PP, BNG e PSdeG apoian por unanimidade unha iniciativa dos populares na Cámara galega mentres no Congreso o nacionalista Nestor Rego vincula a construción da ponte coa corrupción e a ministra dille que se ten probas vaia á Fiscalía
Este xoves o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Xavier Flores, presentará ao resto de administracións da zona as alternativas coas que traballa o seu departamento para mellorar o desvío do tráfico da autovía A-6 á estrada N-VI tras o derrubamento hai tres semanas dun viaduto da primeira nas proximidades de Pedrafita. Será “unha nova solución de desvío do tráfico coa que se poida circular o maior tempo posible pola A-6 e o menor tempo pola nacional”, en palabras da ministra de Transportes
Raquel Sánchez compareceu este mércores no Congreso nunha interpelación urxente formulada polo BNG. Fíxoo ao tempo que, no Parlamento de Galicia, os tres grupos apoiaban por unanimidade unha iniciativa do PP que reclama “celeridade” ao Goberno de España na reparación da autovía.
Tras a caída do viaduto habilitouse un desvío do tráfico que obriga a atravesar o núcleo urbano de Pedrafita, que emprega un treito duns tres quilómetros de considerable pendente da estrada nacional e que implica que os vehículos deban compartir noutros varios quilómetros unha mesma calzada das dúas que ten a autovía, quedando así reducida a circulación a un só carril por sentido ao longo de máis de dez quilómetros entre Castela e León e Galicia.
Á espera da solución que se presente este xoves para reducir o desvío, este mércores a ministra non foi quen de dar prazos para o problema de fondo, a reparación da autovía. Os técnicos -“en total son unhas 60 as persoas que están traballando directamente neste tema”, dixo a ministra- están aínda estudando as causas do derrubamento sen poder acceder de momento á zona. Así que Raquel Sánchez insistiu este mércores en pedir “prudencia”.
Na súa interpelación Néstor Rego puxo en dúbida o sistema construtivo empregado para o viaduto, con segmentos prefabricados, e tras acusar ao ministerio de escurantismo cos nomes das construtoras, el mesmo asegurou que estas empresas, ACS e FCC, “apareceron relacionadas en diversas ocasións en tramas de corrupción en diferentes áreas do mundo”.
A ministra contestou a Rego que se ten dúbidas sobre as empresas que fixeron as obras “non o ten máis fácil de comprobar que acudir ao BOE”. E sobre o sistema construtivo asegurou que é “amplamente utilizado a nivel mundial” e que o viaduto “desde 2001 sufriu os efectos, e iso tamén está contrastado, das sales fundentes” empregadas contra a neve e o xeo.
“Non somos quen para axuizar se a tipoloxía do viaduto era a adecuada”, di a ministra, que asegura “se da análise das causas do derrubamento se establecen algún tipo de responsabilidades, actuaremos depurándoas”
“Non somos quen para axuizar se a tipoloxía do viaduto era a adecuada”, dixo Sánchez, pedindo que se deixe aos expertos decidir sobre esa cuestión. “Se da análise das causas do derrubamento se establecen algún tipo de responsabilidades, actuaremos da forma que corresponda depurándoas”, engadiu a ministra, que asegurou que “a vontade deste ministerio é ser absolutamente transparentes”. Pero a falta deses datos cualificou como “moi graves” as acusacións de Rego e díxolle que se ten datos de corrupción “onde ten que facer esa denuncia non é nesta cámara senón en Fiscalía”.
Na mesma mañá en que se produciu ese debate no Congreso, no Parlamento de Galicia saía adiante por unanimidade unha proposición non de lei do PP, apoiada tamén por BNG e PSdeG, que reclama “celeridade” na solución do problema da A-6. A iniciativa tamén pide ao ministerio que concrete as súas previsións de prazos, que minimice o impacto dos desvíos e que sexa transparente coa información sobre o sucedido o os próximos pasos a dar.