O corte na estrada obriga os vehículos a dar un importante rodeo por unha estrada secundaria que pasa por Vidallón, A Campa e Baldomir
O pasado domingo ao mediodía produciuse un importante afundimento na estrada LU-651 que une o centro de Folgoso do Courel coa parroquia de Santa Eufemia, unha das vías principais da comarca, que comunica a capital municipal co sur.
Non se produciron danos persoais e case de inmediato a zona foi sinalizada e protexida. Porén, o corte na estrada, que tardará un tempo indeterminado en ser reparado, obriga os vehículos a dar un importante rodeo por unha estrada secundaria que pasa por Vidallón, A Campa e Baldomir e conecta coa LU-651 preto do Alto do Boi. Aínda que a lonxitude desta vía alternativa non é moito maior que a da estrada cortada, trátase dun camiño moi estreito, o que fai moito máis lento o percorrido e, ademais, impide o paso de camións e autobuses de gran tamaño.
O afundimento provocou tamén o corte da conexión por fibra óptica a internet en todo o termo municipal
Non é a primeira vez que un afundimento provoca fendas e a derruba completa de treitos de estradas no Courel e, de feito, a mellora das comunicacións viarias é unha das demandas máis estendidas entre a poboación da comarca. Porén, nesta ocasión o afundimento da estrada provocou tamén o corte da conexión por fibra óptica a internet en todo o termo municipal de Folgoso do Courel, entre Seoane e Quiroga.
Non só se viron afectados os usuarios individuais, senón que o corte na rede deixou tamén sen servizo aos caixeiros automáticos ou ao Centro de Saúde, dificultando a atención sanitaria
Non só se viron afectados os usuarios individuais, senón que o corte na rede deixou tamén sen servizo aos caixeiros automáticos ou ao Centro de Saúde, dificultando a atención sanitaria. Técnicos de Movistar estaban a traballar este luns para tentar restablecer a conexión o antes posible. Os problemas na conexión de teléfono e internet na comarca son outras das reclamacións habituais da poboación. De feito, no 2018 Folgoso estivo dúas semanas sen conexión telefónica e aínda o pasado mes de novembro Movistar anunciou a supresión do teléfono fixo no Courel sen alternativas con cobertura ou acceso para todos os núcleos.
O corte na estrada vai supor maiores complicacións para o transporte escolar, dificultando a circulación de autobuses
O corte na estrada, debido á estreitez da vía alternativa, vai supor maiores complicacións para o transporte escolar, dificultando a circulación de autobuses, uns problemas que se engaden a unha situación de partida xa complexa, que nos últimos meses deu lugar a continuadas protestas na comarca. Tamén pode provocar problemas ao sector turístico, pola imposibilidade dalgúns autobuses para acceder a Folgoso dende o sur.
"Non pode ser que por estar no noso concello teñamos servizos de terceira", denunciaba Caurel Vivo
Hai tan só dous meses Caurel Vivo denunciaba o carácter limitado das obras de mellora da estrada LU-P-1301, que une Folgoso con Pedrafita, criticando que o aglomerado que se puxera non chegaba ao "espesor mínimo". "Non pode ser que por estar no noso concello teñamos servizos de terceira", denunciaba a formación.
Os problemas nas comunicacións viarias ou na conexión a internet son só dúas das eivas en servizos e infraestruturas básicas que dende a comarca do Courel se veñen sinalando nos últimos anos. Os servizos sanitarios, sobre todo debido á falta de médicos, son outra das demandas máis repetidas, o mesmo que o acceso a servizos bancarios (ao igual que en moitas outras zonas rurais galegas) ou á farmacia.