Pirómanos con pulseiras telemáticas: Feijóo corrixe as súas políticas con 50 ideas contra o lume

Feijóo nun incendio en Boiro en 2010, cando estaban comezando os seus anos de presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O líder estatal do PP aposta por "incentivar a xestión forestal" ou "dignificar o labor dos profesionais que traballan no monte", eidos nos que os seus gobernos na Xunta recibiron reiteradas críticas e condenas

O líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, presentou este luns un documento dunha ducia de folios con 50 propostas denominado Plan Integral de Axuda, Recuperación e Prevención para o Medio Rural e Forestal. O documento pon o foco na responsabilidade do Goberno de España na actual crise, malia que o groso de competencias forestais son autonómicas, e fai que 30 das súas propostas sexan de ámbito estatal por 15 autonómicas ou locais e 5 europeas. 

Tamén incide en que "a política forestal non debe limitarse a apagar fogos: debe garantir a conservación da biodiversidade, a xestión sostible dos recursos e a creación de oportunidades para quen viven no medio rural". Entre as súas medidas, que non citan os plans autonómicos de loita contra o lume xa existentes, como o Pladiga galego, hai varias que supoñen correccións a políticas que o propio Feijóo desenvolveu nos seus anos á fronte do Goberno galego.

Feijóo este luns co seu plan de 12 páxinas contra os incendios © PP

Unha das medidas máis rechamantes do documento presentado por Feijóo é a de "crear un Rexistro Nacional de Pirómanos para identificar os condenados por incendios, e impoñer pulseiras telemáticas, especialmente durante os meses de maior perigo de incendios forestais". A medida non concreta distancias mínimas que deberían gardar os usuarios desas pulseiras a respecto das masas forestais. E incide nunha solución penal para un problema que Feijóo vén atribuíndo ao "terrorismo incendiario", fenómeno que nunca foi detectado nin pola Policía nin pola Fiscalía

No apartado da prevención, e a nivel local e autonómico, o plan de Feijóo propón "incentivar a xestión forestal, con apoio á planificación e os aproveitamentos sostibles: o monte que se utiliza arde menos". Porén, o Consello de Contas certificou que a Xunta vén incumprindo o seu propio plan forestal ao gastar máis na loita contra o lume que en ordenar o monte. Unha crítica á que o Goberno galego respondeu oficialmente que gasta máis no lume que en xestionar o monte para dar "confianza" aos propietarios.

Feijóo nun incendio cando era presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Diversas sentenzas xudiciais veñen evidenciando o desleixo da Xunta cos seus brigadistas, pero agora Feijóo propón "dignificar o labor dos profesionais que traballan no monte"

No mesmo apartado das medidas preventivas a nivel autonómico o documento de Feijóo propón "dignificar o labor dos profesionais que traballan no monte, recoñecendo o seu papel esencial, reforzando a súa formación e cualificación profesional e situándoos no centro dunha nova visión da xestión forestal". Porén, durante os anos de Feijóo como presidente foron reiteradas as protestas de diversos colectivos de profesionais forestais, desde brigadistas a axentes forestais e de Medio Rural, un desleixo con eses profesionais que quedou constatado en diversas sentenzas xudiciais. 

Ademais, a propia Xunta vén emendando políticas de Feijóo ao aprobar nos últimos anos, como demandaban estes, que os brigadistas temporais pasen progresivamente a traballar máis tempo ao longo de todo o ano.

O documento tamén aposta por "impulsar proxectos de restauración forestal a medio e longo prazo (5-10 anos), con enfoque comarcal e participación activa das entidades locais, que integren medidas de prevención de incendios e aseguren a recuperación do territorio e a creación do emprego nas zonas afectadas". Unha medida que en Galicia se vén facendo de xeito puntual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.