A virulencia e gravidade do lume que asolou a parte central de Portugal evitou maiores e máis graves e incontrolables incendios en Galicia na tráxica fin de semana de outubro na que, entre o territorio luso e galego, morreron 53 persoas e arderon preto de 300.000 hectáreas. Esta paradoxal pero elocuente conclusión é unha das que recolle o amplo informe da Comisión Técnica Independente que por mandato da Assembleia da República portuguesa vén de analizar a orixe, causas e circunstancias dos fogos de outono.
A tráxica situación vivida en Galicia puido ser moito peor de non ser pola nube de convección xerada polos graves incendios do centro de Portugal
O relatorio, entregado este martes á Cámara, fai unha extensa análise das circunstancias que arrodearon os incendios que se cebaron con Galicia e Portugal entre o 14 e o 16 de outubro do pasado ano, nunhas condicións climatolóxicas únicas e extremas para a época e co importante influxo do furacán Ophelia. Segundo os expertos, a tráxica situación vivida sobre todo nas provincias de Ourense e Pontevedra puido ser aínda moito peor se non fose pola extensa nube de convección creada polos incendios que arrasaron milleiros de hectáreas ao leste e sur de Coimbra e que serviu de barreira para evitar a propagación do lume.
"Seriam expectáveis incêndios maiores no norte de Portugal e especialmente na Galiza na ausência da extensa nuvem de convecção"
"Seriam expectáveis incêndios maiores no norte de Portugal e especialmente na Galiza na ausência da extensa nuvem de convecção gerada pelo complexo interior de incêndios de Lousã, Sertã e Arganil", explican os expertos no documento. Tal e como contan, os intensos fogos do interior do territorio luso "foram dominados pelo desenrolar do incêndio do primeiro incêndio", o de Lousã, que creou unha columna convectiva que "dominou por interação o complexo de Arganil" e "atraiu" o lume de Sertã, evitando que fose "desviado para nordeste".
Así, todos estes importantes focos acabaron por crear "uma sombra sobre o norte de Portugal", mesmo "provavelmente" reforzando a menor velocidade do vento na zona, o que axuda a "explicar a não formação de maiores incêndios nessa região" e en Galicia, en cuxa fronteira co país veciño nesa fin de semana propagáranse xa lapas dunha a outra banda do Miño.
Os incendios de Lousã, Sertã e Arganil ceraron "uma sombra" no norte de Portugal que amainou e fixo rolar os ventos e "explica a não formação de maiores incêndios" en Galicia
A nube de convección é un fenómeno que se dá en incendios extremos nos que as enormes cantidades de calor xeradas afectan a atmosfera circundante, creando as súas propias condicións meteorolóxicas. O ambiente de lume, nestes casos, pode espallarse varios quilómetros en horizontal, pero tamén milleiros de metros en vertical, creando esa columna convectiva, derivada de violentas correntes de aire ascendentes.
Estes fenómenos piro-convectivos foron os que, unidos ao forte vento e á baixa humidade, agravaron os incendios, provocando a súa rápida expansión e velocidade e chegando a crear "tormentas de lume", como relataba algúns dos expertos, "con refachos incontrolables e brutais que non se correspondían co vento meteorolóxico e con fogo caendo do ceo". Ocorren cando a enerxía liberada polo lume supera a enerxía do vento xeral, provocando estes pirocúmulos que desencadean fortes refachos de maneira independente e que poden mesmo elevarse ata a alta troposfera ou estratosfera. Unha manifestación extrema foi esa nube pyrocumulus (PyroCb) xerada polos focos de Lousã e Arganil.
"À hora crítica", explica o informe, houbo "uma inversão da direção do vento no sentido sureste, onde estavam os incêndios"
Os estudos e proxeccións feitas pola comisión de expertos indican que o influxo dese PyroCb creado no centro de Portugal provocou, "à hora crítica, uma inversão da direção do vento no sentido sureste, onde estavam os incêndios". Así, tal e como se pode comprobar na imaxe que inclúe o informe (e que se pode ver a continuación), na madrugada do domingo a luns daquela tráxica fin de semana o vento era dirección sueste e este nas zonas máis ao norte de Portugal, mentres no resto os ventos ían en sentido contrario.
Os ventos viraron a sudeste ou este polo influxo da nube convectiva creada polos grandes incendios do centro de Portugal
"As estações mais a norte indicam orientação para sudeste ou este, quando as restantes têm componente noroeste a nordeste", destaca o informe sobre o informe de ventos ás 3 da madrugada do 16 de outubro. Xa que logo, a xigantesca nube creada polos incendios do centro de Portugal tornou o lume, evitou que se espallase polo norte de Portugal e Galicia, territorios que xa estaban sendo asolados polas lapas, e mesmo virou o vento.
"É unha lección para Galicia, un aviso"
Paradoxalmente, os focos máis graves do territorio luso evitaron unha desgraza moito maior en territorio galego que, ademais, contaba con todas as condicións para que no sur de Pontevedra e Ourense xurdisen tamén as temidas tormentas de lume que caracterizaron os graves focos de outono na parte central de Portugal e de Pedrógão Grande en xuño. Por que? "Se iso ocorreu foi pola enorme cantidade de combustible vexetal que había naquelas zonas nunhas condicións climatolóxicas extremas, o mesmo combustible que temos no sur de Galicia", explica Edelmiro López.
As tormentas de lume e as nubes de convección xurdiron "pola enorme cantidade de combustible vexetal" na zona
Este profesor galego da Universidade de Santiago de Compostela forma parte da comisión técnica de doce expertos que elaborou tanto este informe como o de Pedrógão Grande, sendo o único investigador europeo non portugués dentro do grupo. A súa conclusión é clara. "O que ocorreu en Portugal podía ternos pasados a nós", di. Por que non pasou? "O vento era máis forte no centro de Portugal e alí foi onde se formaron os grandes incendios e esa columna convectiva que serviu como paraugas para Galicia e para o norte do país veciño e que acabou desviando os ventos", explica.
"A conclusión é que a sorte para Galicia foi que ardera dese xeito intenso o centro de Portugal", di asumindo o paradoxo López, que lembra que esas circuntancias extremas ocorren "cando a forza do incendio predomina sobre a forza do vento". Así, lembra como un dos bombeiros expertos que traballou na comisión técnica explicaba que "o máis grave" nunha situación así "non é o vento, porque así sábese cara a onde vai o lume". "O realmente grave é cando se crean estas nubes con vida propia, que crean tormentas de lume, que fan que chovan lapas e que volven o incendio incontrolable", lembra.
A parte sur de Galicia, cunha acumulación de combustible semellante, librouse dunha desgraza maior pola intensidade do lume en Portugal
Dunha paisaxe infernal así, aínda maior á que xa sufriu, librouse Galicia grazas, aínda que pareza contraditorio, á gran desgraza que acontecía uns centos de quilómetros máis ao sur e que provocou ducias de mortos. "Deberíanos servir de lección porque é un aviso do que puidemos ter pasado", insiste Edelmiro López, que advirte de que só hai unha forma de evitar esta situación ou de minimizala ao máximo: "Ter menos combustible nos montes; non podemos darlle de comer ao incendio".