A Xunta recúa tras o lume e volve á lei de 2007 ao asumir a limpeza de parcelas nos pequenos concellos

Traballos de roza nun concello galego CC-BY-SA Xunta

O pasado 9 de setembro, nunha comparecencia específica sobre a vaga de incendios deste verán, Alfonso Rueda propuxo varias medidas para reforzar a prevención e aumentar os medios de extinción. Entre elas citou o impulso ás queimas preventivas e os "lumes técnicos" nas zonas protexidas pola Rede Natura 2000, facilidades para tornar o solo forestal en solo agrario, incrementar a oferta de ciclos de FP relacionados coa silvicultura ou a creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia.

Rueda anunciou que a Xunta limpará as parcelas que rodean os núcleos de poboación nos concellos de menos de 10.000 habitantes

Esta última proposta fora feita xa pola Deputación de Ourense en 2018 e rexeitada polo Goberno de España, daquela presidida por Mariano Rajoy, líder dun PP que tamén se opuxera á creación da UME nos seus inicios, ridiculizando unha idea levada a cabo por José Luis Rodríguez Zapatero hai dúas décadas. 

Pero a principal novidade entre as propostas de Rueda foi o anuncio de que a Xunta asumirá a competencia para ordenar e limpar as franxas secundarias de protección contra incendios —o perímetro que rodea núcleos de poboación— nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Xa que logo, en máis do 80% dos municipios galegos, un total de 257. 

Traballos de limpeza de biomasa en Carnota CC-BY-SA Xunta

No caso da base da UME, o Goberno galego aposta por unha unidade militar da que o PP renegaba no momento da súa creación. Con estoutra medida, pon o foco nas faixas de protección e deita a responsabilidade sobre a súa limpeza e ordenación na Xunta, tal e como establecía xa a lei de incendios de 2007 aprobada polo executivo de PSdeG e BNG, e non tanto nos concellos, como establece agora a mesma lei vixente tras a reforma que levou a cabo Feijóo en 2012. 

A proposta supón emendar unha reforma da lei de incendios que Feijóo levou a cabo en 2012, cando pasou a competencia da limpeza das faixas secundarias da Xunta aos concellos

Xa que logo, a medida estrela deste goberno do PP na Xunta contra os incendios supón tamén unha emenda a unha reforma impulsada por outro goberno do PP aos poucos anos da chegada de Feijóo a San Caetano. 

Así, a lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na súa redacción orixinal, establecía que era competencia da Comunidade Autónoma "xestionar as redes primarias e secundarias de faixas de xestión da biomasa". E tamén que lle correspondía a concellos e outras entidades locais a "ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que evite os incendios", así como outras medidas subsidiarias para as que contarían coa colaboración da Xunta.

Tras a reforma deste artigo, a través dunha disposición final na lei de montes aprobada en 2012, o texto agora vixente atribúe aos concellos a misión de "xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade". Por outra banda, deixa nas mans da Xunta a xestión das "redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa". 

Desde a reforma de 2012, os concellos son quen xestionan "as redes secundarias de faixas"; na lei orixinal ese labor recaía na Xunta, como agora pretende Rueda para máis do 80% dos municipios

A lei de incendios en vigor —á espera dunha nova que o Goberno galego promete desde hai cinco anos pero aínda ten aparcada— aclara que os municipios e outras entidades locais son os encargados de xestionar as faixas que rodean os núcleos de poboación (secundarias) e as das cunetas das redes viarias propias, mentres que a Xunta encárgase das que rodean infraestruturas (primarias) e dos espazos forestais (terciarias). 

O cambio de postura, segundo indicou Rueda no Parlamento, implicará agora reforzar o actual acordo de colaboración para a xestión de biomasa nas faixas secundarias asinado pola Xunta coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e mais coa empresa pública Seaga, que sería a encargada de asumir os traballos de limpeza para logo pasar a factura ás persoas propietarias. 

Faixas secundarias de xestión de biomasa nun lugar de Viana do Bolo, no visor da Xunta CC-BY-SA Xunta

Porque na súa análise sobre a vaga de incendios do verán, o presidente da Xunta non dubidou en poñer o foco nos municipios e nos particulares: "A día de hoxe segue habendo propietarios e concellos que non parecen ser conscientes da importancia de manter limpas as contornas das aldeas e que non acoden aos servizos de Seaga, nin sequera aos que son practicamente gratuítos"

O 30% das parcelas incluídas no convenio entre Xunta e Fegamp para a xestión da biomasa están sen limpar

En declaracións aos medios, Alberto Varela, presidente da Fegamp, asegurou que a reflexión de Rueda non fora "a máis axeitada" tendo en conta a cantidade de iniciativas, en forma de colaboración con outras administracións ou "propias," levadas a cabo por parte dos concellos para a prevención. Máis sabendo do "complexo, lento e pesado" que é o proceso para lograr que os particulares limpen as súas parcelas, aclarou. 

