe en mans privadas a extinción do lume

A mobilización na cidade de Ourense foi das máis numerosas, ao igual que noutras cidades como Vigo, onde acudiron o seu alcalde, o socialista Abel Caballero, ademais da vicepresidenta do Goberno de España, a ferrolá Yolanda Díaz, ou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. A tamén ministra de Traballo cualificou de "barbaridade" que se deixe en mans privadas a extinción do lume, ademais de denunciar a precariedade do persoal encargado destes labores. 

Mobilización contra a xestión da Xunta na vaga de incendios na Coruña CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

"Nunca máis lumes forestais" foi algunha das proclamas realizadas nunhas mobilizacións con presenza de representantes do BNG ou do PSdeG, así como líderes sindicais, en numerosas localidades que criticaron a xestión da Xunta na vaga de fogos pero tamén a política forestal levada a cabo polo PP á fronte do Goberno galego nos últimos anos. 

No manifesto lido nas mobilizacións, a plataforma convocante denunciou a "inacción" dos gobernos galegos do PP, a falta de medios en moitas zonas durante os incendios e o Pladiga, que os colectivos que apoiaron as protestas consideran "unha ferramenta inútil" por ser "unha irrelevante actualización dos anteriores". 

Tamén advertiron das condicións de "absoluta precariedade" na que traballa o persoal de prevención e extinción, así como o feito de que "en plena vaga de incendios, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pedía medios ao Estado español, en tanto tiña 190 prazas sen cubrir". 

A plataforma convocante denuncia a "precariedade" do persoal de extinción e pide un servizo "público, profesional e permanente"

"A loita contra o lume, na súa faceta de extinción, débese facer desde a óptica dun servizo público, profesional e permanente, polo que se fai necesario crear un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, coa dimensión necesaria para atender a realidade existente", reclamaron. 

Mobilización contra a xestión da Xunta na vaga de incendios en Vigo CC-BY-NC-ND CIG

"A verdadeira política de prevención non é como pensa a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e gran parte da sociedade: ter os montes limpos, as pistas arranxadas e os puntos de auga prestos; senón que pasa por ter un medio rural vivo e con actividade económica produtiva, un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor", expresa o manifesto.

Tamén pide "accións inmediatas nas zonas queimadas" para evitar a erosión dos solos, a declaración de zona catastrófica, a creación dun único servizo público de prevención e extinción ou un "pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.