O plan do ministerio, rexeitado pola Xunta, elimina o paso polo centro de Pedrafita do tráfico en dirección á Meseta pero manteno en dirección a Galicia
O Ministerio de Transportes presentou este xoves ao resto de administracións implicadas o seu plan para reducir o máximo posible os desvíos do tráfico provocados pola caída do viaduto da A-6 o pasado 7 de xuño. O plan do ministerio reducirá de 10 a 4 quilómetros a lonxitude do desvío e das restricións do tráfico e elimina o paso polo centro de Pedrafita dos vehículos en dirección á Meseta pero manteno en dirección a Galicia.
Tras a caída do viaduto habilitouse un desvío do tráfico que obriga a atravesar o núcleo urbano de Pedrafita, que emprega un treito duns tres quilómetros de considerable pendente da estrada nacional e que implica que os vehículos deban compartir noutros varios quilómetros unha mesma calzada das dúas que ten a autovía, quedando así reducida a circulación a un só carril por sentido ao longo de máis de dez quilómetros entre Castela e León e Galicia.
O ministerio di que un vehículo lixeiro en dirección a Galicia que agora circula preto de 9 minutos co tráfico condicionado pasará a facelo en menos de 4 minutos
Coa nova proposta do ministerio permitirase a circulación durante máis distancia pola propia autovía sen compartir calzada, de xeito que os vehículos só deixarán de circular por unha vía de dous carrís por sentido durante uns catro quilómetros. Para iso, conectaranse as dúas calzadas da autovía á altura do punto no que o tráfico é desviado á estrada nacional no leste do treito cortado. No outro extremo, no oeste, o tráfico en dirección á Meseta seguirá empregando un dos túneles baixo a vila de Pedrafita e será na súa saída cando se desvíe á estrada nacional. Porén, o tráfico en dirección a Galicia seguirá circulando polo centro da vila.
Segundo o ministerio, con esta nova disposición dos desvíos un vehículo lixeiro en dirección a Galicia que hoxe nas horas de menos tráfico tarda uns 8 minutos e 45 segundos en facer todo o treito afectado pasará a recorrelo en menos de catro minutos. E un vehículo pesado verá recortado o desvío de 15 a 6 minutos.
A Xunta considera "insuficiente e ineficaz" o plan do ministerio e reclama que tamén se evite o paso por Pedrafita do tráfico en dirección a Galicia
Segundo o ministerio, as obras para facilitar a conexión das calzadas da autovía no punto máis ao leste xa comezaron o 23 de xuño, mentres que as actuacións para facilitar a saída do túnel cara á estrada nacional dos vehículos que circulan en dirección á Meseta comezarán o luns. Pola súa banda, a Xunta xa amosou o seu rexeitamento do plan do ministerio por “insuficiente e eficaz”. O Goberno galego reclamou que se evite o tráfico polo centro de Pedrafita nos dous sentidos da circulación e criticou que a proposta do ministerio segue sen permitir o paso de transportes especiais.
No encontro deste xoves o ministerio non deu prazos nin para a entrada en servizo da súa nova alternativa aos desvíos nin para a solución final que terá o viaduto derrubado.