"O grande incendio de Ourense xa é o maior da historia de Galicia". A edición de Praza.gal do pasado 15 de agosto abría con este titular. A unión de dous focos de lume en Chandrexa de Queixa canda un máis en Vilariño de Conso viña de dar lugar a un gran incendio forestal con máis de 16.000 hectáreas ardidas, o maior documentado en Galicia ata ese momento.
Máis de 30.000 hectáreas ardidas nun só incendio na provincia de Ourense o pasado agosto son o principal expoñente dos meirandes incendios documentados no noso país
Esa cifra, impresionante no momento por inédita -un "gran incendio forestal" ten tecnicamente esa consideración cando pasa das 500 hectáreas-, ficou pequena pouco despois. A devastadora vaga de agosto deixou tras de si cifras nunca vistas, con catro incendios superiores ás 20.000 hectáreas, un deles próximo ás 40.000, para un mes de agosto con 144.000 hectáreas perdidas nun balance anual de 148.581, segundo as medicións dos satélites Sentinel 2 do programa europeo Copernicus consultadas por Praza este 29 de decembro.
As estimacións satelitais de Copernicus elevan as cifras un chisco máis que a Xunta. No seu balance provisional do pasado novembro, a Consellería do Medio Rural apuntaba nos primeiros días de novembro que ata daquela o ardido durante 2025 ascendía a 118.966 hectáreas e que o maior incendio -o localizado polo Goberno en galego en Larouco, que os satélites situaron na Rúa- queimara unhas 32.000 e non 37.000.
As medicións dos satélites do programa Copernicus elevan ata preto de 150.000 un balance que queda nunhas 120.000 segundo a Consellería do Medio Rural, na que veñen de cesar os directivos con responsabilidades en materia de incendios e forestal
A conselleira, María José Gómez, divulgara estas cifras nun contexto de defensa da súa propia xestión da crise á fronte dun departamento que remata 2025 cunha profunda remuda na súa cúpula. O Consello da Xunta aprobaba este luns substituír o secretario xeral da Consellería e aos directores de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal, cargos no nivel directo inmediatamente inferior ao da conselleira.
Medio Rural veu sostendo que as súas cifras son máis precisas que a do programa europeo de vixilancia dos incendios. Algunhas das causas das diverxencias teñen que ver con que a información de Copernicus agrega toda a superficie ardida, incluídos os terreos agrarios ou os urbanizados, mentres que a Xunta -atendendo á lexislación en materia de montes- suma as hectáreas afectadas polas lapas unicamente en contornas forestais.
Sexa como for, mesmo tendo en conta advertencias de Medio Rural sobre incendios que comezaron fóra dos marcos administrativos de Galicia e á espera do balance oficial definitivo -que non chegará ata a vindeira primavera, coa publicación do obrigatorio Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais para 2026-, o que ningunha parte nega é que os de 2025 foron os meirandes incendios dende que hai rexistros comparables. O rexistro definitivo, mesmo atendendo ás estimacións da Xunta (case 120.000) e non as de Copernicus (case 150.000), deixará 2025 como o peor exercicio do século e o segundo máis avultado en hectáreas calcinadas, só por tras do catastrófico 1989, cando arderan pouco menos de 200.000.
A catástrofe incendiaria de 2025, tras anos de avisos científicos, reavivou as voces que advirten da necesidade de mudanzas estruturais, máis aínda nun contexto de crise climática
A catástrofe incendiaria do verán aconteceu tras anos de avisos científicos sobre os perigos dos coñecidos como incendios de sexta xeración. Moitos menos en cantidade, pero moito máis voraces e difíciles de controlar nun contexto condicionado polas condicións territoriais de Galicia e os efectos das políticas forestais das últimas décadas, pero tamén pola crise climática global.
Ante este panorama, marcado tamén por un intenso tirapuxa político, nos meses seguintes aos incendios volveron emerxer voces expertas que advertiron da necesidade dun debate pausado para impulsar cambios estruturais. Así o fixo, por exemplo, o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que implica profesionais das tres universidades públicas galegas.
Sinalan no CISPAC que proxectos científicos como RuralTXA, centrado na gandaría extensiva de montaña; a abordaxe da bioeconomía forestal no Laboratorio Ecosocial do Barbanza, economía social en concellos rurais, evolución das paisaxes no longo prazo, ou o uso de enerxías renovables nas localidades de menor dimensión poden axudar a "identificar as bases do problema" e "empezar a traballar nunha solución". "As alternativas fronte ao lume non son doadas e iso é o primeiro que hai que asumir", resaltaba o pasado setembro en Praza.gal o director científico do CISPAC, Lourenzo Fernández Prieto, que advertía de que este "non é un problema só económico e técnico; tamén é un asunto social, temporal e, por suposto, físico-climático" no que hai que "rachar inercias de 80 anos, como mínimo".
Os incendios ocultados e a opacidade informativa
A Xunta mantivo a súa política de restricións informativas, que o levou a divulgar só 45 incendios en dúas semanas con case 500. Praza.gal puido divulgalos grazas a unha petición ao abeiro da Lei de Transparencia
Os grandes incendios de 2025 aconteceron, como todos dende o verán de 2025, mentres o Goberno galego aplica a súa política de restricións informativas ao respecto. Esa política implica que, ao contrario do sucedido durante o mandato do Executivo de coalición de PSdeG e BNG, cando a Consellería do Medio Rural divulgaba aos medios de comunicación e á cidadanía en xeral os datos dispoñibles de todos os incendios, a Xunta do PP só difunde datos dos focos superiores a 20 hectáreas ou que atinxan a áreas poboadas ou protexidas.
Boa mostra disto foi o sucedido entre o 1 e 18 do pasado agosto. Dende o inicio e durante o máis duro da vaga de incendios, en toda Galicia chegáronse a rexistrar 492 focos pero a Xunta só divulgou 45. O pasado outono, tras unha petición ao abeiro da Lei de Transparencia Praza.gal puido divulgar o detalle da totalidade dos incendios deses días.
A obtención deses datos permitiu comprobar os efectos e peculiaridades dos fogos incontrolables de sexta xeración. Uns incendios de nova tipoloxía, os meirandes documentados no noso país, que se rexistraron en Ourense e o sur de Lugo malia que a maioría dos focos do período analizado xurdiron na Galicia atlántica.