A Xunta prevé prohibir por lei a información falsa sobre incendios mentres limita os datos do impacto do lume

O conselleiro do Medio Rural, José González, cun brigadista durante un incendio CC-BY-SA Xunta

A Xunta prevé prohibir por lei difundir información falsa en relación cos incendios forestais. Facelo, por calquera medio, será ademais considerado unha falta grave, o que implicaría multas que van desde os 1.001 ata os 100.000 euros. 

O anteproxecto de lei prohibe "a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais"

Esta é unha das grandes novidades que a Consellería do Medio Rural inclúe no anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia que vén de abrir a exposición pública e coa que pretende actualizar a actual normativa de 2007, apenas modificada puntualmente desde aquela.

Así, nun dos apartados do artigo 5 do anteproxecto de lei, que inclúe as "obrigas e prohibicións xerais", establécese que "está prohibida para calquera persoa ou entidade pública ou privada a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais". 

A UME, traballando contra o lume en Folgoso, durante os incendios de xullo de 2022 CC-BY-SA UME

A introdución do veto ás fake news arredor dos incendios supón un paso inédito do que non había precedentes na lexislación vixente ao respecto. A prohibición chega mentres a Xunta persiste nos seus atrancos á hora de informar con exactitude sobre o impacto do lume nos montes galegos, logo que desde 2009, co retorno ao PP do Goberno, Medio Rural deixase de informar de todos os incendios e decidise comunicar só aqueles que superen as 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que afecten zonas habitadas ou espazos naturais protexidos. Todos os demais focos de lume fican ocultos agás que un medio de comunicación ou cidadán se dirixa á Consellería e pregunte especificamente por algún en concreto.

A información falsa sobre os incendios será considerada infracción grave "cando dea lugar á mobilización de recursos" e a multa irá dos 1.000 aos 100.000 euros

Agora, o anteproxecto aclara tamén que incumprir esa prohibición de crear ou difundir feitos ou datos falsos respecto dos incendios forestais constitúe unha infracción "cando dean lugar á mobilización de recursos". Nese caso, a persoa infractora pode ser multada cunha cantidade que vai dos 1.001 aos 100.000 euros, atendendo á Lei estatal de Montes á que remite o anteproxecto para determinar a contía das sancións segundo a súa gravidade. 

A inclusión desta prohibición e de sancións á difusión de información falsa supón un chanzo ata agora inexplorado que xa xerou preocupación nalgunhas entidades como o Colexio de Xornalistas, que xa trasladou a súa inquedanza a Medio Rural. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera que a redacción dese artigo 5.7 "pode ser interpretada como unha limitación da liberdade de información, ao apuntar implicitamente a administración como única fonte autorizada".

Brigadistas traballando contra o lume en Folgoso do Courel, durante os incendios de xullo de 2022 CC-BY-SA ATBrif

O Colexio de Xornalistas amosa a súa preocupación por un veto que "pode ser interpretado como unha limitación á liberdade de información"

O Colexio lembra que as e os xornalistas "teñen a posibilidade (por non dicir a obriga deontolóxica) de obter datos alternativos sobre os incendios de distintas fontes", como axentes forestais, ambientalistas, a veciñanza ou os propios efectivos de extinción dos incendios. "Estas testemuñas teñen, por suposto, que ser contrastadas de maneira profesional, pero serven para contextualizar e, no seu caso, contrarrestar ou pór en dúbida os datos oficiais da administración, que non deixa de ser tamén unha fonte interesada", lembra. 

Mapa dinámico

A nova lei, que aínda con posibles modificacións ten asegurado o seu visto e prace pola maioría parlamentaria do PPdeG, prevé tamén a creación dun mapa dinámico sobre o perigo dos incendios que terá en conta non só a temperatura, a humidade ou o vento, senón a "investigación social" que deite lux sobre as causas e motivacións do lume. Con el preténdese sinalar as zonas de alto risco onde priorizar as políticas preventivas como os polígonos cortalume. 

O anteproxecto aposta tamén por "fomentar a agricultura tradicional, a gandería en extensivo, a silvicultura e a xestión forestal sustentable". Todo, coa intención de conseguir un "territorio rural máis resiliente fronte aos incendios forestais". 

A Xunta tamén ten previsto ampliar a súa capacidade para prohibir o acceso aos montes no caso de que considere que hai perigo de incendio neles

Ademais, entre as novas medidas a Xunta ten previsto ampliar a súa capacidade para prohibir o acceso aos montes no caso de que considere que hai perigo de incendio neles. Aínda que Medio Rural xa tiña a posibilidade de limitar a presenza en áreas forestais durante períodos de risco "moi alto ou extremo", o anteproxecto prevé "limitacións adicionais á circulación de vehículos a motor por terreos forestais e ao acceso de persoas alleas á vixilancia, extinción e xestión de incendios en determinadas zonas". 

Poderá, xa que logo, vetar a entrada en lugares habitados se hai un incremento considerable da actividade incendiaria ou da virulencia das lapas. Incumprir a prohibición suporía unha infracción leve e unha multa de 100 a 1.000 euros. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.