En 2008 o Goberno de coalición PSdeG-BNG aprobou a primeira protección permanente para vivendas de promoción pública da historia da autonomía, que o goberno do PP derrogou en 2012 e retomou trece anos despois
Contra o ano 2030 o parque galego de vivendas protexidas vai levar perdidos uns 35.000 inmobles, máis da metade dos pisos con algún réxime de protección construídos dende o fraguismo. Como acreditou unha investigación de Civio que Praza.gal debullou a pasada primavera en clave galega, esa é a cantidade de vivendas impulsadas con fondos públicos que, en cumprimento dos prazos legais de cada momento -a maioría, 30 anos- terán daquela pasado o limiar normativo para a descualificación, isto é, para pasar ao mercado privado e, por exemplo, mercarse e venderse sen límite de prezo e alén da poboación inscrita no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.
Entre esas vivendas que van quedando gradualmente sen protección está tamén un volume significativo de pisos promovidos directamente pola Xunta durante as últimas décadas. Atendendo ás cifras redondas divulgadas polo Goberno galego nos últimos anos, entre tres mil e catro mil. Foron vivendas de promoción pública construídas sen prohibición de que puidesen acabar no mercado privado.
Ese veto está vixente en Galicia dende 2025. Pero tamén o estivo antes por un breve período: os apenas catro anos transcorridos dende que o aprobou o Goberno de coalición de PSdeG e BNG e ata o que derrogou o Executivo do PP de Alberto Núñez Feijóo, quen actualmente como líder estatal do PP asegura estar en condicións de emendar a crise habitacional se logra gobernar tras as eleccións xerais do 29 novembro.
O goberno de Feijóo rebaixou a 30 anos a protección das vivendas promoción pública e das restantes protexidas a 15, 20 ou 25, segundo as zonas, mentres reducía os novos pisos públicos á mínima expresión
A primeira protección permanente para as vivendas de promoción pública chegou en Galicia cando xa transcorreran máis de vinte anos dende o inicio da autonomía. Foi en 2008, coa Lei de Vivenda impulsada pola Xunta que dirixían socialistas e nacionalistas, dependente da Consellería de Vivenda que dirixía Teresa Táboas (BNG). Aquela norma estipulaba que sería "de duración indefinida o réxime de protección das vivendas protexidas de promoción e titularidade públicas construídas sobre terreos do inventario de solo para vivenda pública" e deixaba o resto (as protexidas de promoción privada) en trinta anos.
Pero en 2012 o goberno do PP de Feijóo aprobou a súa propia Lei de Vivenda e volveu abrir a porta do mercado privado para as vivendas públicas. O réxime de protección tanto "das vivendas protexidas de promoción pública" como das "de protección autonómica construídas nun solo desenvolvido por un promotor público" volveu ser de trinta anos, agás no caso de as persoas adxudicatarias tivesen cantidades pendentes de pago. Para o resto de vivendas protexidas aquela reforma mesmo rebaixou os prazos para a descualificación automática: 15, 20 ou 25 anos, segundo a zona onde se construísen.
Este foi o terreo de xogo dende 2012 e durante máis dunha década, os anos nos que ademais -primeiro polo impacto da gran recesión e despois, por unha combinación desta con decisións políticas da propia Xunta do PP- a nova vivenda protexida caeu en Galicia, en todas as súas modalidades, á mínima expresión. En 2023, xa con Feijóo fóra da Xunta, o goberno herdado por Alfonso Rueda comezou a aplicar unha certa viraxe política nesta materia e ampliou a 50 anos a protección das vivendas de promoción pública e das construídas en solos públicos desenvolvidos para pisos protexidos.
Dende 2025 a vivenda pública volve ter protección permanente e o resto da protexida está cualificada por 30 anos agás a de promoción privada para alugueiro, que segue en 15
Non foi ata o pasado 2025 cando, mediante unha reforma introducida na lei de acompañamento dos Orzamentos, regresou a Galicia a figura da protección permanente para as vivendas de promoción pública, as de promoción privada construídas en solo público e as rehabilitadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Para o resto quedou unificada a protección de 30 anos agás nas protexidas de promoción privada destinadas a alugueiro, que seguen en 15 anos.
A actual Consellería de Vivenda vén reiterando que esta figura da protección permanente atinxirá aos 4.000 pisos de promoción pública que asegura ter xa "en marcha" -dende trámites previos ata construción- e ás que saen ao mercado libre tras perderen a protección pero son mercadas polo Goberno galego en aplicación do chamado dereito de tanteo. No entanto, ata estas últimas mudanzas de 2025 apenas 300 das case 65.000 vivendas construídas en Galicia con algún réxime de protección tiveron esa blindaxe permanente, as cualificadas mentres estivo en vigor a normativa do bipartito derrogada por Feijóo.