A sentenza do Tribunal Supremo que ratifica que o Pazo de Meirás é público tamén di que a familia Franco debe ser indemnizada polos gastos que tiveron para conservar o edificio desde 1975. Os herdeiros chegaron a cifrar en 800.000 euros ese custe, pero será agora, en execución da sentenza do Supremo, cando se deban certificar as contías concretas. Un proceso no que Estado, Xunta e partidos políticos galegos coinciden na necesidade de preitear para reducir ao mínimo a indemnización a pagar.
Os herdeiros cifraran en 800.000 euros o que lles custou manter o pazo pero o ministro Torres, o presidente Rueda e a nacionalista Pontón queren seguir loitando contra esa factura no proceso de execución da sentenza
A primeira sentenza sobre Meirás, dun xulgado de Primeira Instancia da Coruña, ordenou en setembro 2020 aos Franco devolver o pazo sen dereito a indemnización. Despois, en febreiro de 2021, a Audiencia Provincial revisou esa decisión e ratificou que o pazo é público pero considerou que a familia do ditador ten dereito a unha indemnización. E agora o Supremo ratifica de xeito definitivo a sentenza da Audiencia, confirmando o dereito dos Franco a seren indemnizados "como posuidores de boa fe" polos "gastos necesarios e útiles realizados no inmoble durante o tempo da súa posesión". Uns gastos que agora hai que concretar no proceso de execución da sentenza.
Ángel Víctor Torres, ministro de Memoria Democrática
Este domingo, nunha entrevista na Cadena SER, o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, valorou que a indemnización aos Franco "é unha parte do ditame que vai ter recorrido xurídico, porque o consultamos coa Avogacía do Estado". "Dinos que terá que ser trasladado á Audiencia Provincial da Coruña e xa veremos en que acaba", dicía o ministro, que engadía que o Goberno de España vai "dar a batalla, e espero que sexa co conxunto de administracións, para que un uso de alguén privativo non teñamos que indemnizalo".
Alfonso Rueda, presidente da Xunta e do PPdeG
Por esas palabras foi preguntado este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se amosou disposto a seguir apoiando ao Goberno de España como fixo no preito para a recuperación do pazo logo de anos axudando aos Franco co mantemento da seguridade de Meirás. "Todos nos felicitamos da sentenza", di Rueda, quen gaba a "boa vontade e colaboración" das administracións. "Se a Avogacía do Estado e o Goberno central se están formulando recorrer a indemnización e hai argumentos, a nosa intención é seguir da man con eles tamén con isto", avanzou o presidente da Xunta. "Teñen que falar os expertos xurídicos entre eles, eu veríao positivo", concluíu Rueda.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
Antes destas palabras de Rueda o PSdeG xa lle pedira publicamente que respaldase a intención do Goberno central de recorrer a indemnización. E este mesmo luns o BNG avanzou que proporá unha declaración institucional do Parlamento de Galicia rexeitando a indemnización.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quere que a Cámara galega "diga alto e claro que houbo mala fe na ocupación por parte dos Franco dese pazo e que, polo tanto, non temos que indemnizar á familia". "Terá que ser a familia Franco quen lle pague aos galegos e ás galegas por usurpar, por facer de familia okupa durante todos estes anos dun ben que é da cidadanía galega", engadiu Pontón logo de avogar por seguir cunha batalla que ten que acabar non só coa recuperación do pazo, senón impedindo que se lle pague "absolutamente nada" aos herdeiros do ditador.
Pontón critica que o ditame xudicial chegou a este punto "por responsabilidade do Partido Popular e do señor Feijóo", dado que non seu momento elaborou un informe que concluía que "houbera boa fe na ocupación por parte da familia Franco do pazo" e que durante 40 anos nunca se reclamara a titularidade pública do mesmo. "Polo tanto, hai unha responsabilidade directa do PP", conclúe Pontón.
Entidades memorialistas
As entidades memorialistas tamén piden ás administracións que se opoñan ás peticións da familia Franco durante a execución da sentenza
Pola súa banda, a Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica (CMRH) da Coruña atribúe que haxa que pagar indemnización aos Franco a un "erro procesual da Avogacía do Estado" e salienta que o Concello de Sada xa amosara a súa discrepancia no seu momento sobre esa cuestión defendendo que a demanda para recuperar o pazo debía incluír "a posesión de mala fe", o que inhabilitaría a indemnización. En todo caso, a CRMH insta "ás administracións a que no trámite de execución de sentenza referido á cuantificación da liquidación posesoria" desde o falecemento de Franco "se opoñan e combatan as pretensións" da familia.
Tamén a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (AMRH) aposta por demandar á familia Franco pola "apropiación indebida" do pazo durante décadas e por argumentar ante a xustiza que indemnizala "atenta contra a honra das vítimas do franquismo", en contra do establecido pola lei de memoria.