Tras a vaga de incendios de 2006 o PP apresurouse en esixir dimisións e impulsar a plataforma 'Sós contar o lume', tentando arremedar pola dereita a Nunca Máis
A 'número dous' do PP en Galicia, Paula Prado, afirmaba este pasado xoves en conferencia de prensa que, durante a vaga de incendios do verán de 2006, na altura a peor en dúas décadas -77.000 hectáreas ardidas para un balance anual superior ás 95.000-, o daquela presidente socialista da Xunta, Emilio Pérez Touriño, "estaba de vacacións e seguiu de vacacións". A acusación da secretaria xeral dos conservadores reproduce case literalmente a lanzada en setembro daquel ano no Parlamento por Alberto Núñez Feijóo, na altura novo líder do PPdeG, e en ningún dos dous casos se corresponde coa verdade.
Fotografías e intervencións públicas acreditan que Touriño tivo actividade oficial como presidente directamente ligada co lume naqueles fatídicos días, nos que morreran catro persoas. Tras a vaga os populares galegos apresuráranse en esixir a dimisión do "calcinado" conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (BNG), como "directamente responsable do maior desastre ecolóxico dos últimos dezaseis anos", dixera Feijóo, así como en reclamar unha comisión de investigación sobre o sucedido.

Ao tempo, impulsaban a constitución de Sós contra o lume. Tratábase dunha plataforma apoiada nos gobernos municipais do PP en concellos rurais e mais no seu sindicato agrario afín, o despois desaparecido Xóvenes Agricultores, para cargar contra o Goberno de PSdeG e BNG. Tentaban así arremedar pola dereita a Plataforma Nunca Máis que, catro anos antes, concentrara as protestas contra a xestión dos Executivos de Fraga e Aznar tras a catástrofe do Prestige coa participación de diversos sectores progresistas e especial protagonismo de rostros coñecidos do mundo da cultura, descualificados polo PP e a súa plataforma como "titiriteiros".
Da contorna do colectivo impulsado polo PP xurdira unha web que divulgara unha lista de persoas do mundo da cultura que foran críticos con Fraga para advertir de que, se traballaban coa CRTVG, supuña un pago de favores políticos por PSdeG e BNG
Da contorna daquela plataforma emerxera tamén un sitio de internet. Imitando o enderezo do que fora web electoral do BNG en 2005, baixo a marca quin2006.com. Os seus autores -o PP nunca a reivindicara como propia e fora publicada anonimamente- divulgaban diversos textos e imaxes críticos co Goberno progresista en xeral e coa xestión da vaga de incendios en particular.
Tamén difundiran, entre outros contidos, unha lista de persoas do mundo da cultura que, pola súa implicación en Nunca Máis ou outras accións contrarias aos intereses do PP de Fraga, non deberan estar a traballar ou colaborar coa CRTVG. Se o facían, acusaban, implicaba pagamento de favores políticos por parte de PSdeG e BNG.
Da "dilación" das brigadas á esixencia de dimisións

A estratexia de combate escollida polo PPdeG durante e tras os incendios de 2006 -e mesmo antes do inicio da vaga- contrasta neste 2025 non só cos reproches que o partido que encabeza Alfonso Rueda lanza a BNG e PSdeG por esixiren responsabilidades políticas na Xunta. Tamén coa actitude que as forzas da actual oposición galega e quen ostentan cadanseus liderados, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, están a manter, canda a esixencia de responsabilidades políticas -no caso de Pontón, de dimisión do presidente-, tras a que substitúe precisamente á de 2006 como a peor vaga de incendios do século en canto a hectáreas ardidas. O balance anual elévase a unhas 111.000, segundo as suma das estimacións publicadas pola Xunta, e case 145.000 atendendo ás medicións do satélite do programa europeo Copernicus.
A vaga de 2025, cunhas 145.000 hectáreas ardidas segundo os satélites de Copernicus, vén de remudar a de 2006 como a peor do século. Daquela Feijóo considerou o acontecido merecente de cesamentos que o PP esixiu cunha manifestación
O verán de 2006, revelara tras a vaga de incendios a Cadena SER, principiara cunha circular interna da dirección provincial do PP da Coruña ordenando ás súas alcaldías "dilatar" os trámites da constitución de brigadas municipais contra incendios para facer ver á "opinión pública" a "lentitude da Xunta". Finalizara co propio Feijóo esgrimindo capturas dun sitio web de mapas -o desaparecido mapasnet.com- para acusar o Goberno de socialistas e nacionalistas de ocultar que arderan máis de 175.000 hectáreas-. O balance final real do 2006 foron 95.947 hectáreas atinxidas polo lume e así se mantivo na documentación oficial dos Executivos do PP de 2009 en diante.
Despois da vaga, durante a cal Medio Rural informaba dúas veces por día sobre todos os incendios que existían e a superficie á que afectaban -o PP puxo fin a esta política informativa ao retornar á Xunta-, Feijóo considerou no Parlamento que "unha vez controlado o lume, é o momento de falar de política", a comezar por esixir que o Goberno asumise "as súas graves responsabilidades". "Non quero pensar que ten que pasar en Galicia para que algún conselleiro dimita. Non o quero pensar porque me dá medo", proclamara o actual líder estatal do PP, a quen Touriño reprochara a súa "patética" fotografía simulando apagar un incendio cunha "manguerita" durante unha visita a unha área afectada polo lume en Meis.

Tras esas consideracións, pronunciadas durante unha comparecencia monográfica de Touriño sobre os incendios -semellante á que vai protagonizar Alfonso Rueda este 9 de setembro- chegou a principal posta en escena de Sós contra o lume, unha manifestación organizada en Santiago o 17 de setembro á que acudiron as planas maiores do PP en Galicia e no Estado. "Touriño, covarde, Galicia está que arde", "Zapatero, embustero", "Goberno de inútiles, nunca máis", "paripé non, investigación", "titiriteiros, nunca máis" coreara a multitude animada dende coches con altofalantes que repetían consignas pregravadas e acompañaban a comitiva con pancartas acabadas de saír da imprenta.
A actual dirección do PPdeG acusa a nacionalistas e socialistas de pedir cesamentos para "enredar" no canto de "buscar solucións" e cre que "convocar manifestacións en plena vaga de incendios si merecía algunha dimisión"
Ao remate da marcha, Feijóo e Mariano Rajoy esixiran dimisións na Xunta ante un cartel cunha montaxe fotográfica na que Touriño e Suárez Canal sentaban canda Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta e líder do Bloque, nunha parada de autobús queimada. Case vinte anos despois, a dirección dos populares galegos censura que no "dicionario" de BNG e PSdeG "hai tres palabras que se repiten constantemente: non, manifestación e dimisión" a respecto da vaga de incendios.
Así "en política -cre Paula Prado- é fácil distinguir a quen quere buscar solucións de quen só pretende enredar". Sobre eventuais cesamentos de cargos políticos considera a número dous de Rueda que "unha barbaridade como a de convocar manifestacións en plena vaga de incendios si que merecía algunha dimisión".