O PP promete 18 novas leis tras deixar 10 sen aprobar do programa de 2020 malia a súa maioría absoluta

Presentación do programa electoral do PP para o 18F © PPdeG

O novo programa electoral volve anunciar leis de incendios forestais, de infancia ou de intelixencia artificial que os populares non foron quen de votar en catro anos 

O programa electoral do PP para a próxima lexislatura inclúe un total de 18 novas leis, entre elas varias que os populares non foron quen de aprobar nos pasados catro anos malia a súa maioría absoluta, como as prometidas normas de incendios forestais, de infancia ou de intelixencia artificial. 

Das 19 leis prometidas no programa electoral de 2020 -8 delas xa pendentes de lexislaturas anteriores- finalmente os populares non foron quen de aprobar 10 ata a disolución do Parlamento o pasado 26 de decembro. E agora desas normas frustradas só a metade son recuperadas para o novo programa electoral, mentres a outra metade desaparece, como as prometidas leis de arquitectura, de mecenado ou de xestión das dexeccións gandeiras. 

A lexislatura 2020-2023 que vén de rematar supuxo a aprobación dun total de 36 leis, unha cifra que hai que contextualizar co feito de que a lexislatura anterior fora a de menor produción lexislativa da historia da autonomía, con só 22 normas. Esas 36 leis son máis que as 19 sectoriais que prometera o PP no seu programa electoral de 2020, pero a aquelas normas houbo que engadir outras non detalladas daquela como as catro leis de orzamentos anuais e as catro leis de acompañamento dos mesmos, así como leis propostas polos grupos parlamentarios, como a unánime lei de xestión do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Porén, entre as 36 leis finalmente aprobadas non estiveron 10 das 19 prometidas no programa electoral de 2020, parte das cales volven ser incluídas agora no novo programa electoral popular.

Leis prometidas no programa de 2020 e non aprobadas

  • Lei de xestión das dexeccións gandeiras
  • Lei de arquitectura de Galicia
  • Lei de mecenado
  • Lei galega de colexios profesionais
  • Lei de avaliación ambiental
  • Lei de desenvolvemento da “Galicia Intelixente”
  • Lei de prevención e extinción de incendios forestais
  • Lei de infancia e adolescencia
  • Lei de inclusión e accesibilidade na cultura
  • Lei de transformación dixital da cultura galega

O novo programa electoral nada di de leis prometidas antes como as de arquitectura, mecenado, dexeccións gandeiras ou avaliación ambiental

Destas dez leis, o novo programa electoral nada di das cinco primeiras, as normas sobre dexeccións gandeiras, arquitectura, mecenado, colexios profesionais e avaliación ambiental. Na pasada lexislatura o PP si aproveitou a lei de acompañamento dos orzamentos de cada ano, coa que adoita mudar con menos debate todo tipo de normas previas, para reformar cuestións lexislativas sobre avaliación ambiental ou colexios profesionais, pero evitou formular normas xerais sobre esas cuestións. 

Canto ás outras cinco leis prometidas en 2020 e aínda non aprobadas, o novo programa electoral volve recollelas despois de que na pasada lexislatura tivesen unha sorte desigual. En materia de incendios forestais a Xunta seguiu realizando reformar parciais da lei anterior, e a lei de inclusión e accesibilidade na cultura chegou a ser remitida ao Parlamento, pero a súa disolución coa convocatoria electoral fixo que decaese a súa tramitación. Sobre esta última lei, que non está aprobada e terá que reiniciar a súa tramitación, o novo programa chega a dar por feita a súa aprobación e a presenta como unha norma adiantada ao resto de comunidades autónomas. A tramitación das normas restantes quedou nunha fase aínda inferior. 

O PP promete a longamente adiada lei de inclusión social que adapte a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) ao Ingreso Mínimo Vital (IMV)

Ademais, o novo programa electoral do PP recolle agora si unha norma adiada durante anos pola Xunta, a que actualice a lei de inclusión social para adaptar a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) ao Ingreso Mínimo Vital (IMV) creado polo Goberno de España hai tres anos e medio. Durante este tempo a falta desa adaptación vén provocando diversos problemas ás persoas con dereito a esas axudas e, aínda que a Xunta iniciou a tramitación da nova norma hai máis de dous anos, aínda non foi quen aprobala e agora inclúea no programa electoral. 

Leis prometidas no programa para o 18F

  • Lei de infancia
  • Lei de protección da saúde dos menores
  • Lei de saúde pública
  • Lei de aprendizaxe ao longo da vida
  • Lei de universidades
  • Lei de intelixencia artificial
  • Lei de cultura dixital
  • Lei de educación dixital
  • Lei contra a violencia dixital
  • Lei de inclusión social
  • Lei do terceiro sector de acción social
  • Lei de cooperativas
  • Lei de apoio ao emprendemento e ás pequenas empresas
  • Lei do clima
  • Lei de incendios forestais
  • Lei de montes veciñais en man común
  • Lei de recursos naturais
  • Lei de administración local

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.