Case 600 pisos protexidos pasaron ao mercado privado pola vía rápida na última década en Galicia

Edificios de vivendas no barrio compostelán de Fontiñas, cun abondoso parque de pisos protexidos CC-BY-SA Xunta

En 2030 Galicia levará perdidas máis de 35.000 vivendas protexidas por mor das leis que durante décadas contemplaron a perda automática da protección aos trinta anos e tamén permitiron a descualificación anticipada mediante a devolución de axudas

Ata o ano 2030 Galicia vai perder algo máis de 35.000 vivendas protexidas, máis da metade das construídas dende o fraguismo. Como acreditou unha ampla investigación de Civio que Praza.gal debullou a pasada primavera en clave galega, esa será a cantidade de vivendas construídas co impulso de fondos públicos -de promoción pública ou privada, segundo o caso- que, a comezos da vindeira década, teñan cumpridos o prazos legais aplicables en cada momento (a maioría, 30 anos) para pasar ao mercado privado.

Pero, antes desa perda automática da condición de vivenda protexida (descualificación), moitos deses pisos teñen a posibilidade de descualificación anticipada, unha posibilidade que a Xunta permitiu ata 2021 e que consiste en pasaren ao mercado privado antes de tempo mediante a devolución das axudas recibidas. Na última década o país perdeu case 600 vivendas por esa vía, segundo vén de admitir oficialmente a Consellería de Vivenda.

Neste ano 2026 Galicia leva perdidas xa algo máis de 20.000 vivendas polo cumprimento do prazo legal de protección e hai case 30.000 máis en prazo de descualificación voluntaria, como evidenciou a pescuda de Civio. A esas cifras globais súmase agora unha tanxible, a recoñecida polo Goberno galego en resposta a unha pregunta do PSdeG no Parlamento.

Vivenda responde ao PSdeG que dende 2016 e ata a actualidade un total de 561 vivendas protexidas pasaron ao mercado privado anticipadamente

Co novo Plan Estatal de Vivenda 2026-30 como pano de fondo no que, destacan os socialistas, o Goberno de España inseriu principios como "a blindaxe do parque protexido" para evitar o seu paso futuro ao mercado privado, os deputados Aitor Bouza e Carlos López Font pediron a Vivenda detallar "cantas vivendas financiadas total ou parcialmente con fondos públicos foron descualificadas en Galicia nos últimos dez anos". E a cantidade total foi de 561 "dende 2016 ata a actualidade", di a resposta da Consellería, datada no pasado 2 de xullo.

Evidencia Vivenda que "en todos os casos, a descualificación está condicionada á devolución íntegra das axudas públicas percibidas, de conformidade coa normativa aplicable". Na resposta o departamento que dirixe María Martínez Allegue reprocha ademais ao PSdeG que na súa iniciativa no Parlamento incorporase "valoracións de natureza política".

A protección permanente, unha rareza que se estende aos poucos

En Galicia ningunha vivenda protexida tivo protección permanente ata que o Goberno de PSdeG e BNG a implantou por primeira vez en 2008 para pisos promovidos pola propia Xunta

Nesa normativa a protección permanente das vivendas protexidas foi historicamente unha rareza tanto en Galicia como na práctica totalidade do Estado. Non en van, a imposibilidade de que vivendas construídas grazas a fondos públicos pasasen ao mercado privado non se aplicou no noso país ata 2008, cando a Lei de Vivenda do Goberno de coalición PSdeG-BNG, dependente da Consellería de Vivenda que dirixía Teresa Táboas, fixou a protección permanente para vivendas protexidas de promoción pública -nas que a promotora é a propia Xunta- construídas sobre solos destinados a pisos públicos.

Esa protección indefinida desapareceu en 2012, coa Lei de Vivenda do Goberno do PP de Feijóo. A vivenda de promoción pública volveu ter unha protección de trinta anos -como con Fraga- e a protexida de promoción privada quedou rebaixada a 15, 20 ou 25 anos, segundo as zonas.

A norma permaneceu así ata 2023, xa con Rueda na presidencia comezando a viraxe política do Goberno do PPdeG en materia de vivenda. Daquela a Xunta ampliou de 30 a 50 anos a protección para a vivenda protexida de promoción pública e para as construídas en solos públicos desenvolvidos para pisos protexidos. 

Traballos de construción de vivenda de promoción pública nunha cidade galega CC-BY-SA Xunta

Dende o ano pasado, coa reforma introducida na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2025, todas as novas vivendas públicas e mais as protexidas "nun solo desenvolvido por un promotor público" teñen protección permanente. As protexidas de promoción privada que se venden descualifícanse agora aos 30 anos con independencia da zona e as que se alugan seguen, como con Feijóo, perdendo a protección aos 15 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.