As rendas máis altas de Galicia manexan, en conxunto, case 59.000 millóns de euros en bens. É o montante total suxeito ao imposto sobre o patrimonio no noso país con datos de 2022, os máis recentes dispoñibles, que a Axencia Estatal Tributaria divulgou hai poucos días.
O 88% dos bens suxeitos en Galicia ao imposto de patrimonio, que só pagan as 8.600 persoas máis ricas, son participacións empresariais e outros bens financeiros
Para ter que atender este tributo -recuperado en 2011 polo Goberno do PSOE de Zapatero, que o suprimira tres anos antes- hai que ter un patrimonio superior a 700.000 euros -excluída a vivenda habitual ata 300.000- ou, en total, bens por máis de 2 millóns. Ese foi o caso, nese ano, de 8.634 contribuíntes que, malia ás notables disparidades dentro da súa consideración xeral de rendas altas (tres cuartas partes deses case 59.000 concéntranse en apenas 700 persoas), se beneficiaron de maneira xeral do 25% de desconto nese imposto aprobado pola Xunta aínda con Alberto Núñez Feijóo como presidente.
Alén dos datos xerais, a estatística do imposto permite obter unha radiografía de como se reparte ese patrimonio. Case o 88% dos bens que atesouran os ricos galegos están en capital mobiliario, sobre todo en participacións empresariais por importe de máis de 44.000 millóns de euros. A seguinte partida máis voluminosa son os bens inmobles, con case 5.000 millóns investidos en ladrillo.
Os "bens suntuarios" como xoias, peles, coches, barcos ou pezas de arte son unha pequena pero significativa parte deste patrimonio. Suman case 270 millóns, un 72% máis que antes da pandemia
Unha partida menos cuantiosa, pero economica e politicamente significativa, é a que a lei do imposto define como "bens suntuarios". Isto é, artigos de luxo como "xoias, peles de carácter suntuario, automóbiles, vehículos de dúas ou tres rodas cuxa cilindrada sexa igual ou superior a 125 centímetros cúbicos, embarcacións de recreo ou de deportes náuticos, avións, avionetas, veleiros e demais aeronaves". Ademais, computan tamén algunhas pezas de arte e antigüidades pero con amplas exencións -non tributan, por exemplo, os bens catalogados polo seu valor patrimonial-.
Sempre segundo os datos divulgados pola Axencia Tributaria, os bens suntuarios dos ricos galegos ascendían en 2022 a 267,9 millóns de euros. É un importe pouco avultado en relación co conxunto de bens suxeitos ao imposto, pero o seu incremento si é elocuente, máis aínda tendo en conta a entrada en vigor do devandito desconto impositivo por decisión da Xunta: ese case 270 millóns supoñen un 41,22% máis que no ano previo, o 2021, e e están un 72% por riba dos bens suntuarios que acumulaba en 2019, xusto antes da pandemia da COVID-19.
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, os incrementos máis pronunciados no investimento en bens de luxo por parte das rendas altas en Galicia estiveron en 2022 no capítulo que recolle patrimonio como xoias, peles, vehículos ou barcos, que minguara levemente en 2021. Son algo máis de 183 millóns de euros, un incremento interanual do 71% e un 132% máis que antes da pandemia.
Para 2023 o Goberno de Rueda decidiu duplicar o desconto neste imposto, do 25% ao 50%. Para 2024 decidiu neutralizar parcialmente a rebaixa para evitar que o Estado recade en Galicia o imposto ás grandes fortunas
O capítulo de obxectos de arte e antigüidades é máis reducido no total de investimento suxeito ao imposto, con algo menos de 85 millóns, e a súa evolución tamén é máis moderada. Este patrimonio é apenas un 2% superior ao do ano previo e medrou algo menos dun 11% dende a pandemia.
Tras un exercicio de 2022 marcado para este imposto polo desconto do 25% decidido pola Xunta, na declaración de 2023 as rendas altas poderán acollerse a unha bonificación do Goberno galego aínda maior, do 50%, aprobada no primeiro ano de Alfonso Rueda como presidente. Así e todo, esa rebaixa é parcialmente compensada polo imposto estatal das grandes fortunas, que en 2022 recadou uns 10 millóns de euros en Galicia e contra o que o Executivo galego litigou no Tribunal Constitucional sen éxito. Para 2024 o PP galego introduciu unha fórmula alternativa, neutralizando "temporalmente" as rebaixas no imposto de patrimonio co obxectivo de evitar así que o tributo estatal recade no noso país.