Hai tempo que se vén facendo fincapé na relación entre o despoboamento (e o envellecemento) dun lugar e a proliferación dos incendios forestais. O terreo habitado (un terreo, polo tanto, con actividade) arde menos
Hai tempo que se vén facendo fincapé na relación entre o despoboamento (e o envellecemento) dun lugar e a proliferación dos incendios forestais. Ademais das condicións cada vez máis favorables á expansión do lume derivadas do cambio climático ou das críticas que se lle poidan facer ás eivas na prevención, existe un consenso sobre o feito de que o terreo habitado (un terreo, polo tanto, con actividade) arde menos. Nos gravísimos incendios que sufriu Galicia neste mes de agosto a relación semella clara.
As comarcas máis afectadas polas lapas, principalmente no sur, centro e leste da provincia de Ourense, están entre os territorios máis envellecidos do país e tamén entre os que perden máis poboación. Sucede o mesmo en Zamora ou León. Hai uns anos xa apuntabamos esa mesma relación, tomando como base o número de incendios de máis de unha hectárea rexistrados en cada concello entre 2001 e 2015.
Os cinco meirandes incendios do mes de agosto arrasaron 76.000 hectáreas en 33 concellos situados nas comarcas ourénsas da Limia, Verín, Viana, Allariz-Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras, e á comarca lucense de Quiroga
Nesta ocasión, os incendios orixinados en Larouco o 14 de agosto (30.000 hectáreas queimadas), en Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso o 8 de agosto (19.000), en Oímbra e Xinzo de Limia o 12 de agosto (12.000), na Mezquita o 10 de agosto (10.000) e en Carballeda de Valdeorras o 18 de agosto (5.000) arrasaron 76.000 hectáreas, tantas como as que arderon na terrible vaga de lumes do mes de agosto de 2006.
Estes cinco incendios, segundo as medición do programa Copernicus da Axencia Espacial Europea, afectaron a 33 concellos situados nas comarcas ourénsas da Limia, Verín, Viana, Allariz-Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras, e á comarca lucense de Quiroga. A eles poderíamos sumar outros fogos iniciados en Maceda, Carballeda de Avia, Vilardevós ou Pobra do Brollón, tamén nestas zonas, abranguendo algún concello máis.
As estatísticas oficiais amosan que estes 33 concellos se sitúan entre os máis envellecidos do país e tamén entre os que máis poboación perderon nas últimas dúas décadas. Igualmente, figuran entre os que rexistran unha maior porcentaxe de vivendas non ocupadas habitualmente, baleiras na maior parte dos casos. Repasamos aquí algúns destes indicadores.
Poboación: 15 concellos perderon máis do 30% dos seus habitantes dende o 2004
Estes 33 concellos sitúanse entre os máis envellecidos do país e tamén entre os que máis poboación perderon nas últimas dúas décadas. Igualmente, figuran entre os que rexistran unha maior porcentaxe de vivendas non ocupadas habitualmente
Entre o ano 2004 e o 2024 Galicia sufriu unha perda do 1,7% da súa poboación, uns 50 mil habitantes. En todas estas comarcas os descensos foron moito máis importantes, con reducións de máis do 40% en Chandrexa de Queixa, Montederramo ou San Xoán de Río; e de máis do 30% no Bolo, Vilar de Barrio, Vilardevós, Carballeda de Valdeorras, Laza, Riós, A Veiga, Ribas de Sil, Vilariño de Conso, Cualedro, Manzaneda e Folgoso do Courel.
A dinámica é semellante na maior parte do rural galego, pero estes 15 concellos con caídas dun terzo dos seus habitantes en só dúas décadas sitúanse entre os que máis rapidademente están a perder poboación en toda Galicia. Nesta zona tan só escapan desta dinámica as vilas -O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e Verín-, que manteñen a súa poboación de 2004 e recollen parte das migracións procedentes das localidades das súas contornas.
15 dos 33 concellos perderon máis do 30% dos seus habitantes dende o 2004
Se a análise faise unicamente cos últimos anos, o período 2019-24, a conclusión é semellante. Neste tempo Galicia gañou algo de poboación (+0,14), pero a maior parte destes concellos seguen a perder poboación de forma acelerada. 13 deles perderon máis do 5% dos seus habitantes en só cinco anos, encabezados por Carballeda de Valdeorras, Baltar e O Bolo, con caídas por riba do 10%.
