O Goberno galego cambia as secretarías ou direccións xerais de Medio Rural, incendios, ordenación forestal, pesca, deporte ou modernización tecnolóxica
A dous días de que remate o peor ano de incendios forestais do que hai rexistros na historia de Galicia e de que se prorrogue de xeito caótico a moratoria de novas plantacións de eucalipto, o Goberno galego aprobou este luns unha ampla remuda da cúpula da Consellería do Medio Rural. O Consello da Xunta tamén mudou secretarías ou direccións xerais con competencias en materia de pesca, deporte ou modernización tecnolóxica.
O presidente Rueda desvinculou as mudanzas de feitos puntuais, nomeadamente dos incendios deste ano. "Estaban planificados e preferimos unificalos todos, rematar programas e concentralos a final de ano", dixo o presidente, salientando que os cambios afectan a varias consellerías.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tomou posesión do cargo en abril de 2024 en substitución de José González Vázquez, que pasou a ser conselleiro de Emprego. A nova conselleira mantivo boa parte do equipo do seu antecesor, pero agora, tras o peor ano de incendios, con máis de 100.000 hectáreas queimadas, remuda o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez, no cargo desde hai cinco anos. O novo director será Manuel Francisco Gutiérrez, que era xefe de servizo de prevención de incendios en Pontevedra.
Segundo rueda os cambios "estaban planificados e preferimos unificalos todos, rematar programas e concentralos a final de ano"
Tamén remuda o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, que é substituído por Luisa Piñeiro, que foi alcaldesa de Moraña e ata agora era xerente de Seaga. O cambio chega ao tempo que entra en vigor a prórroga da moratoria de novas plantacións de eucalipto. Unha moratoria máis flexible que, tras anunciala, a Xunta quixo facer aínda máis flexible sen lograr tramitala a tempo a través do grupo parlamentario do PP. Rueda admitiu que o acontecido fora un erro.
Por riba deses dous directores xerais os cambios tamén afectan á Secretaría Xeral de Medio Rural, ocupada ata agora por Jorge Atán, veterano alto cargo do PP que xa fora subdelegado do Goberno de España na Coruña. É substituído por Marta Forés, ata agora subdirectora de Réxime Xurídico na mesma consellería.
Na Consellería de Presidencia cesa tamén o secretario xeral para o Deporte, o moi veterano José Ramón Lete Lasa, que ocupou o cargo en tres etapas, xa con Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo, ademais de ser presidente do Consello Superior de Deportes. Substitúeo Roberto García Fernández, xefe do servizo provincial de Deportes na Coruña e anteriormente concelleiro na Coruña e Arteixo.
Na Consellería de Facenda cesa como director xeral da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) Julián Cerviño, substituído por Damián Rey Rodríguez, que ata agora era xefe do servizo de novas tecnoloxías da Deputación de Pontevedra.
E na Consellería do Mar cesa o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, substituído por Isaac Rosón Sánchez-Brunete, ata agora director da área de innovación empresarial do Igape.