É inevitable o 3-1 para o PP en Lugo e Ourense? A historia recente di que non

Escanos escollidos en Lugo e Ourense nas eleccións xerais das últimas tres décadas ©

Dende que Lugo e Ourense elixen 4 deputados (ata 1996 Lugo escollía 5, o mesmo que Ourense ata 1993), o PP conseguiu o terceiro escanos en menos da metade das ocasións: en Lugo en 1996, 2000, 2011 e 2023 e en Ourense en 2000, 2004, 2011, 2016 e 2023

Nas eleccións de xullo de 2023 o PP fíxose con 3 dos 4 escanos en xogo nas circunscricións de Lugo e Ourense. Co 50,35% dos votos en Lugo e o 49,92% en Ourense obtivo o 75% dos representantes. Esta ampla diferenza facilitou o seu claro triunfo final en Galicia (con 13 dos 23 escanos, fronte aos 7 de PSdeG, os 2 de Sumar e 1 do BNG), a pesar de que na Coruña e Pontevedra a vitoria foi da esquerda (o PP levou 7 escanos e as fomacións progresistas 8). No conxunto de Galicia a suma de PSdeG, Sumar e BNG superou en 1,9 puntos á suma de PP e VOX, pero os populares gañaron tres deputados e deputadas máis.

Unha das claves destas eleccións semella estar, polo tanto, nas dúas provincias orientais, que volverán repetir catro escanos cada unha nas eleccións ao Congreso. É inevitable o 3-1 para o PP en Lugo e Ourense? A historia electoral recente amosa que dende que Lugo e Ourense elixen 4 deputados (ata 1996 Lugo escollía 5, o mesmo que Ourense ata 1993), o PP conseguiu o terceiro escanos en menos da metade das ocasións: en Lugo en 1996, 2000, 2011 e 2023 e en Ourense en 2000, 2004, 2011, 2016 e 2023. 

En 2023 o PP fíxose co derradeiro escano en xogo cunha diferenza de 6.086 votos con respecto ao PSdeG en Ourense e de 6.390 votos en relación aos socialistas en Lugo. O BNG ficou a máis de 16.000 votos en ambos os dous casos

O PSdeG foi quen de obter o segundo escano en Lugo en 2004, 2008 e nas dúas citas de 2019 e en Ourense fíxoo en 1993, 1996, 2008 e nas dúas convocatorias de 2019. Pola súa banda, En Marea acadou representanción en 2015 e 2016 en Lugo e en 2015 en Ourense.

Que pasou no ano 2023? Nos comicios celebrados hai tres anos o PP fíxose co derradeiro escano en xogo cunha diferenza de 6.086 votos con respecto ao PSdeG en Ourense e de 6.390 votos en relación aos socialistas en Lugo. O BNG ficou bastante máis lonxe de acadar representación nestas provincias: máis de 16.000 votos en ambos os dous casos, é dicir, necesitaría ter multiplicado por dous os seus apoios.

De que depende a consecución deste derradeiro escano nas dúas circunscrición? Aínda que estes 6.000 (ou 16.000) sufraxios poidan parecer moitos, estamos a falar de apenas tres puntos porcentuais no caso dos socialistas ou de 8 puntos no dos nacionalistas. Unha marxe, ademais, que se pode estreitar por dúas vías, o que nos leva a falar do maldito señor D'Hont, o método que determina o reparto de escanos.

O PP podería perder ese cuarto escano tanto polos aumentos de voto de PSdeG ou BNG como pola perda de apoios propios (por exemplo, pola división do voto de dereitas ante o anunciado ascenso de VOX)

No método d'Hont o número de votos de cada partido se divide entre números consecutivos: 1, 2, 3, 4, 5... e os escanos en xogo na circunscrición son asignados aos cocientes máis elevados. No caso de Lugo e Ourense o cuarto e derradeiro escano adoita estar en competición entre o terceiro do PP (é dicir, o número total de votos recibidos polos populares dividido entre tres), o segundo do PSdeG (o total de votos dos socialistas, entre dous) e no 2023 e tamén agora o primeiro do BNG (simplemente a cifra de apoios dos nacionalistas).

O PP podería perder ese cuarto escano tanto polos aumentos de voto de PSdeG ou BNG (pola mobilización de abstencionistas, de votantes novos ou transferencias dende outras forzas) como pola perda de apoios propios (por exemplo, pola división do voto de dereitas ante o anunciado ascenso de VOX). 

Unha transferencia do 10% dos votos do PP cara a VOX daríalle automaticamente o segundo escano lucense e ourensán ao PSdeG-PSOE, mesmo se os socialistas se limitasen simplemente a repetir o seu resultado do ano 2023. Nese caso, o BNG tería que incrementar o seu resultado en 13.000 votos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.