Cando Feijóo cría "un erro" ocultar os datos dos incendios forestais

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga

Xullo de 2007. Estaba a piques de facerse un ano dunha das maiores vagas de incendios da historia de Galicia e a Consellería de Medio Rural do bipartito, co nacionalista Alfredo Suárez Canal á fronte, dispúñase a despregar por segunda vez o seu dispositivo de loita contra o lume. Alén das medidas de prevención e extinción propiamente ditas Medio Rural pensou en mudar a política informativa, restrinxindo parcialmente a difusión de datos, se ben as primeiras críticas fixeron que a Consellería recuase e o propio conselleiro se comprometese a difundir información "minuciosa, rigorosa e abundante". Pero esa promesa non lle valía ao daquela líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, para quen ocultar datos era "un erro".

Agás en casos puntuais a política informativa da consellería de Suárez Canal consistía en ofrecer, cando menos, dous partes diarios á prensa, un pola mañá e outro pola tarde, nos que se ofrecía unha relación de todos os incendios que acontecesen na xornada, incluíndo o número de hectáreas afectadas e os medios que traballaban para extinguilos. Esta información era ademais publicada na web da Xunta e os medios que o desexasen podían ampliar datos dalgún lume en concreto por vía telefónica. O mero anuncio de modificar este xeito de proceder enervou o líder conservador: "Faille un fraco favor á súa política forestal", clamaba o Feijóo o 17 de xullo de 2007, ao tempo que instaba a Suárez Canal a lembrar que "en Galicia temos moi mala experiencia en limitación de información" no ámbito forestal.

No mandato do bipartito Medio Rural ofrecía unha relación detallada de todos os lumes dúas veces ao día

"Hai tentacións ás que un político sucumbe", reflexionaba o conservador, quen se "permitía" aconsellar ao conselleiro que "ocultar non vale nada". Lonxe de ser contraproducente, argumentaba, "dar toda a información" sobre os lumes é "unha motivación para denunciar con máis énfase aos incendiarios e para traballar máis se as cifras van mal". Por todo isto instaba a Suárez Canal a "aprender dos seus erros" e a informar con rigor. Críticas á marxe, o certo é que a información seguiu fluíndo e chegando aos medios e á cidadanía que quixese consultala.

O cambio en 2009 e a información "a demanda"

As demandas de transparencia duráronlle a Feijóo dous anos máis, os que pasou na oposición. Na campaña de incendios de 2009 el xa sentaba na cadeira da Presidencia da Xunta e o seu departamento de Medio Rural, xa dirixido pola actual conselleira, Rosa Quintana, decidiu dar un xiro radical á súa política de comunicación. Remataron os dous partes diarios e a relación detallada de lumes. Dende ese momento a consellería só ía informar dos lumes de máis de vinte hectáreas ou daqueles que supuxesen un risco especial por, por exemplo, declararse en zonas próximas a núcleos habitados. Tratábase, argumentaban dende a Xunta, de "evitar a alarma social" e, de paso, impedir que "se traduzan como incendios os que non son". Agora ben, si se mantería a información "a demanda", isto é, se un xornalista pregunta por un monte en concreto e hai lume, o Executivo revélao.

Na oposición cría que "dar información motiva para denunciar" os incendiarios, agora argumenta que crea "alarma social"

No seu retorno ao poder o dirixentes do PP amosábanse molestos porque os medios "non reflicten" os seus datos sobre o lume "tal e como se dan", por iso informarían da maneira que considerasen máis "conveniente". Esta é a política informativa que a Xunta mantén dende aquela e que reproduce de novo neste 2013. Así, por exemplo, este domingo, con Galicia en alerta por altas temperaturas e coa práctica totalidade do país con risco alto, moi alto ou extremo de lumes, Medio Rural só informou dun incendio de máis de vinte hectáreas no concello ourensán de Piñor e "doutros dous" de menor extensión no mesmo municipio. Mentres, dende as redes sociais, diversos cidadáns aseguran ver lapas noutras zonas do país. Non informando "non se frean as queimas", evidenciaba o PP en 2007,

Feijóo, nunha visita a brigadistas de Medio Rural © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.