A Xunta centra a estratexia contra o lume na UME que o PP rexeitaba e nunha base que Rajoy negou

Un membro da UME, ante un incendio © Ministerio de Defensa

A creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia, como xa pediu en 2018 a Deputación de Ourense, foi unha das medidas estrela que Alfonso Rueda propuxo este martes no Parlamento de Galicia durante a comparecencia específica sobre a vaga de incendios deste verán. O presidente da Xunta dirixirase ao presidente do Goberno de España e á ministra de Defensa para reclamar esta sede estable da UME no concello ourensán de Toén, tal e como demandara o organismo provincial.

Rueda pedirá ao Goberno de España unha base permanente da UME en Galicia, unha proposta á que o executivo de Rajoy se negara en 2018

Daquela, a demanda —que antes fixera tamén o PSdeG de Ourense— fora rexeitada polo executivo que presidía Mariano Rajoy. Nunha carta feita pública polos socialistas, o gabinete do entón presidente advertía de que Galicia formaba parte da área de responsabilidade operativa do batallón da UME con base permanente en León e que no caso de precisarse poderíanse activar "destacamentos adicionais temporais ou permanentes noutras bases para reducir os tempos de resposta". 

Un membro da UME en Galicia, durante a vaga de incendios de agosto © Iñaki Gómez / Ministerio de Defensa

Aquela negativa chegara a mediados de abril de 2018, medio ano despois dos graves incendios do outono de 2017, e só uns días despois de que a UME remitise unha carta ao Parlamento galego para anunciar o seu rexeitamento a participar na comisión de estudo sobre política forestal e incendios celebrada na Cámara. A UME, a Delegación do Goberno en Galicia e a empresa ENCE foran as únicas entidades que se negaran a acudir, entre duras críticas de todos os partidos con representación parlamentaria. 

Agora, Rueda insiste na petición da base permanente en Galicia da UME, unha unidade militar a cuxa creación por parte do goberno de Rodríguez Zapatero en outono de 2005 se opuxera frontalmente o PP. Naquela altura, o vicepresidente da Comisión de Defensa no Congreso dos Deputados, Arsenio Fernández de Mesa, cualificaba este corpo integrante das Forzas Armadas como "capricho faraónico de Zapatero" e aseguraba que España non estaba "para ese tipo de dispendios"

En 2006, o deputado do PP e ex-ministro Eduardo Zaplana, na súa esixencia de responsabilidades políticas 48 horas despois da fin da vaga de lume que sufrira Galicia, caricaturizaba tamén a creación da UME por ser un "novo corpo" que "máis se parece a un corpo de militares-axentes ao servizo directo do señor Zapatero, unha especie de garda republicana propia doutros réximes non parlamentarios".

O PP criticou con dureza a creación da UME hai 20 anos: "capricho faraónico de Zapatero", "dispendio" ou "garda republicana propia doutros réximes", "iniciativa custosa e pintoresca"

Dous anos despois, na Comisión de Interior no Congreso, en agosto de 2008, o deputado popular Ignacio Cosidó cargaba tamén contra a UME por ser "un instrumento inventado por Rodríguez Zapatero". En novembro do mesmo ano, a portavoz do PP na Comisión de Defensa, Beatriz Rodríguez-Salmones, ía máis aló ao afirmar que o novo corpo supuña "unha segregación fóra do marco que a Constitución fixa para as Forzas Armadas" tras recoñecer que o PP fora "crítico en xeral" coa súa creación. 

ajoy e Feijóo, con membros da Unidade Militar de Emerxencias despregados nos incendios de 2017 en Galicia © Diego Crespo / Goberno de España

Abofé. "Deixe de utilizar os nosos soldados como parapetos, como apagalumes ou como plataforma", insistía Rodríguez-Salmones. O que era senador do PP naquela altura, José Luis Peral, desprestixiaba ademais o seu labor ao asegurar que era unha iniciativa "custosa e pintoresca". "Máis aló dalgunhas intervencións contra incendios este verán, permanece ignota para os españois, agás para desfilar o 12 de outubro", engadía. 

Non eran só declaracións. O argumentario contra a UME, repetido unha e outra vez, plasmouse no programa electoral do PP para as eleccións xerais de 2008, no que cualificaba a creación desta unidade como "unha decisión discutible porque implica a segregación permanente dun importante continxente para misións non militares e cun controvertido encaixe legal". 

A mediados de agosto deste ano, no peor momento dos incendios en Galicia e no noroeste peninsular, uns 1.400 efectivos da UME estaban despregados para combater as lapas en trece incendios, segundo informaba o Ministerio de Defensa, mentres que arredor de 2.000 máis levaban a cabo labores de apoio nas zonas afectadas. 

Foi naquel momento cando Alberto Núñez Feijóo, líder do PP estatal, comparecera en Galicia para reclamar máis medios, criticar o labor do Goberno de España e asegurar que todo "se complica un pouco máis cando se carga toda a responsabilidade nas comunidades autónomas e na UME". "Aquí quen funciona son as comunidades autónomas e a UME", reiteraba sobre unha unidade militar da que destacaba o seu "excelente traballo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.