Pontón insta a desbotar "medo" e "derrotismo" o 29N cunha chamada a "concentrar o voto" no BNG

Ana Pontón, flanqueada por Néstor Rego e Carme da Silva, este 13 de outubro en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

O Bloque culmina o 24 de outubro a elección das súas candidaturas ás xerais 

O vindeiro 24 de outubro o Consello Nacional do BNG aprobará as súas candidaturas para as eleccións xerais, culminando o proceso interno iniciado tras anunciar Pedro Sánchez o anticipo ao 29N. Con esa decisión interna en marcha a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, arrodeouse este martes de quen foron os seus referentes no Estado na lexislatura que remata, o deputado no Congreso Néstor Rego e mais Carme da Silva, senadora por designación do Parlamento galego, para bosquexar o mapa da formación cara ás urnas.

Asegura Pontón percibir que os dous principais partidos de ámbito estatal, o gobernante PSOE e o aspirante PP, tentan "xogar coas emocións da cidadanía" . "Ou coa idea do medo ou coa idea de derrotismo", advirte. Mentres, sinala, "nós dicimos que o 29N hai que ir votar con ilusión, con ganas, con Galiza na cabeza e no corazón, sendo conscientes de que a única batalla que se perde é a que non se dá", afirma.

Mensaxes de Pontón no marco do almorzo informativo con Rego e Da Silva a respecto do 29N, este 13 de outubro

Sobre esa premisa, matiza, a petición da organización soberanista ao electorado galego vai ser "concentrar o voto no BNG como garantía de que dende Galiza non só imos frear ese bloque reaccionario" de PP e Vox, senón "que imos dar voz firme ao noso país" e "condicionar as políticas do Estado a prol da maiorías sociais". "Cada escano vai ser decisivo" e nese panorama, mantén, "cómpre unha voz clara e firme que non cale cando se trate de defender a Galiza e á súa xente".

A formación soberanista pide apoio para "dar voz firme ao noso país", "condicionar as políticas do Estado a prol das maiorías sociais" e tamén que "o PP e Feijóo sigan moitos anos onde deben estar, na oposición"

Neste sentido, reafirma Pontón, o BNG tamén pide apoio a quen desexa que "o PP e Feijóo sigan moitos anos onde deben estar, na oposición". E vaino facer indo ás urnas outra volta "como BNG", isto é, respondeu a preguntas da prensa, á marxe das posibles alianzas e confluencias que exploran forzas como as en 2023 integradas en Sumar, Podemos ou, recentemente, ERC. "Se temos algunha coalición, será co pobo galego", resume Pontón, quen "respecta" os debates doutras formacións ao respecto.

Cara aos comicios, sinala Rego, o BNG presentarase tamén como a "única das forzas políticas que tivo representación" polas circunscricións galegas que "pode acreditar un traballo constante e coherente de defensa dos intereses do noso país e das maiorías sociais. Neste sentido, abonda, se logra "maior representación" que en 2023, cun escano no Congreso, "o BNG terá maior capacidade para determinar as políticas que se fagan no Estado" e, ao mesmo tempo, "cada escano" que logre "será un escano menos para o bloque reaccionario".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.