A Xunta interveu en 673 incendios en agosto e só comunicou medio cento

Rueda e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitando unha zona afectada por un incendio forestal o pasado 25 de agosto CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Dende o verán de 2009, o primeiro tras o retorno do PP á Xunta despois dos tres anos e medio de Goberno de PSdeG e BNG, o Goberno galego evita informar de gran parte dos incendios forestais cando están a producirse. Tras os anos en que a Consellería do Medio Rural dirixida por Alfredo Suárez Canal (BNG) informaba de todos os focos con lume no monte dúas veces ao día, os populares optaron por unha política de comunicación baseada en non comunicar, como norma xeral, os que non superen as 20 hectáreas ou atinxan a espazos habitados ou áreas naturais protexidas.

A conselleira do Medio Rural detalla que os medios de extinción tiveron que intervir en "673 incendios" no mes en que Galicia padeceu a peor vaga de lume en tres décadas. Mentres, o seu departamento só divulgaba 48 deles

Neste tempo as xustificacións para manter esta ocultación foron diversas. Entre outras, que con ela tentan evitar un "efecto chamada" para potenciais incendiarios ou que procuran non xeral "alarma social". A súa aplicación levou a non informar duns 620 fogos durante o pasado mes de agosto, no que o país viviu os meirandes incendios documentados da súa historia e a peor vaga en hectáreas queimadas dende 1989 -unhas 120.000 hectáreas segundo as estimacións provisionais da Xunta para unhas 145.000 no que vai de ano, segundo as medicións dos satélites do programa europeo Copérnicus-.

Este 15 de setembro, nunha entrevista concedida ao xornal ABC, a conselleira do Medio Rural, sinala que durante o mes de agosto os medios de extinción tiveron que intervir en "673 incendios, unha media de 35 incendios por día". Asegura María José Gómez na mesma entrevista que lle "doe" que "se poña o fogo en dez grandes incendios que sucederon na provincia de Ourense,  que se iniciaron e despois foron avanzando (...) pero non se poña nesoutros 660 incendios que si se apagaron e que non desembocaron nun gran incendio forestal", resalta para defender que "por suposto" que o "dispositivo" de extinción "funciona".

Dende 2009, co retorno do PP, a Xunta rexistre unha información de incendios que divulgou completa durante o mandato de PSdeG e BNG

O certo é que a práctica totalidade deses incendios non foron divulgados pola Xunta aos medios de comunicación nin a través das súas canles oficiais en aplicación da política informativa que desenvolve a propia Consellería do Medio Rural. Atendendo aos comunicados difundidos polo departamento que dirixe María José Gómez, os incendios dos que si informou a Xunta durante o mes de agosto de 2025 foron un total de 48. É dicir, non deu conta pública de 625.

Estas cifras e valoracións da conselleira Gómez afondan no sinalado por ela mesma durante a vaga de incendios de agosto. Foi o día 18 dese mes noutra entrevista, naquel caso coa Cadena SER, cando a titular de Medio Rural explicou que o seu departamento levaba rexistrados 492 incendios dende o comezo do mes. Nesa altura apenas informara de 45.

Información e documentos sobre incendios forestais no web de Medio Rural en 2006 e un dos partes que a Consellería divulgaba daquela a diario CC-BY-NC-SA Praza.gal

A opacidade do Goberno galego á hora de ofrecer datos sobre os incendios forestais estivo no centro do debate político tamén durante a vaga de lume deste verán. Ante a ocultación xeral pola devandita política restritiva e outros episodios máis puntuais neses días, o pasado agosto o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e tamén os dous grupos da actual oposición parlamentaria, BNG e PSdeG, reclamaron que a Xunta divulgue información completa ao respecto.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.