A errática xestión do Goberno de España sobre a non elevación do mínimo exento de tributación no IRPF para acomodalo á nova suba do salario mínimo é aproveitada polo PP para unha nova vaga de discursos contra os impostos
A errática xestión política da que fixo gala nos últimos días o Goberno de España sobre a non elevación do limiar de ingresos a partir do cal é obrigatorio tributar no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para adaptalo á nova suba do Salario Mínimo Inteprofesional (SMI), como en anos anteriores, devolveu os impostos ao centro do debate político. Puxo o foco sobre as eivas de progresividade do sistema fiscal español e o maior peso das rendas do traballo que as do capital á hora de recadar. Pero, sobre todo, serviu como apoio para dar azos ás narrativas políticas anti impostos.
No ámbito das principais forzas políticas, nestes últimos días foi o PP o que máis aproveitou a fenda na coalición presidida por Pedro Sánchez para axitar o discurso contra o impostos. Isto é, contra a principal fonte de recursos para financiar os servizos públicos, con independencia da conxuntura, dos tirapuxas ou da cor do Goberno.
Así, por exemplo, nada máis confirmar o Consello de Ministros o incremento do SMI en 50 euros ata 1.184 euros mensuais en 14 pagas -16.576 euros ao ano- e manter o mínimo exento de tributación en 15.876 anuais -equivalente ao SMI antes da suba- o PP lanzou nas redes sociais unha campaña para sinalar que parte da suba "a leva o Goberno". Nas horas e días seguintes, o propio Alberto Núñez Feijóo encadrou a cuestión no que denomina "inferno fiscal" no Pedro Sánchez fai "negocio" e "queda coa metade" da suba do SMI.
Cargos como Feijóo ou Tellado sosteñen que Sánchez "fai caixa" ou "queda" co recadado a través do Impostos sobre a Renda, un tributo clave no financiamento dos servizos públicos polo que a Xunta prevé ingresar este ano case 3.800 millóns
O Goberno "fai caixa" ou Sánchez "saca tallada" e "queda coa metade da suba do SMI" foron outras das expresións empregadas por Feijóo. Outros dirixentes como Miguel Tellado resumiron o cálculo en que os cartos que achegue a poboación que cobre o SMI e teña que pagar o IRPF -o Goberno de España calcula que sucederá nun 20% dos casos- "queda con eles o Ministerio de Facenda".
Alén da obvia torpeza na xestión política da cuestión por parte do PSOE e Sumar, cuxo Goberno carece de maioría suficiente no Congreso dos Deputados para sacar adiante as prometidas reformas fiscais para gravar máis as rendas máis altas, o PP incide nun marco anti impostos que, paradoxalmente, impacta nos seus propios gobernos. Non en van, o IRPF é unha partida clave para o financiamento das comunidades autónomas, tamén de Galicia, ao ser un tributo cedido ao 50% no que as autonomías teñen, ademais, marxe normativa.
Nos vixentes Orzamentos Xerais da Xunta para 2025 a Consellería de Facenda preveu uns ingresos por IRPF de 3.797 millóns de euros, a principal partida de impostos, cun incremento de 610 millóns a respecto de 2024, case un 20% máis. Mostra da súa importancia é, por exemplo, que os ingresos por IRPF superan o total do orzamento educativo da Xunta para este ano ou equivalen a máis do 70% do orzamento sanitario do mesmo exercicio.
Obviamente, con eses fondos non "quedan" nin o conselleiro de Facenda nin o presidente da Xunta
Obviamente, con eses fondos non "queda" o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, nin o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Cando menos ata agora, ningún representante da oposición galega deu en trasladar ao noso país un argumentario anti impostos que, en calquera caso, o ex-presidente Feijóo leva empregando xa varios anos acusando, por exemplo, a Pedro Sánchez de "forrarse" por mor do incremento de recadación tributaria.
Eses máximos recadatorios chegaron a disparar un 20% os ingresos da Xunta nun só ano. E tamén veñen permitindo ao Goberno galego redactar orzamentos récord mentres aplica rebaixas de impostos, uns descontos que este ano custan algo máis de 400 millóns de euros.
