O ministerio fixa un itinerario alternativo pola N-120 e o corredor Nadela-Monforte do que di que será provisional xa que “o próximo inverno polo menos un dos viadutos estará operativo en ambos sentidos”
O Ministerio de Fomento informou este xoves do protocolo que preparou ante os problemas que poidan crear este inverno as nevadas no acceso á Meseta por Pedrafita co corte da A-6 polo viaduto derrubado o pasado xuño. Cando neve, os vehículos pesados non poderán circular pola autovía entre Lugo e o Bierzo e deberán desviarse polo corredor autonómico Nadela-Monforte e continuar desde alí pola N-120 que atravesa Valdeorras.
O propio ministerio sinala que prevé que este protocolo de desvíos cando neve sexa provisional xa que “o próximo inverno” conta con que un dos dous viadutos paralelos cortados actualmente xunto a Pedrafita, un derrubado e o outro en estudo, poida estar xa operativo “para a circulación de vehículos en ambos sentidos”.
Tras o derrubamento do viaduto do pasado xuño e o corte do paralelo para estudar o seu estado o ministerio desviou o tráfico polo centro da vila de Pedrafita. Posteriormente foi habilitando desvíos máis curtos que fan que agora só pase pola vila o tráfico en dirección Galicia, mentres que o que vai cara á Meseta pode seguir usando o túnel da autovía que pasa baixo a vila. Porén, nos dous casos hai que seguir usando un treito da antiga N-VI con notables pendentes.
O corredor Nadela-Monforte polo que se desviará o tráfico está aínda en obras para a súa conversión en autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria
Ante a chegada do inverno e os problemas que poida causar a neve, agora o ministerio vén de establecer que cando exista nivel amarelo de alerta por nevadas os vehículos pesados non poderán circular pola A-6 entre os enlaces de Villamartín de la Abadía, no Bierzo, e Nadela, nas proximidades da cidade de Lugo. Entre eses puntos os camións serán desviados pola N-120 ata Monforte e desde alí polo corredor autonómico que une esa vila con Sarria e Nadela. Porén, a Xunta ten actualmente en obras ese corredor para a súa conversión en autovía entre Nadela e Sarria, o que podería provocar que, se os traballos non rematan como o ministerio prevé a finais de novembro, o tráfico non poida circular por el senón que teña que desviarse aínda máis pola LU-546 entre Sarria e A Pobra de San Xiao.
Pero na nota de prensa na que informa do desvío previsto cando neve o ministerio tamén avanza unha previsión que ata agora non fixera pública. Di textualmente que “a previsión do Ministerio é que este protocolo de vialidade invernal teña carácter provisional xa que o próximo inverno polo menos un dos viadutos estará operativo para a circulación de vehículos en ambos sentidos”. O ministerio non indica se o que prevé é que o viaduto aínda en pé poida xa ser empregado porque se garanta para daquela a súa seguridade e non sexa preciso derrubalo, ou se conta con ter reconstruído para daquela o viaduto caído.