Tragsa sanciona un bombeiro forestal por difundir fotos dun incendio

Imaxe dun incendio recente na provincia de Ourense, difundida por @BrifLaza © Diario de un bombero

Na primavera de 2012, cadrando co incendio nas Fragas do Eume, un membro da Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) con sede en Laza, unha das dez existentes en todo o Estado, decidiu crear unha conta en Twitter para "dar a coñecer" o seu labor e, ao tempo, denunciar as "lamentables condicións" nas que este persoal se enfronta ao lume. Dous anos despois máis de 5.000 persoas reciben as actualizacións de Diario de un bombero que, alimentado con textos e fotografías de bombeiros de diversas BRIF, ofrece imaxes e informacións que as Administracións adoitan dosificar moito máis. Se cadra é a popularidade que acadaron estes contidos a que levou a empresa semipública Tragsa, á que o Ministerio de Agricultura lle encomenda a xestión destas brigadas, a sancionar un dos seus traballadores por, precisamente, publicar unha fotografía dun incendio.

O promotor inicial desta conta de Twitter, que en conversa con Praza Pública sinala que prefire manter o anonimato para evitar represalias da empresa, explica que Tragsa suspendeu catro días de emprego e soldo o seu compañeiro pola chegada ás redes sociais dunha fotografía tomada dende un helicóptero, isto é, antes de chegar ao propio incendio, e difundida "nun grupo de WhatsApp" de "máis de 100 membros" que os bombeiros utilizan para, por exemplo, informarse mutuamente da evolución dos incendios para "saber por onde atacarlles" ao chegaren a eles. Esta foi a primeira ocasión na que se cumpriu a advertencia que a empresa lanzara meses atrás, en xaneiro, a través "dun comunicado interno".

Tragsa alega motivos de seguridade para prohibir a difusión de imaxes e condicionala a unha "autorización expresa" da empresa ou dos gobernos

Nese comunicado Tragsa prohíbe ao longo de doce apartados a "transmisión de información relativa a incendios forestais" por parte dos seus traballadores tanto no horario de traballo como "fóra da xornada laboral", cando os bombeiros son "libres de comunicarse en redes sociais a nivel particular" sempre e cando non mencionen aspectos relativos ao seu traballo. No caso de que teña "interese na difusión dalgún documento ou imaxe en concreto", advirte a empresa, o persoal terá que ter a autorización de Tragsa, do Ministerio de Agricultura ou da comunidade autónoma que corresponda. Só tras unha "autorización expresa" poden realizar a "toma de fotografías" e distribuílas "seguindo instrucións".

"Censura pura e dura"

A xustificación oficial destas prohibicións "fundaméntase" en que a "seguridade é a premisa principal", asegura a empresa, que no mesmo comunicado salienta que utilizar un dispositivo electrónico "implica" a retirada das luvas de protección e unha "perda de atención ao que está sucedendo nese momento". Para o creador de Diario de un bombero o veto á toma e difusión de fotos non é máis ca "censura pura e dura" e as explicacións de Tragsa, "unha parvada": "Nun incendio a ninguén se lle ocorre poñerse co móbil", entre outras cousas porque implicaría "queimarse", evidencia, nun contexto no que explica que as imaxes adoitan tomarse durante os transportes ou os descansos. "Sabemos cando podemos facelo", di.

Os bombeiros advirten de que seguirán difundido imaxes aínda que "ás agachadas, como con Franco"

Neste contexto, e aínda que cada difusión de información vén acompañada dunha nova advertencia por escrito -en Laza, por exemplo, a empresa advertiu a todos os bombeiros dunha posible sanción ao non ser quen de identificar quen tomara unha fotografía-, este bombeiro asegura que o cadro de persoal está notablemente contrariado, "crispado e enfadado" e que a súa intención é seguir fotografando o lume. "Farémolo con máis precaución e ás agachadas, como con Franco", ilustra, mentres lamenta que os datos que eles difunden adoiten ser máis completos que os que transmite os gobernos. "E nós non somos profesionais da información", subliña.

Un incendio, visto dende un helicóptero de brigadistas © @Briflaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.