As petroleiras xa fan caixa coa guerra con combustibles un 12% máis caros en Galicia

Trump, durante a súa recepción ao chanceler alemán Merz, sobre unha imaxe dunha gasolineira galega cos combustibles a 2 euros tras a invasión rusa de Ucraína CC-BY-NC-SA Praza.gal | Foto Trump: © White House

En apenas unha semana o prezo medio da gasolina aumentou uns dez céntimos por litro nas estacións de servizo galegas e o gasóleo, case vinte

O ataque dos Estados Unidos e Israel a Irán ten entre as súas múltiplas consecuencias asomar boa parte do mundo a outra crise enerxética. As cotizacións do petróleo e do gas xa comezaron a subir nos mercados internacionais, un encarecemento das materias primas que obviamente atinxirá aos custos dos combustibles que acaban alimentando os vehículos de combustión.

As gasolineiras están a servir polo momento gasolina e gasóleo mercados antes do inicio dos ataques e, polo tanto, adquiridos á marxe da repercusións de sucesos coma o corte do Estreito de Ormuz para o paso de petroleiros. Pero isto non impide que as petroleiras xa comezasen a disparar os prezos, con combustibles cuxo prezo medio chegou a dispararse nas estacións de servizo galegas practicamente un 12% en menos dunha semana

O pasado venres, 27 de febreiro, o litro de gasolina 95 custaba en Galicia unha media de 1,50 euros e o gasóleo A vendíase a uns 1,46 euros o litro. Segundo os datos oficiais recompilados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, este xoves, 5 de marzo, botar gasolina a un coche no noso país xa custaba de media 1,60 euros por litro (dez céntimos máis en seis días) e o gasóleo xa ascendera a 1,64, case vinte céntimos máis o litro.

Catro anos despois de aplicar medidas como a subvención de 20 céntimos por litro de combustible ou os trens de balde para paliar as consecuencias económicas da invasión rusa en Ucraína, Sánchez avanza que prevé aplicar accións "económicas" ante a posibilidade de que a guerra en Irán sexa "longa"

Daquela, mesmo antes de que as repercusións da guerra sexan efectivas na produción de gasolina e no gasóleo, as grandes produtoras de combustibles fósiles xa comezaron a repercutir o conflito na súa conta de ganancias. Se botamos man do habitual exemplo do custo de encher un depósito de 50 litros de combustible, o encarecemento é obvio: hai unha semana en Galicia custaba, de media, uns 75 euros para coches de gasolina e arredor de 73 para vehículos diésel. Agora o importe ascendeu ata arredor dos 80 euros en gasolina e situouse na contorna dos 82, para o gasóleo.

A lembranza da invasión de Ucraína

Estes primeiros movementos á alza dos prezos dos combustibles devolveron á memoria colectiva o acontecido en 2022, tras a invasión rusa en Ucraína, aínda que polo momento as subas e os importes que cobran as gasolineiras estean moi por baido. Daquela, en plena inflación derivada da fin da pandemia da COVID-19, gasolina e gasóleo roldaban os 1,50 euros por litro e en apenas catro meses disparáranse por riba dos dous euros.

Fora neste contexto no que o Goberno de España puxera en marcha un paquete de medidas para afrontar a crise de prezos que tivera entre as máis destacadas unha subvención directa de 20 céntimos por litro de combustible ata finais de 2022, axudas que a partir de 2023 modulou e concentrou en sectores coma os do transporte profesional. As medidas implicaran tamén accións inéditas como a implantación de abonos gratuítos nos trens de Renfe ou novos impostos a empresas enerxéticas e bancos.

Alén das medidas paliativas volven emerxer voces que sinalan unha nova crise xeopolítica internacional como a mellor mostra da importancia de avanzar na transición enerxética e diminuír a dependencia dos combustibles fósiles.

Na súa intervención do pasado martes para evidenciar a súa negativa a colaborar cos EUA nos ataques a Irán, o propio Pedro Sánchez avanzou xa a súa intención de lanzar "medidas económicas" para paliar a crise de prezos que traia consigo o que xa ve como "posible" que sexa unha "guerra longa". No mesmo sentido, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, avanzaba este pasado xoves que o seu departamento xa contempla ter que reactivar o "escudo social" no ámbito laboral.

Neste contexto, alén das medidas paliativas, volven emerxer voces que sinalan unha nova crise xeopolítica internacional como a mellor mostra da importancia de avanzar na transición enerxética e de diminuír a dependencia dos combustibles fósiles. Así, por exemplo, analistas como Pauline Heinrichs, do King's College London, resaltaban nos últimos días o erro que supón que a Unión Europea estea, nos últimos tempos, a frear na súa aposta por esta transición: "Non sei cantas crises necesitamos para darnos conta. Debemos reducir a dependencia de combustibles de terceiros países e apostar polas enerxías renovables", resume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.