Chandrexa de Queixa, Carballeda de Valdeorras, Cualedro, Viana do Bolo, Manzaneda, A Mezquita, Oímbra, Laza... Son moitos os veráns que estas localidades saltan aos titulares dos medios. E, máis especificamente, algunha das parroquias destes concellos
A vaga de lumes que sufriu Galicia -especialmente a provincia de Ourense- durante o mes de agosto sitúan xa o 2025 como o segundo ano con máis superficie queimada polos incendio no país, con entre 120.000 e 145.000 hectáreas arrasadas ata o momento, segundo as estimacións da Xunta e do satélite Copernicus. O groso desta superficie queimouse en cinco grandes incendios -os maiores da historia en Galicia-, que suman preto de cen mil hectáreas.
Chandrexa de Queixa, Carballeda de Valdeorras, Cualedro, Viana do Bolo, Manzaneda, A Mezquita, Oímbra, Laza... Son moitos os veráns que estas localidades saltan aos titulares dos medios. E, máis especificamente, algunha das parroquias destes concellos como Requeixo (Chandrexa), Montes (Cualedro), O Pereiro (A Mezquita), Casaio (Carballeda de Valdeorras), A Graxa (Oímbra), lugares nos que -ano si, ano non- se orixan algúns dos meirandes incendios de cada exercicio ou que son arrasadas polos fogos iniciados en parroquias anexa. Así foi este verán, unha vez máis.
A Lei de Montes obriga á Xunta a aplicar medidas máis rigorosas de defensa contra os incendios forestais nas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Este ano eran 26, 17 delas en Ourense
Estas parroquias están consideradas, de feito, Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), zonas onde se recoñece como prioritaria a aplicación de medidas máis rigorosas de defensa contra os incendios forestais ante o elevado risco de incendio, pola especial frecuencia ou virulencia dos incendios forestais ou pola importancia dos valores ameazados. Así se prevé na Lei de Montes de Galicia do ano 2012 e así queda recollido cada ano no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).
Este ano eran 26 as parroquias que a Consellaría de Medio Rural establecera que debían ser vixiadas de maneira específica, 17 delas en Ourense. Entre elas figuran varias nas que se orixinaron incendios de importancia ou que sufriron de forma directa algúns dos fogos máis grandes do verán. É o caso de Requeixo (Chandrexa de Queixa), San Millao (Cualedro), Montes (Cualedro), Pentes (A Gudiña), O Tameirón (A Gudiña), A Gudilña (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita), Santigoso (A Mezquita), A Granxa (Oímbra), Oímbra (Oímbra).
Varias figuran entre as que máis sufriron os incendios de agosto, como Requeixo (Chandrexa de Queixa), San Millao e Montes (Cualedro), Pentes, O Tameirón e A Gudiña (A Gudiña), O Pereiro e Santigoso (A Mezquita), A Granxa e Oímbra (Oímbra)
En todas elas, novamente afectadas polos incendios, queimáranse nos cinco anos anteriores importantes superficies (case dúas mil hectáreas en Montes, Cualedro e outras tantas na parroquia ca Gudiña) ou rexistrárase un número moi elevado de incendios (máis dunha vintena en cinco anos en Pentes, O Tameirón ou O Pereiro).
Cómpre destacar, ademais, que outras parroquias moi afectadas polos incendios deste verán en Ourense saíran no Pladiga 2025 da listaxe de lugares de especial vixilancia. É o caso de Queixa (Chandrexa de Queixa), Casaio (Carballeda de Valdeorras), A Xironda (Cualedro), Sabuguido (Vilariño de Conso), Bousés (Oímbra) ou Cernado (Manzaneda). A razón é que nos tres anos anteriores, estes lugares non sufriran incendios.
Queimado sobre queimado
Cómpre destacar, ademais, que outras parroquias moi afectadas polos incendios deste verán en Ourense saíran no Pladiga 2025 da listaxe de lugares de especial vixilancia
Practicamente todos os concellos galegos sufriron nas últimas décadas algún incendio forestal. Pero nalgúns deles a superficie queimada é moi superior e rexistran incendios con moita maior frecuencia.
Dende o ano 2017 o proxecto España en Llamas da Fundación Civio vén difundindo en formato aberto os datos detallados de todos os incendios forestais, que liberou da Estatística Xeral de Incendios Forestais (EGIF) que vai compilando o Ministerio para a Transición Ecolóxica cos datos achegados polas comunidades autónomas. Trátase dunha completísima base de datos que recolle todos os incendios forestais dos que se ten constancia entre os anos 1968 e 2022.
A base de datos publicada por Civio rexistra máis de 105 mil incendios en Galicia entre 1968 e 2022, que queimaron 19.000 quilómetros cadrados, dous terzos da superficie do país
Para Galicia, a información detalla máis de 105 mil incendios que neste tempo queimaron máis de 19.000 quilómetros cadrados (19 millóns de hectáreas), máis de dous terzos da superficie do país. A base de datos, que aínda ten pendente incorporar os rexistros de 2023 e 2024 -nos que houbo moi poucos incendios- e, sobre todo, os de 2025.
O mapa recolle os lugares de Galicia máis afectados polos incendios forestais neses máis de 50 anos en base ao lugar no que se orixinaron os fogos, que moitas veces se estenden a outros termos municipais. Tampouco se recolle o efecto dos focos iniciados en Portugal, Asturias ou León. En calquera caso, permite ter unha imaxe aproximada das zonas que máis sufriron o impacto do lume.
Chandrexa de Queixa, Manxaneda, Cualedro, Carballeda de Valdeorras, Laza, A Veiga, A Gudiña, Vilariño de Conso, Quiroga aparecen entre os concellos onde se orixinaron os incendios que arrasaron máis superficie no último medio século
Entre elas, destaca nomeadamente a intensidade das cores en moitos dos concellos que este ano foron arrasados polos grandes incendios do mes de agosto: Chandrexa de Queixa, Manxaneda, Cualedro, Carballeda de Valdeorras, Laza, A Veiga, A Gudiña, Vilariño de Conso, Quiroga..., esas comarcas do sur e do leste da provincia ourensá que son noticia moitos anos debido ao efecto das lapas, incluíndo concellos que este anos semellan ter esquivado a situación, como Lobios ou Muíños.
Hai tamén outras zonas de Galicia que este ano tampouco sufriron grandes incendios forestais, pero que nas últimas décadas si foron espazo para o lume, como Cerdedo e Cotobade, fusionados en 2016, e que en conxunto lideran a listaxe de superficie queimada. Tamén A Estrada, Boiro, Porto do Son, Carnota, Ponteareas, A Cañiza, Avión, O Irixio, Melón ou Cervantes, que noutros anos si sufriron grandes incendios, especialmente en 1989, 2006 ou 2017.
Cerdedo-Cotobade, Lobios e Viana do Bolo lideran a listaxe
No gráfico pódese consultar o número de incendios rexistrados e a superficie queimada polos fogos orixinados cada ano en cada un dos concellos galegos. Nos datos individuais de cada localidade pódense observar distintas situacións: dende localidades que arden de forma importante todos ou case todos os anos, ata outros que sofren esta situación cada certo tempo, especialmente nos anos de grandes vagas.
Tamén hai lugares que adoitaban rexistrar un número moi elevado de incendios pero que nas últimas dúas décadas melloraron os seus datos. Mentres que noutros, a situación pouco cambia ou mesmo semella empeorar co tempo.