Retorno á zona cero dos incendios dende o ceo para non esquecer

Unha das casas que arderon en San Vicente de Leira a causa dos incendios do pasado agosto, na gravación de Vagalume Audiovisual © Vagalume Audiovisual

O realizador chairego Daniel Canto retrata cun dos drons da súa produtora, Vagalume Audiovisual, a destrución causada polo lume o pasado agosto en varias das localidades ourensás máis afectadas

"Os que nos dedicamos a isto temos a responsabilidade de amosar o que pasa en realidade". Coa súa empresa, Vagalume Audiovisual, o realizador chairego Daniel Canto leva máis dunha década traballando con múltiplas e relevantes empresas e institucións ás que ofrece entre os seus traballos máis destacados a produción de imaxes aéreas mediante drons. E tamén quere contribuír a que os meirandes incendios foretais documentados na historia de Galicia non fiquen no esquecemento.

Con esta tecnoloxía, na que Vagalume Audiovisual foi pioneira na nosa contorna, Canto xa amosara o efecto destrutivo do lume nos Ancares tras a vaga de outono de 2017. Agora, pouco despois da vaga do pasado agosto, o lucense acudiu cun dos seus drons a Valdeorras para elaborar a peza audiovisual que acompaña estas liñas e, con ela, axudar a que "a xente vexa o que pasou, porque non creo que moitas persoas sexan totalmente conscientes", explica en conversa con Praza.gal.

O Miradoiro de San Martiño, o Miradoiro dos Carneiros ou Roblido, na Rúa, son algunhas das contornas atinxidas polos incendios de agosto onde se detivo a cámara de Daniel Canto, especialmente impresionado polo observado na aldea de San Vicente de Leira, en Vilamartín, destruída polas lapas case integramente. "As de San Vicente de Leira parecen as imaxes de Gaza", equipara: "Non hai practicamente unha casa en pé".

"Os que nos dedicamos a isto temos a responsabilidade de amosar o que pasa en realidade", explica Canto, especialmente impresionado polo visto na "arrasada" aldea de San Vicente de Leira

Ao chegar a este enclave valdeorrés sorprendeuno que a aldea desaparecida "semellaba moito máis pequena na televisión", pero é "bastante grande" e quedou "arrasada". "Os tellados caeron en case todas" as casas, deixando ver, por exemplo, "como saltaban os azulexos" de antigas cociñas por mor das altísimas temperaturas provocadas polo lume, que tamén deixou as fiestras impregnadas por "persianas derretidas". "Semellante calor tivo que facer", reflexiona.

"Despois esquécese todo, pero é algo histórico" e de aí, considera, a "responsabilidade" de quen pode retratalo, gravalo ou contalo. Por iso el tamén quere camiñar esa senda con traballos como esta peza cedida a Praza.gal, achegando a un labor no que, destaca, hai tamén outros profesionais "como Brais Lorenzo, que reflicte o que está pasando" a través das súas fotografías dos incendios forestais. 

Contorna afectada polo lume en agosto de 2025, en imaxes captadas polo dron de Daniel Canto © Vagalume Audiovisual

Co balance oficial da Xunta provisionalmente situado na contorna das 120.000 hectáreas, segundo sinalou esta semana no Parlamento o presidente, os satélites do programa europeo Copernicus elevan a case 145.000 hectáreas o que leva ardido en Galicia no que vai de ano. Estas medicións concentran máis de 111.000 desas hectáreas ardidas en catro grandes incendios na provincia de Ourense superiores ás 24.000 cada un, os maiores da historia do noso país dende que hai datos comparables. O meirande, con máis de 37.000 segundo Copernicus, é o que afectou ás contornas que amosan as imaxes gravadas por Daniel Cnato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.