O Imposto de Patrimonio (IP) rexorde recorrentemente como argumento do alivio fiscal que propugnan as dereitas en discursos que, en ocasións, semellan atinxir ao conxunto da poboación cando en realidade, no caso deste tributo en concreto, afecta unicamente a unha pequena e rica parte da poboación. No caso galego, segundo os datos recentes máis dispoñibles (correspondentes a 2022), unhas 8.600 persoas que manexan en conxunto case 60.000 millóns en bens, tres cuartas partes concentrados en apenas 700 homes e mulleres.
No ano 2022 comezou a rexer en Galicia o desconto do 25% neste imposto aprobado pola Xunta aínda con Alberto Núñez Feijóo como presidente, bonificación que Alfonso Rueda decidiu duplicar ata o 50% en 2023. Pero o plan bateu coa creación do tributo estatal ás grandes fortunas, contra o que a Xunta litigou no Tribunal Constitucional sen éxito.
Tras perder o preito, o PP galego inseriu en 2024 unha fórmula legal para neutralizar "temporalmente" as súas propias rebaixas co obxectivo de que, ante a ausencia de escapatoria, os ricos pagasen por Patrimonio en Galicia e non por Grandes Fortunas no Estado. Ao cabo, o tributo estatal logrou o seu propósito e ese resultado xa se nota na recadación da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
A recadación da Axencia Tributaria de Galicia por imposto de patrimonio chegou en 2024 a 89 millóns, unha suba do 17% vinculada, entre outros aspectos, á reforma para que as rendas máis altas non teñan que tributar ao Estado o que lles descontaba o Goberno galego
O informe anual da Atriga correspondente ao ano pasado, presentado esta semana no Parlamento pola directora do organismo, Sonia Lafont, reflicte que en 2024 a redadación polo imposto de patrimonio chegou aos 89,1 millóns de euros. É un 17,7% máis por un tributo que só ten obriga de atender a poboación cun patrimonio superior a 700.000 euros -excluída a vivenda habitual ata 300.000- ou, en total, bens por máis de 2 millóns.
O propio informe vén admitir a influencia do imposto estatal ás grandes fortunas no incremento de bna recadación galega. "O incremento en autoliquidacións", isto é, cando a persoa obrigada a presentar o imposto o tramita como corresponde, "débese a dúas circunstancias". Unha delas, di, é a reforma que "regula o réxime aplicable ao imposto sobre o patrimonio durante a vixencia do imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas". A outra, que os ricos teñen máis patrimonio que en anos previos.
A devandita reforma é a disposición que o goberno de Rueda inseriu no decreto lexislativo que regula en Galicia os tributos cedidos polo Estado. Esa modificación, por unha banda, elevou ao 3,50% (un punto máis) o tipo do imposto para quen declara máis de 10,7 millóns. E, por outra, mantivo o desconto do 50%, pero adaptándoo á existencia do imposto estatal ás fortunas.
O total recadado pola Atriga aumentou case un 9%, ata os 688 millóns, impulsado por factores como a suba dos prezos da vivenda
O efecto da existencia do tributo ás fortunas nas facendas autonómicas é tamén recoñecido pola Axencia Estatal Tributaria no seu informe de recadación do ano pasado. Os ingresos polo imposto ás grandes fortunas agora son "escasos", sinala, polos "cambios normativos que afectaron ao imposto sobre o patrimonio nalgunhas comunidades autónomas", de forma que "a mairo parte dos ingresos que en 2023 xerara este imposto" agora "foron parar á caixa desas autonomías".
Alén do imposto de patrimonio, o total redacado pola Atriga en 2024 ascendeu a 688,8 millóns de euros, un aumento do 8,9% interanual. Destaca, pola súa contía e incremento, o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, con máis de 360 millóns, unha suba do 13,7% relacionada, sobre todo, coa maior actividade no sector inmobiliario e os incrementos dos prezos nas vivendas que se mercan e venden.