Traballa para que “en outono” o tráfico en sentido Castela e León non teña que pasar polo centro da vila, como si o terá que seguir facendo o que circule cara a Galicia, segundo a súa previsión, criticada pola Xunta
Ás once da mañá deste mércores 20 de xullo, mes e medio despois da caída do viaduto da A-6 nas proximidades de Pedrafita, o Ministerio de Transportes porá en servizo o novo desvío do tráfico da autovía á estrada nacional que permitirá reducir de 10 a 4 quilómetros o recorrido dos vehículos fóra da vía de alta capacidade. Para iso habilitouse unha nova conexión entre as dúas calzadas da autovía á altura do punto no que esta xa se conectara coa estrada nacional, permitindo así que ata ese punto se poida circular con dous carrís por sentido en vez de compartindo unha única calzada como ata agora. Porén, todo o tráfico seguirá pasando de momento polo centro da vila de Pedrafita.
Este martes responsables do ministerio mantiveron unha nova reunión co resto de administracións afectadas pola caída do viaduto e aseguraron que están a traballar para que “en outono” estea operativo un novo desvío que permita evitar o paso polo centro de Pedrafita para o tráfico de Galicia cara a Castela, que seguiría empregando un dos dous túneles baixo a vila, mentres que en sentido contrario os vehículos deberán seguir circulando polo treito urbano.
Canto aos transportes especiais, que se están vendo afectados especialmente no caso dos compoñentes de equipos eólicos que habitualmente transitan entre Ponferrada e Ferrol, a solución que dá de momento o ministerio é o seu desvío pola Autovía das Rías Baixas (A-52) ou pola Autovía do Cantábrico (A-8). Segundo o ministerio, cando “en outono” estea habilitado o novo desvío que permita empregar un dos túneles de Pedrafita xa se poderá permitir o paso de vehículos especiais pola zona.
A proposta de novo desvío para o outono coa que traballa o ministerio vén sendo criticada pola Xunta, que considera que se podería habilitar outra conexión distinta entre a A-6 e estrada nacional algo máis ao leste que facilitase o acceso aos túneles de Pedrafita nos dous sentidos da circulación. Porén, esa actuación implicaría importantes desmontes na zona.