Segundo Luísa Piñeiro, xerente de Seaga, arredor dun 30% das parcelas que abranguen todas as incluídos no convenio entre Fegamp e Xunta, do que forman parte uns 280 concellos, quedan sen limpar, debido a que os particulares non realizan estes traballos e a dous problemas fundamentais: a importante cantidade de propietarios descoñecidos e a falta de actualización ou a inexactitude do catastro, como recoñeceu no Faro de Vigo

Tendo en conta as intencións amosadas pola Xunta, o Goberno galego prevé agora encargarse da limpeza das faixas secundarias nos concellos de menos de 10.000 habitantes e, como primeiro paso, reforzar un convenio coa Fegamp que aínda foi renovado no pasado mes de abril. 

2,4 millóns de parcelas inspeccionadas

Fontes expertas na xestión destes espazos no ámbito municipal explican a Praza.gal que, malia que a lei previa á reforma de 2012 deitaba a responsabilidade destas faixas na Xunta, "considerábase implícita a competencia dos concellos e a responsabilidade dos propietarios sobre as franxas secundarias", polo que a modificación posterior deixou "xa claramente asignada a competencia e execución". 

O convenio que agora se pretende reforzar, renovado este ano e vixente desde 2018, prevé que calquera concello que dispoña do Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais (PMPIF) poida acceder ao sistema público de xestión e á colaboración técnica e económica. Ademais, cada ano, e dentro dos concellos adheridos, selecciónanse as parroquias priorizadas, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, a un maior risco de incendios forestais e, polo tanto, de maior perigo para as persoas e os bens. 

Lume ao pé das casas en Monterrei, no pasado mes de agosto CC-BY-SA Bombeiros da Coruña

Segundo este convenio, a Consellería do Medio Rural achegaría neste ano 7,75 millóns de euros polos 4,5 da totalidade de concellos. Ata a renovación en abril deste acordo, estaban adheridos 288, dos que  en 260 se conseguiu a aprobación do PMPIF”, o que permitiu que “de 2021 a 2024 se inspeccionasen preto de 2,4 millóns de parcelas" incluídas en faixas secundarias, cunha superficie de 171.389 hectáreas, segundo aclaran fontes da Fegamp. 

No novo acordo houbo cambios, como que “as actuacións de xestión de biomasa nas vías municipais se desenvolverán ata 12 quilómetros, mellorando así os 10 quilómetros do anterior convenio”, aínda que dende a Fegamp sinalouse a necesidade de ampliar a 20, unha medida que non foi aceptada pola Xunta por "cuestións orzamentarias", segundo asegura Alberto Varela. 

Tal e como indicara o presidente da Fegamp en declaracións e como aseguran fontes da Federación a Praza.gal, logo dos incendios deste verán os municipios consideran que é necesaria "unha revisión dos contidos e traballos do convenio, valorando a incorporación da área de Emerxencias (Consellería de Presidencia) e da Consellería de Medio Ambiente, ademais da Consellería de Medio Rural e do Seaga" ao acordo. Ademais, tamén apostan pola ampliación na intervención en áreas priorizadas, ademais das parroquias priorizadas existentes.

A Fegamp pretende incluír no convenio coa Xunta a Emerxencias e a Consellería de Medio Ambiente

Con todo, e ante o anuncio de Rueda, fontes da Fegamp aseguran que non teñen máis información que a publicada nos medios de comunicación. Alberto Varela, ademais, xa amosara a disposición total dos concellos a "colaborar" coa Xunta e outras administracións na limpeza necesaria das faixas secundarias e na "mellora" dos convenios vixentes. 

O presidente da Fegamp advirte, con todo, das "dificultades económicas" de moitos municipios que reclaman "máis capacidade financeira" para acometer os labores necesarios; tamén, destaca, naqueles "intermedios" que non son cidades pero que superan os 10.000 habitantes e non estarían incluídos nese grupo no que o Goberno galego pretende xestionar a limpeza dos montes achegados aos núcleos de poboación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.