A Consellería de Medio Ambiente exime dunha avaliación de impacto ambiental completa o ancheamento de 5,4 a 7,8 metros de 14 quilómetros da estrada entre Folgoso e Seoane
A estrada autonómica LU-651 é a principal e case única vía que atravesa o Courel de sur a norte, de Quiroga a Seoane. Entre Quiroga e Folgoso do Courel foi mellorada hai dúas décadas, pero o treito de 14 quilómetros entre Folgoso e Seoane, cunha anchura media de 5,40 metros e coa recta máis longa de só 96 metros, quedou pendente malia as reiteradas promesas da Xunta. Entre outras cuestións, pola súa complexidade ambiental, ao discorrer por espazos protexidos, abeirada ao río Lor e sobre terreos inestables.
Agora a Consellería de Medio Ambiente vén de autorizar a obra, que ampliará o ancho da estrada ata os 7,80 metros cun investimento duns dez millóns de euros, con diversas correccións e medidas paliativas tras unha avaliación do impacto ambiental simplificada e non ordinaria que aínda así requiriu dous anos de tramitación e a petición de sucesivos informes complementarios a varios departamentos da Xunta e o Estado que dubidaron da actuación. O informe de impacto ambiental co que se valida finalmente a actuación, publicado o pasado luns no Diario Oficial de Galicia, sinala, entre outras consideracións, que a actuación terá efectos “significativos” sobre o espazo protexido de Rede Natura 2000 do Courel e impacto “severo” ou “moderado” en tres castros e unha antiga mina.
A lei contempla que a administración encargada de supervisar o impacto ambiental poida autorizar unha avaliación simplificada do mesmo e non unha ordinaria, máis complexa, baixo certos requisitos. Unha decisión que axiliza os trámites pero que nos últimos tempos xa lle supuxo á Xunta varias condenas xudiciais.
Iso é o que fai Medio Ambiente coa estrada entre Folgoso e Seoane, autorizar a obra cun informe de impacto ambiental que conclúe que “non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria”. Porén, o propio informe detalla diversos impactos da actuación sobre o medio ambiente ou o patrimonio.
O informe agora emitido describe a LU-651 entre Folgoso e Seoane como “unha estrada de montaña cun trazado de curvas con pendente lonxitudinal elevada, e de 5,40 metros de ancho de calzada, sen beiravías nin bermas” con “noiros de desmonte practicamente verticais en gran parte da lonxitude”. O obxectivo da obra será “a ampliación da plataforma da estrada, permitindo dous carrís de circulación de 3 metros de anchura en ambos sentidos e a implantación de cunetas de seguridade transitables de 0,90 metros de anchura”, o que suman un total de 7,80 metros.
O informe de impacto cualifica de "severo" o impacto nun castro e nunha antiga mina e "moderado" noutros dous castros
A estrada cruza o espazo protexido de Rede Natura Ancares-Courel, e discorre na súa maior parte por área de conservación (zona 2) e o resto por área de uso xeral (zona 3) “atravesando diversas teselas que conteñen hábitats naturais e hábitats prioritarios”, sinala o informe de impacto. Nel indícase a respecto deses hábitats que “os efectos apreciables derivados da execución do proxecto, aínda que significativos, non supoñen unha afección sobre a integridade do espazo da Rede Natura 2000 afectado”.
Sobre o impacto no patrimonio cultural, o documento indica que a actuación terá un impacto “severo” no Castro de Mogoxe e na Mina de Cortas de Ferrería Vella, onde as obras afectarán ás súas áreas de protección integral. No Castro de Foz e no Castro de Santo Estevo as obras afectarán ás súas áreas de cautela e o documento cualifica o impacto neles de “moderado”.