A organización ecoloxista, da man do fotógrafo Pedro Armestre, recompila o que quedou tras "un dos peores veráns da historia"
Greenpeace fixo pública este martes unha ampla reportaxe fotográfica exclusiva elaborada polo fotógrafo social e ambiental Pedro Armestre (Verín, 1972) sobre como quedaron os montes de Ourense, León e Zamora tras a vaga de incendios deste mes de agosto. Con imaxes aéreas, Armestre documenta o que a organización ecoloxista cualifica como "un dos peores veráns da historia", sobrevoando en Galicia os tres maiores incendios do país, os iniciados en Larouco, Oímbra-Xinzo de Limia e Chandrexa de Queixa-Vilariño de Conso.
Reportaxe fotográfica de Pedro Armestre para Greenpeace sobre os incendios de agosto de 2025
-
Aldea da Caridade, en Albarellos, Monterrei -
Monte queimado en Laza na vaga de agosto de 2025 -
Monte queimado en Vilardevós na vaga de agosto de 2025 -
Aldea de San Vicente de Leira, en Valdeorras, na vaga de agosto de 2025 -
Montes de Trevinca queimados na vaga de agosto de 2025 -
Monte queimado en Chandrexa de Queixa na vaga de agosto de 2025 -
A A-52 atravesando montes queimados na Gudiña na vaga de agosto de 2025 -
Serra do Eixo e Trevinca tras os incendios do verán de 2025 -
Castelo de Monterrei tras os incendios da vaga de agosto de 2025
"As imaxes recollen o impacto e a dimensión da traxedia. Mentres que as consecuencias económicas dos incendios forestais están aínda por calibrar, a crise incendiaria deixa vivendas calcinadas, pobos ennegrecidos, explotacións agrícolas e gandeiras destruídas, negocios afectados e bosques e matogueiras reducidos a cinzas, moitos deles integrantes de valiosísimos espazos naturais protexidos", salienta Greenpeace
Segundo a Xunta, son 111.000 as hectáreas queimadas no que vai de ano que nesta vaga queimaron, ademais de espazos naturais, 144 vivendas, oito delas habituais.
Estas cifras oficiais da Xunta, que aínda poden ser actualizadas e que as medicións por satélite consideran superiores, sitúan este ano 2025 unhas 15.000 hectáreas por riba das queimadas en 2006, obrigando a remontarse ata 1989 para atopar unha cifra superior, coas preto de 200.000 hectáreas de aquel ano. Son moitas máis hectáreas en moitos menos incendios dos que se viñan rexistrando.
