Os ricos galegos acumularon 8.900 millóns máis en plena cruzada da Xunta para perdoarlles impostos

20.000 euros en billetes de 200 CC-BY Stock Birken / Unsplash

O imposto sobre o patrimonio atinxe a unha minoría. No caso galego, concretamente, a 8.944 persoas, segundo os datos que a Axencia Estatal Tributaria (AEAT) vén de divulgar, correspondentes ao ano 2023. É a escasa parte da poboación con patrimonios superiores a 700.000 euros -excluída a vivenda habitual ata 300.000- ou cuxos bens suman, en total, máis de 2 millóns.

Os bens das apenas 9.000 persoas suxeitas ao imposto de patrimonio en Galicia ascenderon ata case 67.000 millóns en 2023, cando a Xunta litigou contra o tributo estatal ás grandes fortunas para tentar seguir aplicando o seu 50% de desconto 

Naquel ano o patrimonio acumulado por esta parte máis rica da poboación de Galicia superou os 67.000 millóns de euros. Concretamente, chegou a 67.893 millóns de euros, o que supón 8.913 millóns de euros máis que en 2022, cando esta minoría estaba composta por 8.634 persoas, apenas trescentas menos. Este engorde da riqueza dos máis ricos produciuse en plena cruzada da Xunta para lles perdoar impostos, isto é, na defensa do desconto do 50% no imposto de patrimonio que Alfonso Rueda decidiu aplicar pouco despois de chegar á presidencia, duplicando o 25% que Alberto Núñez Feijóo comezara a aplicar o ano anterior.

Esa defensa levou o Goberno galego a emprender -e perder- un litixio no Tribunal Constitucional contra o imposto estatal ás grandes fortunas, creado polo Ministerio de Facenda coa intención declarada de evitar a carreira de descontos no tributo sobre o patrimonio emprendida por gobernos autonómicos da dereita coma o galego. Así, de 2023 en diante os populares galegos artellaron unha reforma presentada como "temporal" para, dada a imposibilidade de tombar o imposto estatal sobre as fortunas, evitar que o que os ricos non pagasen na Xunta polos seus descontos acabasen pagándoo no Goberno de España.

En 2023, non obstante, o desconto aplicado pola Xunta aínda foi substancioso. Segundo os datos da AEAT, a bonificación galega liberou os ricos de pagar 49,5 millóns de euros, pero case 40 deles acabaron tendo que abonalos polo tributo estatal ás fortunas. A factura total foi un chisco superior aos 79 millóns de euros, mentres que en 2022 o pago por este imposto foran uns 10 millóns menos.

Participacións en empresas e ladrillo

O 8% dos ricos suma o 76% do patrimonio da poboación galega máis adiñeirada, con máis de 52.000 millóns

É o que tiveron que contribuír os ricos galegos por un patrimonio no que teñen especial protagonismo (case un 90%) o tecnicamente coñecido como "capital mobiliario". Dentro del destacan as participacións empresariais en compañías que non cotizan na bolsa (44.000 millóns), seguidas polas accións e participacións en empresas cotizadas (7.000 millóns). 

Aínda que en menor proporción (case o 8%), os ricos galegos tamén acumulan patrimonio no sector inmobiliario. Posúen bens inmobles por importe superior aos 5.000 millóns de euros (un 4% máis que un ano antes), a maior parte (o 80%) en contornas urbanas

Máis de 800 millóns de euros en seguros e outras rendas, 260 millóns nos chamados "bens suntuarios" -xoias, peles, coches de luxo, barcos, aeronaves ou pezas de arte- ou case 30 millóns en moedas virtuais (en 2022 eran apenas 2 millóns) completan as fortunas dunha poboación rica que tamén é notablemente desigual entre si. Non en van, só 723 desas case 9.000 persoas ricas acumulan patrimonios que suman máis de 52.000 millóns. É dicir, o 8% dos ricos controla o 76% do patrimonio desta poboación máis adiñeirada. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.