Sánchez alerta dun "desastre" coa guerra de Irán "moito peor" ca o de Iraq con "apoio" de PP e Vox

Pedro Sánchez, antes da súa comparecencia no Congreso, este 25 de marzo CC-BY-NC-ND Eugenia Morago / PSOE

O presidente do Goberno de España volve "esixir que a guerra pare" e advirte da inxustiza de que "uns incendien o mundo e os demais teñamos que tragar as súas cinzas"

Un "desastre" de consecuencias "moito peores" que as da invasión de Iraq hai dúas décadas. É a advertencia lanzada este mércores polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, na súa comparecencia no Congreso para detallar a posición do seu Executivo sobre os ataques dos Estados Unidos e Israel a Irán e, en xeral, sobre o escenario aberto polo conflito bélico en Oriente Medio e a situación política internacional.

Dende a defensa do "non á guerra" co que Sánchez abordou o inicio da intervención militar estadounidense e hebrea, o líder socialista lamentou que a posición das dereitas españolas volvan ser semellantes ás que sustentaron o apoio e participación na inxerencia en Iraq. "Alberto Núñez Feijóo e Santiago Abascal substituíron a Aznar, e Donald Trump a George W. Bush", coida.

Como informa Antonio Ruiz Valdivia para infoLibre,  Sánchez que a postura de ambas formacións de dereitas sobre o conflito, de "apoio" e "silencio", implican de feito "contribuír" a el. "Calar ante unha guerra ilegal é un acto de covardía e de complicidade", cando "un país soberano" o que "non quere" é "participar en guerras ilegais".

Entre lembranzas ao papel do Executivo de Aznar en Iraq, rexeita complicidade con "agresións ilegais" e "mentiras disfrazadas de verdade": "Non esta vez, non mentres eu sexa presidente"

Neste sentido, Pedro Sánchez coida que o desmarque dos ataques protagonizado polo seu Goberno virou a posición española en "referencia internacional na defensa da paz e do dereito internacional". E esa, di, vai seguir sendo a posición: "Esixir que a guerra pare" porque considera inxusto que "uns incendien o mundo e os demais teñamos que tragar as súas cinzas". Tamén economicamente. E por iso, resalta, o seu gabinete vén de aprobar "o maior escudo social da UE", en referencia ás medidas anticrise que precisan do apoio do propio Congreso para seguir en vigor.

"Ser aliados -indica en referencia aos EUA- non significa obediencia", senón "lealdade", pero tamén "plantarse cando o camiño é equivocado" e por iso rexeita ser "cómplice"  de "agresións ilegais" e de "mentiras disfrazadas de verdade". "Non esta vez, non mentres eu sexa presidente do Goberno", dixo entre lembranzas a Aznar e o seu trío dos Azores.

Alberto Núñez Feijóo, líder do PP, respondendo a intervención de Sánchez sobre a guerra en Irán, este 25 de marzo © Congreso

A resposta a Sánchez do ex-presidente da Xunta e actual líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo foi adoptar o "non á guerra" que afeou ao titular do Executivo español en días previos, pero engadíndolle un "non a vostede" como "resumo" da posición da súa formación. Sostén Feijóo que Sánchez esquece "as vítimas asasinadas polos iranianos" nun contexto no que "dificilmente se pode defender a paz se a propaganda iraniana estampa a túa cara en mísiles".

Feijóo asume agora o "non á guerra" sumado a un "non a vostede" contra Sánchez, a quen nega o pacifismo e descualifica como traidor

Nun discurso inzado de referencias domésticas e alleas á discusión sobre xeopolítica, alianzas ou defensa, como informa Marta Monforte para infoLibre, Feijóo tentou situar a posición de Sánchez sobre a guerra de Irán como illada. O líder do PSOE, ridiculiza, está a ser "excluído" polos socios internacionais de España e ademais non é "pacifista" porque sostén o "maior gasto militar da historia". Pero ao tempo, mantivo, "algún homólogo seu" xa lle chama "o traidor de Europa".

Por parte do BNG, na súa intervención, o deputado Néstor Rego pediu a Sánchez "coherencia" na defensa do "non á guerra", principio que ao seu xuízo é incompatible" co aumento do gasto militar, continuar na OTAN ou facer apoloxía do militarismo". Reclama o nacionalista máis medidas para "protexer as maiorías sociais" fronte aos efectos económicos da guerra e, ao tempo, censura a "hipocrisía" dun Feijóo que "hoxe subiu aquí dicir non á guerra" despois de "aplaudir os ataques dos EUA e Israel contra o Irán".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.