Tras a vaga de incendios na que arderan 50.000 hectáreas e morreran catro persoas en dous días o Parlamento aprobara máis dun cento de medidas que, coidaba o PSdeG daquela, implicaban "recuperar as políticas do Goberno de Touriño e da consellería de Suárez Canal"
En setembro de 2018 o pleno do Parlamento aprobou definitivamente as conclusións da comisión de estudo que analizou o acontecido na vaga de incendios do outono do ano anterior, cando arderan 50.000 hectáreas de monte e morreran catro persoas en apenas dous días. O documento desbotaba a tese terrorista que Alberto Núñez Feijóo esgrimira como explicación para acontecido e, tras atender múltiplas comparecencias de voces expertas, formulaba un cento de propostas en materia de prevención e extinción do lume.
Aquelas conclusións foran apoiadas polo gobernante PP e tamén polo PSdeG. Os socialistas votaran a prol para "poñer deberes á Xunta" porque, consideraban, se eran aplicadas Galicia viviría un "cambio substancial" na política forestal coa "recuperación das políticas do goberno de Touriño e da consellería de Suárez Canal" na materia. Oito anos despois e tras a vaga de incendios na que veñen de arder máis de cen mil hectáreas os socialistas denuncian que parte da explicación do acontecido pasa por que o PP "non fixo nada" para aplicar o aprobado hai media década.

Como prometera durante unha visita a unha aldea arrasada polo lume de agosto ao alcalde de Vilamartín, o tamén socialista Enrique Álvarez, José Ramón Gómez Besteiro xuntou este pasado luns en Ourense responsables de alcaldías e portavocías municipais do partido para "analizar o sucedido e preparar a resposta política" aos incendios deste verán. "A prioridade durante a vaga de incendios foi apagalos e protexer vidas e bens", pero "agora é o momento de pedir responsabilidades", a comezar polo incumprimento do aprobado en 2018, considera o secretario xeral do PSdeG.
"A maior traxedia non foron só os incendios, senón que a súa xestión quedase nas mans dun PP incompetente" e cunha "actitude negacionista e neglixente" ante a emerxencia climática, cre o líder socialista
Coida Besteiro que "a maior traxedia non foron só os incendios", senón "que a súa xestión quedase nas mans dun PP incompetente, que sempre mira para outro lado e nunca asume os seus erros", considera. Non só por que a Xunta, evidencia, teña "competencias exclusivas en prevención e extinción", senón tamén porque "en 2018 aprobamos 123 medidas nun ditame conxunto sobre incendios, o PP tivo sete anos para aplicalas e non fixo nada". "O resultado -lamenta- vímolo este agosto: montes abandonados, falta de medios e un rural desprotexido".
A xuízo do líder socialista a ese incumprimento súmase unha "actitude negacionista e neglixente" dos populares ante a emerxencia climática. "Non pode combaterse unha emerxencia global cun Goberno instalado na propanda e na improvisación", senón que "cómpre planificación, prevención e recursos". Neste sentido, Besteiro coida que un bo comezo sería que a Xunta se sume ao "Pacto de Estado contra o Cambio Climático" que formula Pedro Sánchez, se ben "dubido moito que o vaia facer: levan 17 anos no poder e nin sequera puxeron en marcha as recomendacións que eles mesmos aprobaron, son incapaces de pasar da foto á acción".