Envellecemento: en 23 concellos máis do 40% da poboación ten máis de 65 anos
Terra de Trives, Terra de Caldelas, Quiroga e Viana sitúanse entre as comarcas cunha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos, por riba do 40%
O proceso de envellecemento afecta a toda a sociedade galega, tamén ás áreas urbanas, pero os seus efectos son máis extremos nas zonas rurais e, de forma particular, en varias das comarcas máis afectadas polos incendios de agosto. No gráfico pode observarse como Terra de Trives, Terra de Caldelas, Quiroga e Viana sitúanse entre as comarcas cunha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos, por riba do 40%. A Limia ou Verín tamén rexistran porcentaxes de poboación maior de 65 anos moi elevadas, por riba do 35%.
Tan só a Baixa Limia, Os Ancares, A Fonsagrada ou Terras de Celanova aparecen tamén nesas primeiras posicións. Comarcas que tamén se ven afectadas habitualmente polos incendios, aínda que este mes de agosto non os sufriron en exceso.
Hai concellos (O Bolo, San Xoán de Río, Vilardevós e Chandrexa de Queixa) nos que máis da metade da poboación ten 65 anos ou máis
A análise é máis clara se observamos os datos concello a concello, que aparecen reflectidos no mapa. Hai concellos (O Bolo, San Xoán de Río, Vilardevós e Chandrexa de Queixa) nos que máis da metade da poboación ten 65 anos ou máis. Noutros 19 a porcentaxe supera o 40%, moi por riba da media galega: 26,6%.
O mesmo sucede con outro indicador de envellecemento: a idade media da poboación de cada concello. Fronte a unha media galega de 48,4 anos, seis destes concellos superan os 60 anos de media (Chandrexa de Queixa, Vilar de Barrio, O Bolo, San Xoán de Río, Vilardevós e Montederramo) e outros 18 pasan dos 55 anos de media.
75% de vivendas baleiras en Laza e máis do 60% en Quiroga, Cualedro, Riós, Maceda ou Vilardevós
En nove destes concellos máis do 70% das vivendas non están ocupadas habitualmente. E, delas, a maior parte están baleiras
Os fenómenos de envellecemento e despoboamento relaciónanse con outro, o das vivendas baleiras e núcleos deshabitados, que se converten nunha lembranza constante da ausencia de actividade humana en moitos destes lugares. Non existe unha estatística exacta sobre o número de vivendas baleiras existentes en cada concello, pero o Censo do ano 2021 elaborado polo INE ofrécenos dous indicadores que nos poden guiar neste senso.
O primeiro é o da cantidade de vivendas principais existentes en cada lugar, é dicir, as empregadas como primeira vivenda. As restantes -vivendas non principais- poden estar baleiras ou ser empregadas como segunda residencia ou como aloxamento turístico esporádico, en calquera caso, non están ocupadas a maior parte dos días do ano. Todos os 33 concellos máis afectados polos grandes incendios do mes de agosto teñen unha proporción de vivendas non principais superior á media galega (37,9%) e as porcentaxes medran por riba do 70% en nove destes concellos, encabezados por Laza, Manzaneda e O Bolo. Tan só no Barco, Verín e A Rúa a porcentaxe de vivendas non principais baixa do 50%.
En Laza máis do 75% das vivendas están baleiras e que en Quiroga, Cualedro, Riós, Maceda ou Vilardevós a porcentaxe pasa do 60%
O INE ofreceu na última entrega do Censo outro indicador baseado no consumo eléctrico de cada vivenda, co obxectivo de amosar un dato máis exacto sobre o número de inmobles baleiros. Porén, o dato só se fixo público para os concellos máis poboados, o que deixa fóra unha parte das localidades analizadas. En todo caso, vemos como, por exemplo, en Laza máis do 75% das vivendas están baleiras e que en Quiroga, Cualedro, Riós, Maceda ou Vilardevós a porcentaxe pasa do 60%. En Galicia -que rexistra o dato máis elevado de todo o Estado- a porcentaxe é do 28,8%.
A estes datos poderíamos engadir os das vivendas que contan cun consumo eléctrico moi baixo ou cun consumo esporádico, o que pode estar indicando que funcionan como segundas residencias cun uso ocasional, só no verán ou só algúns días durante o ano. Na maior parte dos concellos, este tipo de inmobles supón algo máis do 10%.