A Xunta ten aparcada hai cinco anos unha nova lei contra incendios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e outros cargos, visitando unha zona afectada por un incendio en Quiroga a principios de setembro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

No outono de 2020, no inicio da súa cuarta lexislatura consecutiva como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo destituía a quen levaba dúas décadas como principal responsable da loita contra os incendios forestais no Goberno galego coa única paréntese do Goberno de coalición PSdeG-BNG (2005-2009). Tras a saída do posto de Tomás Fernández-Couto -resituado como subdirector de Espazos Naturais na Consellería de Medio Ambiente dende 2021- a Consellería do Medio Rural anunciaba unha nova lei para loitar contra os incendios forestais.

En 2020 o Goberno de Feijóo anunciou por primeira vez unha nova lei de incendios para remudar a elaborada en 2007 polo Goberno de PSdeG e BNG, a primeira da historia da autonomía que agora xa acumula once reformas

A nova lei para previr e extinguir o lume nos montes ía remudar a primeira da historia da autonomía, a impulsada polo Goberno de coalición en 2007 e que daquela os gabinetes de Feijóo xa modificaran en sete ocasións. Contra o remate daquela lexislatura o Goberno galego chegou a ter preparado un anteproxecto para a norma. Pero, cando xa pasou media década do primeiro anuncio, a nova lei segue aparcada e, mentres, o país vén de vivir os meirandes incendios documentados da súa historia e a peor vaga en hectáreas queimadas dende 1989 -unhas 120.000 hectáreas segundo as estimacións provisionais da Xunta para unhas 145.000 no que vai de ano, segundo as medicións dos satélites do programa europeo Copérnicus-.

Algunhas das zonas máis afectadas polos incendios de agosto en Valdeorras, gravadas polo dron de Daniel Canto (Vagalume Audiovisual) © Vagalume Audiovisual / Imaxes cedidas a Praza.gal

Paralelamente á parálise do novo texto, a lei que promovera como conselleiro Alfredo Suárez Canal (BNG) acumula once reformas. E o agora presidente, Alfonso Rueda, vén anunciando medidas tras a vaga de incendios deste 2025 que combinan accións promovidas polo Goberno de coalición pero nunca acabadas de executar con retallos do anteproxecto de nova lei que continúa aparcada.

Medio Rural chegou a presentar un anteproxecto da nova lei en 2023. Canda novas medidas como un "mapa dinámico" de riscos de lume ou novas accións forestais incluía a prohibición da "difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais"

Foi, concretamente, durante a tramitación dos Orzamentos da Xunta para 2021 cando o daquela conselleiro do Medio Rural, José González -actual titular de Emprego- avanzaba novas modificacións na lei de incendios de 2007 e a redacción dun "primeiro borrador" dunha nova norma completa de xeito paralelo á entrada en vigor do Plan Forestal 2021-2040. Dous anos e medio despois, a mediados de 2023, o seu departamento sacaba a exposición pública o Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia.

Aquel anteproxecto veu acompañado de controversia. Porque, canda a actualización da normativa en materia de prevención e extinción de incendios, incluía a prohibición "para calquera persoa ou entidade pública ou privada" da "creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais". Se esa difusión provocaba "mobilización de recursos", o anteproxecto contemplaba multas de entre 1.000 e 100.00 euros.

Anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais, presentado pola Xunta en 2023

O Colexio Profesional de Xornalistas e o BNG advertiran nese texto un intento de "censura" ou de afondar nas restricións informativas que o Goberno do PP aplica a respecto dos incendios forestais dende 2009. Preguntado ao respecto, Rueda afirmara que o precepto só pretendía "sancionar" a mobilización de medios contra incendios a través de avisos falsos e abriuse a "matizalo" cunha "mellor redacción".

O PP incluíu a nova lei de incendios no programa co que gañou as eleccións de 2024. Polo momento segue aparcada mentres Rueda bosquexa medidas tras a vaga de 2025 que van na liña do proxecto lexislativo pendente

A nova lei de incendios, en calquera caso, non pasara da fase de anteproxecto. Isto é, o Consello da Xunta non chegou a aprobalo para remitilo ao Parlamento, polo que o lexislativo non chegou a abordar nin o artigo das informacións falsas nin outras novidades como un "mapa dinámico" de perigo de incendios que non tivese só en conta cuestións ambientais, senón tamén "investigación social" sobre as causas do lume. Tampouco as novas medidas de "fomento da agricultura tradicional" ou as capacidades ampliadas do Goberno galego para prohibir o acceso ao monte cando considere que existe perigo de incendios.

Co proceso inconcluso, en febreiro de 2024 o PP incluíu a nova lei de incendios no seu programa para as eleccións galegas, que volvería gañar por maioría absoluta. Polo momento, o texto non foi reactivado mentres no Parlamento o PSdeG reclama á Xunta que o faga xa que incluía medidas que "serían determinantes" como "a creación de paisaxes mosaico qeu funcionasen como barreiras naturais contra. o lume" ou "a ampliación de franxas de seguridade" en torno a núcleos habitados, sinalaba nos últimos días a deputada socialista ourensá Carmen Rodríguez Dacosta.

Á espera da nova lei, na súa comparecencia na Cámara sobre os incendios o presidente bosquexou anuncios que encaixan co espírito da norma paralizada, tales como dedicar máis fondos á prevención do lume. Tamén máis implicación do Goberno galego nas rozas e limpezas das franxas de seguridade, entre outras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.