O pasado marzo afundiron uns 200 metros a estrada LU-651, que une Folgoso do Courel coa parroquia de Santa Eufemia. No momento do esborralle do terreo non circulaba ninguén pola zona, o que evitou os danos persoais nun suceso que dificultou moi notablemente as comunicacións nesta comarca da montaña lucense. E non só as físicas, toda vez que o afundimento deixou a Folgoso sen internet.
Seis meses despois daquel suceso, a Xunta ten habilitado un acceso provisional dende principios de agosto, evitando así un gran rodeo por unha estrada secundaria que pasa por Vidallón, A Campa e Baldomir. Trátase dunha vía construída de emerxencia e que abriu ao tráfico formalmente o 5 de agosto e, segundo unha resposta parlamentaria da Consellería de Infraestruturas ao PSdeG, datada no día 15 deste mes de setembro, "xa fora útil nos labores de extinción dos incendios" forestais que a contorna sufriu en xullo.
Esa mesma resposta inclúe outros datos de interese a respecto do acontecido. Nomeadamente, ratifica que as dúas principais incógnitas seguen vixentes: o Goberno galego responde aos socialistas que dende o propio día do accidente "está a traballar para investigar as causas", se ben non ten aínda conclusións.
Tras a apertura dun acceso provisional a Folgoso o pasado agosto, Infraestruturas responde este setembro ao PSdeG que segue a avaliar "posibles solucións" para a "restitución definitiva" da estrada e remítese a futuras pescudas para dilucidar as causas da derruba na vía, moi próxima a unha pizarreira
"En relación coas responsabilidades e a repercusión do custo dos labores necesarios para restituír a estrada coa funcionalidade que tiña antes do accidente", di o departamento que dirixe Ethel Vázquez, "a Xunta realizará as indagacións oportunas e esixirá as responsabilidades que correspondan" segundo o previsto na lei de estradas "sobre danos e prexuízos causados ao dominio público viario". Pero, matiza, "foi tempo de actuar coa máxima axilidade" e por iso "a Xunta asumiu as actuacións e imputará o gasto a posibles responsables". Na zona opera a pizarreira Ultransa, cara a cuxos traballos apuntaran diversas voces naqueles días como posible orixe da derruba.
A segunda gran cuestión, a reparación definitiva, tampouco está despexada. Infraestruturas pon o foco en que a solución provisional, de algo máis de 700 metros, "posibilitará a mobilidade na contorna, tamén para vehículos pesados". Pero "en canto á restitución definitiva da estrada, contempláronse varias posibles solucións cuxa viabilidade estase avaliando", resolve.