O PPdeG eloxia "o liderado eficaz" de Rueda co lume e rexeita "o uso partidista dunha catástrofe"

Rueda este martes no centro de coordinación de incendios de Ourense CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

"En Galicia a axuda, antes de que a pidan, xa está en camiño", asegura o portavoz do grupo parlamentario popular, Alberto Pazos

"Liderou unha resposta áxil, firme e eficaz", estivo "á altura do que o país necesita" e actuou "con decisión, prontitude e proximidade". Eses son varios dos eloxios que dirixiu este martes o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, ao presidente do seu partido e da Xunta, Alfonso Rueda. Unhas gabanzas que o político popular resumiu asegurando que "en Galicia a axuda, antes de que a pidan, xa está en camiño".

Alberto Pazos Couñago, portavoz parlamentario do PPdeG © PPdeG

Ante unha crise de incendios que superou a de 2006, cando o seu partido pedía a dimisión do daquela conselleiro de Medio Rural, o nacionalista Alfredo Suárez Canal, agora o portavoz popular asegura que "o Goberno galego liderou unha resposta áxil, firme e eficaz: puxo en marcha o mellor dispositivo antiincendios da nosa historia, activou as primeiras medidas de emerxencia, solicitou desde o primeiro momento a colaboración de todas as administracións e definiu o alcance das perdas e a necesaria restitución das zonas afectadas co obxectivo de convocar axudas de xeito inmediato".

Se en 2006, con menos hectáreas queimadas, o PPdeG pedía dimisións, agora gaba "o mellor dispositivo antiincendios da nosa historia"

Pazos Couñago non só transmitiu o "eficaz" que foi a Xunta senón que lamentou "que desde Madrid se tardase en enviar efectivos e se optase por críticas e anuncios baleiros en lugar de reforzar a colaboración". Tamén criticou que "outros optaron por non interromper as súas vacacións nin apoiar aos equipos despregados”. E xunto con todas esas críticas ao Goberno de España e á oposición galega, o popular asegurou que en Galicia non ten cabida "o uso partidista dunha catástrofe". “Ese nunca será o noso proceder”, asegurou. 

Rueda este martes no centro de coordinación de incendios de Ourense CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.