A nova lei prohibe “a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio” e o presidente asegura que vai dirixida a quen mobilice recursos para incendios que non existen
A nova lei de incendios que tramita a Xunta, a exposición pública, contempla, no seu artigo 98 de infraccións e sancións, multas para "a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais, cando dean lugar á mobilización de recursos". Porén, no seu artigo 5 contempla tamén outra redacción máis xeralista, a de que "está prohibida para calquera persoa ou entidade pública ou privada a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais", sen máis matices.
Este xoves, ao tempo que se abría a mudar o texto para "matizalo", o presidente Rueda obviou un dos dous artigos e asegurou que a lei vai dirixida a quen mobilice recursos públicos para supostos incendios que non existen e non "a ningunha outra cousa". Así o dixo nunha xornada na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou a Xunta de “censura” e criticou que a súa “gran medida” contra os incendios sexa “impedir que se fale deles”.
Como contou Praza.gal este xoves, a nova prohibición que a Xunta introduce na lei de incendios implicaría multa de entre 1.001 e 100.000 euros. Xa levou ao Colexio de Xornalistas a pedir a súa retirada polo risco de que “limite a liberdade de información e o exercicio do xornalismo”.
A líder do BNG pregúntase "se a gran medida do PP contra o lume vai ser impedir que se fale del". “Se é necesario matizalo máis para que se circunscriba ao obxectivo que queremos cumprir, non creo que haxa ningún problema e estamos a tempo”, acabou admitindo Rueda
Nesa mesma liña pronunciouse este xoves Pontón, quen se preguntou se “a gran medida do PP contra os lumes vai ser impedir que se fale deles e multar aos veciños e veciñas que difundan información nas súas redes sociais, desesperados ante a falta de medios”. “Como se a cidadanía e os medios de comunicación se dedicasen a difundir información falsa sobre os incendios”, engadiu, para criticar que “con mordaza e con censura da información non se apagan os lumes, nin se resolve o gravísimo problema ambiental que supoñen os incendios en Galiza”.
O presidente Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves polas críticas do Colexio de Xornalistas e a súa resposta foi asegurar que vai dirixida a “comportamentos que mobilizan recursos que tiñan que estar noutro lado”. “Se unha persoa di que se está producindo un incendio nalgún lugar concreto e provoca mobilización de recursos e claramente non había nada, esa conduta hai que sancionala”, dixo. “A isto se refire a lei, para evitar ese tipo de comportamentos, a isto se refire esta lei e non a ningunha outra cousa”, foi a súa interpretación do texto da norma.
Rueda tamén contrapuxo a súa nova lei con “outras leis” propostas “desde o Goberno central” que ao seu ver si teñen “esa intención” de censurar, sen identificalas.
Só tras unha repregunta sobre a cuestión o presidente acabou matizando a súa postura, no último minuto da súa comparecencia. “A lei está en fase de elaboración, polo tanto todo o que sea unha mellor redacción para que diga exactamente o que queremos que se diga, sen prexulgar este caso concreto”, dixo o presidente, sería aceptada pola Xunta. “Non quere dicir que tal e como está, así vai quedar redactada, nin moito menos, quería aclaralo”, incidiu Rueda, quen asegurou que “se é necesario matizalo máis para que se circunscriba ao obxectivo que queremos cumprir, non creo que haxa ningún problema e estamos a tempo”.