O gasto en ordenación forestal da Xunta leva anos estancado fronte a prevención e loita contra o lume

Monte queimado en Chandrexa de Queixa na vaga de agosto de 2025 nunha imaxe divulgada por Greenpeace © Pedro Armestre - Greenpeace

O plan forestal aprobado tras os incendios de 1989 buscaba "a estruturación e capitalización dos espazos forestais" con máis cartos para ordenación, pero ese programa orzamentario leva anos por baixo dos 90 millóns, a metade que a loita contra o lume

En 1992, logo dos incendios da década de 1980, especialmente dos de 1989 que queimaron preto de 200.000 hectáreas, a Xunta aprobou o que era o segundo plan forestal do Estado, tras o de Andalucía. Aquel documento contemplaba que as políticas de ordenación e mellora da xestión forestal recibisen moitos máis fondos que as actuacións de prevención e loita contra incendios. Pero iso non se cumpriu, como constatou o Consello de Contas nun informe feito público en 2016, e segue sen cumprirse, segundo reflicten os orzamentos anuais da Xunta.

Desde 2018, segundo vén de dicir en xuño o Tribunal de Contas da Unión Europea, a Xunta gasta máis en prevención contra os incendios forestais que en "resposta e restauración" cando se producen. Pero esa afirmación non contradí o feito de que a ordenación, que debe ser previa á prevención e á loita contra o lume, leva anos estancada.

O informe publicado en 2016 polo Consello de Contas analizaba a execución ata aquel momento daquel Plan Forestal de Galicia de 1992-2032, revisado e ampliado en 2021 para o período 2020-2040. O ente fiscalizador analizou o programa orzamentario 713B Ordenación das producións forestais e comparouno co 551B Accións preventivas e de infraestrutura forestal, no que se inclúen as partidas para prevención e loita contra os incendios. A súa conclusión foi que a Xunta estaba a incumprir o seu propio Plan Forestal por dedicar moitos máis cartos á prevención e loita contra os incendios que a ordenar o monte, cando debía ser ao revés. 

"Aínda que o primeiro obxectivo do Plan Forestal era a estruturación e capitalización dos espazos forestais, transcorridos máis de 20 anos desde a súa aprobación os esforzos orzamentarios séguense concentrando no programa de prevención e extinción de incendios", sentenciaba Contas.

Case unha década despois, unha análise dos mesmos programas orzamentarios analizados daquela por Contas constata que a situación non só non se inverteu, como pedía o Plan Forestal, senón que segue a dispararse o gasto en prevención e loita contra o lume sobre o investimento en ordenación das producións forestais. Se ata 2018 o orzamento do programa 551B de accións preventivas estaba en arredor de 100 millóns de euros, nos últimos anos a cifra disparouse progresivamente ata os 180 millóns. Pola contra, o programa 713B de ordenación forestal leva anos estancado na metade, en arredor de 90 millóns de euros -sen ter en conta a inflación, o que diminuiría os seus importes reais-. 

Alegacións da Xunta ás críticas do Consello de Contas por gastar máis na loita contra o lume que en ordenación forestal, como prevía o seu propio Plan Forestal CC-BY-SA Praza Pública

En 2016 a Xunta contestou ao Consello de Contas que gasta máis na loita contra o lume que en ordenar o monte para dar "confianza" aos propietarios forestais

No seu momento a resposta que deu a Xunta a Contas ante esa situación de maior gasto no lume que en ordenar o monte, en contra do previsto no seu propio Plan Forestal, foi que se facía para dar seguridade aos propietarios forestais. Para o Goberno galego Galicia é unha potencia forestal polo gasto en loita contra o lume no programa 551B, non polo programa 713B de ordenación forestal.

"De que sector forestal estariamos falando, se o éxito na loita contra os incendios forestais non devolvera aos galegos a confianza das potencialidades do monte, fronte ao desánimo que reinaba nos propietarios forestais no arranque do Plan Forestal de Galicia [1992] polo convencemento de que o lume daría ao traste con todos os seus esforzos. O despregue do dispositivo que sostén o programa [de prevención e loita contra o lume] permite que esteamos a falar de Galicia como a maior potencia forestal do Estado”, defendía o daquela director xeral Tomás Fernández-Couto, responsable da loita contra o lume entre 1996 e 2005 e entre 2009 e 2020.

Hai uns meses o Tribunal de Contas da UE constatou que "en Galicia, desde 2018, o orzamento de prevención foi maior que o de resposta e restauración", pero sen analizar o gasto en ordenación forestal

A disparidade cada vez maior entre os investimentos en ordenación forestal e os destinados a prevención e loita contra o lume hai que combinala coa recente análise realizada polo Tribunal de Contas da Unión Europea sobre as políticas de incendios con fondos comunitarios en varios países. Un estudo que se centrou no destino dos fondos europeos e só no que ten que ver cos incendios, sen analizar outras políticas forestais, e que concluíu que "en Galicia, desde 2018, o orzamento de prevención foi maior que o de resposta e restauración". 

Exemplos de proxectos que o Tribunal de Contas da UE considera "prevención", "preparación" ou "recuperación" en materia de incendios forestais CC-BY Tribunal de Contas da Unión Europea

O ente fiscalizador europeo aínda ve eivas, como que "en Galicia, os cortalumes deben manterse cada tres anos; sen embargo, en 2024, as autoridades tiñan previsto efectuar traballos en menos dun terzo de todos os cortalumes existentes". Pero en resumo o Tribunal de Contas comunitario considera que "os fondos da UE para accións relacionadas cos incendios forestais, procedentes de diferentes eidos de actuación, eran cada vez máis utilizados polos Estados membros para accións preventivas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.